mércores, 10 de marzo de 2010

Rexeitada a ILP de Queremos galego

E tras a mostra de humor anterior, toca falar de cousass serias. O rexeitamento da ILP de Queremos galego. Deixo que falen as comunicacións que me chegaron o correo persoal por parte da CIG. 
Onte:
"Prezadas compañeiras,
Prezados compañeiros,

Na tarde de onte celebrouse reunión da Mesa do Parlamento e, como era previsíbel, tratouse de novo sobre a admisión a trámite da nosa iniciativa lexislativa popular. Como era tamén de agardar, o PP fixo valer a súa maioría no organismo para rexeitar que a ILP puidese emprender o seu camiño legal, porén contou cun sorprendente aliado: o representante do PSdG-PSOE tamén votou en contra.
Como xa se indicou en correos anteriores, cómpre responder canto antes, anunciando as medidas legais e sociais que se iniciarán inmediatamente. Así, hoxe martes 9 de marzo ás 17 horas na Galería Sargadelos de Santiago de Compostela (Rúa Nova, 16) haberá unha rolda de prensa da Plataforma “Queremos Galego” para valorar a situación e propoñer novas accións.

Unha forte aperta e moito ánimo, agora que é aínda máis preciso.
Seguiremos informando"

E hoxe chegoume isto:

"Enviamos información sobre a rolda de prensa de onte de Queremos Galego
Asunto   INFORMACIÓN URXENTE QUEREMOS GALEGO!

A/A. EDNL e comunidade educativa:

Prezada/o amiga/o:

A seguir enviamos información da conferencia de imprensa que tivo lugar hoxe
9 de marzo tras coñecermos o rexeitamento a trámite da Iniciativa
Lexislativa Popular presentada o 8 de febreiro pola plataforma Queremos
Galego, por parte da Mesa do Parlamento. Agradeceriamos a máxima difusión da
noticia por canto afecta a un dereito democrático básico como é o da
iniciativa popular e incide na política de desmantelamento da oficialidade
da nosa lingua por parte do PP.

Se quixeres coñecero o textoda ILP rexeitada pola Mesa do Parlamento podes
entrar en:
http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexi
slativa-popular

QUEREMOS GALEGO  COMEZARÁ A RECOLLER SINATURAS PARA EVIDENCIAR O APOIO
SOCIAL Á INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR REXEITADA POLA MESA DO PARLAMENTO

A plataforma asegura que “non vai calar por moito que queira Núñez Feijóo
que a sociedade deixe de defender o galego”

Queremos Galego estudará respostas xudiciais contra a resoluciónda Mesa do
Parlamento, que evidencia “a actitude prepotente dun Partido Popular que
teima en non querer escoitar a sociedade”

Santiago de Compostela. 9 de marzo de 2010. A comisión xestora de Queremos
Galego compareceu hoxe en conferencia de imprensa para, a través dun dos
seus portavoces, Carlos Callón, anunciar as medidas legais e sociais a
adoptar logo de a Mesa do Parlamento ter rexeitado por maioría a admisión a
trámite da Iniciativa Lexislativa Popular impulsada nos últimos meses desde
a plataforma. Esta iniciativa puxérase en andamento a través dunha comisión
promotora da que fan parte nomes senlleiros en diferentes ámbitos da vida
social e cultural do país, como Manuel Rivas, Avelino Pousa Antelo, Yolanda
Castaño, Margarita Ledo, Xurxo Souto, Marica Campo, Kiko da Silva, Xosé Lois
“O Carrabouxo” ou Sonia Lebedynski, entre outros.

Esta proposición de lei por iniciativa popular pretende garantir plenamente
a posibilidade de uso do galego das e dos cidadáns perante a administración
galega, desenvolvendo o estabelecido na Lei de Normalización Lingüística e
na Carta europea de linguas minorizadas.

Para Queremos Galego a non admisión a trámite desta ILP é unha mostra máis
“do medo que o Partido Popular ten a que a sociedade exprese de calquera
maneira o seu apoio ao uso da lingua propia e oficial do noso País, mesmo
utilizando e manipulando de xeito partidario institucións públicas como a
Mesa do Parlamento e lexislación como a da Iniciativa lexislativa Popular
para os seus fins”.

