venres, 5 de febreiro de 2010

Porque os venres son un bo día

Comezo coa difusión dos acordos da Plataforma Queremos Galego para as vindeiras datas:

"INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR
Comezaranse os trámites para impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular, que dea garantías legais que posibiliten o uso do galego en todos os ámbitos e nomeadamente no ensino e na administración.
A cantidade de sinaturas mínima que cómpre recoller é de 15.000.
Para posibilitar a participación do alumnado, que participou activamente na folga do 21 de xaneiro, editaranse tamén pregos de sinaturas que permitirán aos menores de idade expresar o seu apoio á ILP. O texto da ILP pódese consultar en http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexislativa-popular , así como no arquivo adxunto que vos achegamos. O luns 8 de febreiro entregarase no rexistro do Parlamento. ( O arquivo aquí Texto_definitivo_da_iniciativa)

FESTIVAL DE MÚSICA QUEREMOS GALEGO
Organizarase cara o mes de abril un festival de música en Santiago coa presenza de diferentes grupos galegos.

CONTESTACIÓN AO PROXECTO DE DECRETO
O plenario acordou convocar actos en todas as comarcas o día seguinte da presentación do proxecto de decretazo contra o galego, que previsibelmente será neste mes de febreiro.

REPARTO DE BANDEIROLAS, CAMISETAS E BONOS DE AXUDA.
Repartiranse as bandeirolas de Queremos Galego para colocarmos nas fiestras, e facermos público dese xeito o noso apoio á nosa lingua e o noso rexeitamento á política lingüística do gobernos da Xunta. Ademais seguen á venda polo prezo de 10€ bonos-axuda de Queremos Galego e camisolas para sufragar gastos.
É importante contribuirmos aos gastos da plataforma adquirindo algún destes bonos ou camisolas.

MOBILIZACIÓN 17 DE MAIO.
Ao redor do 17 de maio convocarase unha manifestación nacional na defensa na nosa lingua."

E agora o título da anotación. O luns comezo dous cursos que me van ter moi atarefado, xunto o propio traballo, ata fins de Maio. Ergo os contidos e actualizacións do blogue vanse resentir. Coma noutros casos anteriores tentarei que polo menos haxa unha anotación a semana: os venres. Se a anotación vai ser miña, unha colaboración ou unha simple sucesión de comunicados como o anterior dependera das circunstancias e do tempo que finalmente teña.  