A plataforma cidadá lembra que o dereito á Iniciativa Lexislativa Popular é
un dereito democrático básico recoñecido na Constitución española, “que vén
de ser vulnerado”. A súa admisión a trámite non implica a súa aprobación, só
marca o inicio dun período de recollida de sinaturas entre cidadás e
cidadáns maiores idade e censuados en Galiza. Tras completarse o mínimo
necesario (15.000), con todos os requisitos recollidos pola lei, motiva o
seu debate parlamentario. Para a plataforma cidadá “é a este debate ao que
ten pánico o Partido Popular, xa que evidenciaría que detrás do seu discurso
o que se agochan son claras intencións de acabar coa lingua galega”. E
recorda que “iniciativas anteriores foron tramitadas, sen lles seren
aplicadas visións restritivas, con toda naturalidade, independentemente da
súa aprobación final ou non”.

Queremos Galego anuncia que “non se dobregará ante esta manobra
antidemocrática e autoritaria do Partido Popular”, que “aínda motiva máis”
ás perto de 700 entidades que integran a plataforma a seguiren realizando
accións  de defensa da nosa lingua. Neste sentido, Queremos Galego anunciou
que iniciará un proceso de recollida de sinaturas “exactamente baixo as
mesmas condicións que se faría coa ILP”, que serán presentadas no Parlamento
galego a todos os grupos.

Para dotar de garantías xurídicas e velar polo cumprimento da legalidade en
todo o proceso, constituirase unha comisión xurídica formada por
profesionais de diversos ámbitos do Dereito e a xustiza.

A plataforma cidadá chama ao pobo galego “a mobilizarse e non deixar pisar
os seus dereitos lingüísticos e políticos”, duplamente vulnerados ao
negárselle admisión a trámite parlamentar á iniciariva. Segundo Carlos
Callón,  “o PP terá que escoitar, quixer ou non, a voz do pobo”. E lembrou
que este “xa reaccionou exemplarmante á política lingüicida do actual
goberno a través das manifestacións máis grandes da historia democrática en
defensa da nosa lingua e cultura”. O tamén presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística amosouse convencido de que  a sociedade “volverá
mobilizarse por múltiplas vías” se fai falta e anunciou a presentación dun
calendario de “intensas actividades ao longo e largo de todo o país”.

Desde este momento Queremos Galego comezará a estudar a interposición dun
recurso de amparo ante os tribunais competentes contra a decisión da Mesa do
Parlamento, “co fin de restaurar en Galiza a normalidade democrática que o
PP teima en facer desaparecer”.

TEXTO DA ILP EN:
slativa-popular"

En fin nada novo por desgraza.



E logo ...

ti que ves sendo:  galego no senso mais pexorativo do termo, ou un intolerante con senso de inferioridade e perturbarción nacionalista?
http://aconjuradosnescios.blogspot.com/2010/02/upyd-institucionalizacao-do-racismo.html
http://perfectoconde.blogspot.com/2010/02/rosa-diezmada.html
http://revistaretranca.blogspot.com/2010/02/retranca-presenta-os-chistes-de-rosa.html
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6149
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6154
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6176
http://cafenatrincheira.trincheradigital.com/?p=1205
http://perfectoconde.blogspot.com/2010/02/xynthia.html
http://www.galicia-hoxe.com/index_2.php?idEdicion=1536&idMenu=149&idNoticia=520433
http://votoconbotas.trincheradigital.com/?p=6230






Tamén en Galizuberalles

venres, 5 de marzo de 2010

Data limite 1 de marzo de 2017 (parte II)


Eleccións de 2001:  Un 21 de Outubro todos os soños do nacionalismo, agarimosamente criados despois do 1997, chocaron coa realidade.  Os resultados foron:
PP: 791.885/52,51%/41 BNG: 346.423/ 22,97%/ 17 PSdG-PSOE: 334.819/ 22,20%/ 17  
Fóra do parlamento e dentro do nacionalismo quedaron: Democracia progresista galega DPG: 6.938/ 0,69%/-  FPG: 3176/ 0,21%/-
Total do nacionalismo (incluindo a DPG que a inclúo so polo nome pois non atopei datos): 356.537/ 23,87%/17 Aquí comeza a recuperación do PSdG empurrado polo comezo do efecto Zapatero e porque Touriño puxo certa orde aquí. Significativo do estado dun partido que alguen como Touriño chegue a ser candidato, pacificador do mesmo e finalmente presidente da autonomía. O voto prestado marchou. Beiras co seu carisma non daba mais de si. E a frase :"vendidos o capital e o españolismo" comezou a usarse para referirse o BNG. Curiosamente, esa frase que a min dixoma un coñecido ,membro de Agir, e que estaba moi orgulloso de non ter votado foi parella con outra dunha coñecida: "yo vote en blanco, porque una cosa es estar harta de Fraga y otra votar a los radicales del Bloque". Cousa de ter amizades variadas. E desde entón vivimos na paradoxa permanente: o BNG mais moderado, case é un partido rexionalista, perde votos por radical mentres outros non lle votan por moderado.

Eleccións de 2005: E por fin, un 19 de Xuño e polos pelos, rematou o fraguismo.
 PP 756.562/ 45,81%/ 37 PSdeG-PSOE 555.603/ 33,64%/ 25 (máximo en votos e porcentaxe do PSdeG) BNG 311.954/ 18,89% 13
 O nacionalismo tivo fóra do parlamento á: FPG 2.982/ 0,18 %/- NÓS-UP 1.749/ 0,11%/-
En total o nacionalismo tivo: 316.685, ou o 19,18% dos sufraxios e 13 escanos. Esta foi a vez na que nos consolamos coa chegada a Xunta e a desaparición do fraguismo. Para uns non foi consolo abondo, para min si. Respecto a estas eleccións quero mencionar dúas cousas: O Prestige e La Coz. Soe dicirse que foi o Prestige o que posibilitou a derrota de Fraga, eu dubidoo, nas municipais de 2003 o PP seguiu coma se nada incluso nos lugares mais afectados. A xestión da catástrofe foi mala non así a das súas consecuencias. As redes caciquis puxéronse a traballar e sementaron cartos a feixes. Nada produtivo porén totalmente valido para a mentalidade galega que o quere son os cartos na man e non promesas nin planos de futuro. Respecto a La Coz, primeiro o cidadán medio cre que é un xornal totalmente neutral e obxectivo pois entre outras cousas carece de editorial ( o do editorialista a inmensa maioría da xente ignórao, ata eu tardei anos en caer da burra o non fixarme na letra pequena). Ben e La Coz no último mandato de Fraga foi implacable co goberno: primeiro o Prestige, despois as caídas de Fraga, que se ía ser un candidato con mais de oitenta anos, a rebelión de Baltar, que se o PP estaba dividido entre boinas e birretes... Así todos os días xa fose na sección de Galicia, na de opinión ou na de España o tratar o PP, e moitos deles con triplete. La Coz ten influencia, non é paranoia do BNG. Non pode cuantificarse en votos, mais crea unha corrente de fondo que podo facer variar uns poucos ou moitos votos, ou sexa un escano. Lembremos que se gañou a Fraga no tempo de desconto pendentes do CERA. Se o candidato non fose Fraga e La Coz estivese dacordo o mais seguro é que o PP gañase no 2005. Fixo falta todo o anterior e o tiron do goberno amigo, ese gran mito galego, de ZP para gañar por un.

Eleccións 2009: 1 de marzo, día da desfeita, todas as enquisas trabucaronse e comezou algo moito peor que o fraguismo e quen sabe se mais longo.
PP. 789.427/ 46,68% / 38 PSdeG-PSOE 524.488/ 31,02%/ 25 BNG 270.712/ 16,01% /12
Sen escano quedaron os nacionalistas de: TEGA 18.726/ 1,11% /-  FPG 2.903/ 0,17% /-    NÓS-UP 1.510/ 0,09% /-  + G 923/ 0,05%/-
O total do nacionalismo obtivo: 294.774 votos, que supuñan un 17,43% e 12 escanos. Case de volta os resultados de 1989. Pode dicirse que o 2009 foi unha repetición do 2005. Agora La Coz escolleu o BNG como branco e durante case catro anos xa fose pola Cidade da Cultura, a feira da Habana, o uso do termo Galiza, e sobre todo a partires do 2007 o decreto do galego e o concurso eólico, o BNG saíu ata na sopa na Coz, raro era o día que non fixese triplete nas seccións. Ah, ademáis non estaba Fraga, senon un candidato novo mais acorde os novos tempos.
 Se miramos o conxunto das eleccións teríamos unha media de: 317.772 votos, que supoñen o 20,74% dos votos validos e 13 escanos. Se descontamos os resultados de 1997 a media queda en 299.252 votos, un 19,67% dos sugfraxios e 12 escanos. Ou sexa que mais ala de utopías como a das enquisas do CIS e o seu mitico 25% de nacionalistas e espellismos coxunturais como 1997, a situación normal do nacionalismo (por outra banda bastante estable) é a de 1993 e 2005.. O quid da cuestión pois é non baixar mais e non perder o único logro destes anos: a unidade de voto. Porque non esquezamos que os partidos son un medio, non un fin. Por iso considero que moitas das criticas que se fan o BNG (e mira que eu tamén o critico) son excesivas e que como non me canso de repetir(1,2) o nudo gordiano da cuestión esta en cantos somos e que facemos cos que somos.

Bueno e que ten que ver todo o que dixen co aniversario da derrota e co 1 de marzo do 2017?

- Co aniversario: pono no seu sitio e bota un pouco de realidade sobre unhas excesivas ilusións que comezaban a agromar nalguns espazos da rede. Se o pesimismo do ano pasado, compartido por min e orixe deste blogue, era esaxerado o optimismo do momento presente e aínda mais irreal. As masivas manifestacións a prol da lingua poden moi ben ser flor dun día. Carecemos de apoio mediatico e os aliados puntuais non son de fíar. O PSdeG e moitos dos que se manifestaron anhelan unha solución de compromiso que faga voltar as cousas o rego: desaparición paulatina baixo unhas medidas supostamente proteccionistas. Co cal para cando toquen as eleccións seguintes, supostamente no 2013, todo iso estara superado e esquecido. No 2013 se o PP esta no goberno do estado o efecto goberno amigo tirara del e o PSdG será un caos.  Ademais claro esta que o  CERA esta vez voltara a ser para os conservadores. A baza que xogaran os socialistas galegos sera a de sempre: presentarse como o mal menor. Tentaran por todos os medios manterse na ambigüidade mais absoluta para non perder votos xacobinos fronte a UPyD e gañar votos do BNG. De feito a súa campaña seguro que estara mais orientada a fagocitar o voto nacionalista que a tentar derrotar o PP. O quid da cuestión é cantos van picar o anzol. O 2013 será unha vitoria do PP. Vitoria que pode ser eterna porque xa aprendeu a cambiar de candidato e seguir no poder: fixoo en Madrid, en Valencia e Castela e León e farao aquí. Non caiamos nos vellos erros de cargar todo nos ombreiros de Feijoo. O importante é o PP, mellor dito as politicas do PP. Politicas que o PSdeG non cambia moito. De feito aí esta a experiencia do bipartito na que Touriño deulle unha vicepresidencia simbólica a Quintana porénn quen mandaba cando non estaba era Pachi, un conselleiro. Iso sin contar que o PSdeG adicou mais esforzos a torpedear a acción de goberno das Consellerías do BNG que a gobernar el mesmo. O do decreto do gaelgo foi de antoloxía: feito nunha consellería súa acabaron botandolle a culpa o BNG e asumindo a tese da imposición. Con todos eses vimbios a campaña da Coz era doada. (Por certo que a campaña da Coz anti nacionalismo segue como so o goberno non tivera cambiado, so da certa tregua nos ultimos meses polo das caixas).

- Co 2017. Ben, as políticas tardan un tempo en dar resultados tanxibles. No caso do tripartito as súas medidas foron mantidas polo goberno de Fraga so que cambiandolles o nome e ocultando a súa procedencia. Iso permitiulle gobernar os dous primeiros mandatos. Cando se esgotaron as ideas do tripartito tivo que botar man do "toca sacrificarse por España" que lle deu outros dous mandatos nos que o goberno da Xunta non fixo nada. No caso do bipartito nunca saberemos ata que punto eran factibles pois Feijóo eliminounas por completo. Dadas as multiples frontes que o actual goberno abre cada día, os verdadeiros efectos non serán plenamente tanxibles ata o 2017. De aí o de data limite. Se para esa data o nacionalismo non é quen de artellar unha vía de acción que de resultados o estilo da vía culturalista de Ferreiro durante o franquismo, non quedara nada polo que loitar en Galiza. E esa vía non pode ser so política. Centrar todos os esforzos nunha suposta maioría que algun día caera do ceo é un esforzo inutil. A fin de contas ese día non da chegado e cada vez queda menos de Galiza. E precisamente nesa loita por salvar todo o posible é onde a unidade nacionalista é mais necesaria.

Para rematar dicir que todo o anterior non pretende ser unha profecía, todo o contrario. Eu estarei nesas datas, se Deus quere, mais que feliz de terme trabucado, de trabucarme. Por desgraza tal e como están as cousas hai poucas posibilidades de que asi sexa, e tamén moi poucas de que o nacionalismo espabile e non acabe sendo un mais deses movementos minoritarios e utopicos que circulan pola rede. Respecto o 1 de marzo do 2009 todo o que dixo Heder, naquel intre colaboradora anónima, segue sendo valido.

ENGADIDO: o venres 26 de febreiro "El Gato al Agua" fixo un especial desde o teatro Jofre de Ferrol onde Feijóo volveu darse un baño de moderación. Entendase moderación porque as súas verbas eran as mais moderadas das que ali se dixeron. Todo o que dixen aquí vale outra vez.

xoves, 4 de marzo de 2010

Data limite 1 de marzo de 2017 (parte I)

Chegou, e pasou que non puiden estar a tempo, a data do aniversario da desfeita e todo parece ter voltado a normalidade, da de verdade. O PP no goberno facendo o de sempre e a oposición sacando peito e dicindo que desta si, desta vai porque o pais non vai aturar nen un día mais tanta desfeita e tanta ignomia. Pretensión esta da oposición que chocara coma sempres coa dura realidade, ou non? Deberíamos crer que desta vai e conxurarnos con tantos outros no obxectivo do 2013? Iso si que é ilusión e non a de Madrid coas citas olimpicas. Polo momento nada indica que o 2013 sexa a data. (1,2)
En fin antes de analizar se existe ou non esa data taumatúrxica permitidime botar a vista atrás, xa sabedes deformación de historiador que sempre andamos rosmando co pasado por ser poder botar luz sobre o presente.
O 17 de decembro de 1989, curiosamente o mesmo día que en 1483 decapitaron a Pardo de Cela, Fraga gañou as eleccións o parlamento e deu comezo a 16 anos de fraguismo ou "Pax Fraguiana". Nesas eleccións o tripartito foi derrotado e comezou un proceso de borrado e emporcallamento da súa memoria que se mantén ata hoxe. Nese día os resultados foron, no que atinxe os grupos que conseguiron representación parlamentaria, os seguintes (votos/porcentaxe/escanos):
 PP 583.579/ 44,20%/ 38 PSG-PSOE 433.256/ 32,81%/ 28 (máximo número de escanos dos socialistas) BNG 105.703/ 8,01%/ 5 P. Socialista Galego-Esquerda Galega PSG-EG 50.047/ 3,79%/ 2 Coalición Galega CG 48.208/ 3,65% 2
A eles habería que engadir dentro do nacionalismo e fóra do parlamento:
P. Nacionalista Galego-P. Galeguista PNG-PG 18.036/ 1,37%/-   Frente Popular Galega FPG 2.629/ 0,20%/-
En total o nacionalismo obtivo: 248. 263 votos que supoñían o 17,02% dos votos emitidos e 9 escanos
Eleccións 1993: As eleccións foron o 17 de outubro. Nese día os resultados foron, no que atinxe os grupos que conseguiron representación parlamentaria, os seguintes (votos/porcentaxe/escanos):
 PP 763.839/ 52,62%/ 43 (máximo de escanos do PP) PS de G-PSOE 346.831/ 23,89%/ 19  BNG 269.233 18,55/  13
Fóra do parlamento e dentro do nacionalismo quedaron:  CG 6.098/ 0,42%/-   Alternativa Galega AGAssembleia Do Povo Unido APU 1.492/ 0,10%/- 3.187/ 0,22%/-  
Total do nacionalismo: 280.010/19,29%/ 13
Eleccións 1997: A campaña do vamos a ganar de Abel Caballero e non imos pactar que nos sos podemos e xa imos en coalición esnafrouse contra a realidade un 19 de outubro. Nese día os resultados foron, no que atinxe os grupos que conseguiron representación parlamentaria, os seguintes (votos/porcentaxe/escanos):
 PP 832.751/ 52,88%/ 42 (máximo de votos e porcentaxe do PP) BNG 395.435/ 25,11%/ 18 (maximo de votos e porcentaxe do BNG) Partido Socialista de Galicia/Esquerda Galega/Verdes PSdG/EG/OV 310.508/ 19,72%/ 15 (dous escanos foron para Esquerda galega, o PsdG 13, minimo de votos e porcentaxe do PSdG)   
Tamén habería que contar dentro do nacionalismo e sen escano : Democracia Galega DG 11.538/ 0,73%/-    FPG 3.395/ 0,22%/-
Total do nacionalismo: 410.368/ 26,06%/18 (maximo en todos os aspectos, O Santo Graal a conquerir de novo!. Unha falacia: parte era voto prestado socialista farto de Don Manuel e desesperanzado pola crise do partido a nivel estatal e autonómico. O nacionalismos enganouse nese momento (eu tamén o fixen nesas datas) crendo que por fin este ía ser un pais normal e o nacionalismo converterse na primeira forza ou cando menos na alternativa real ao PP.

Continua maña...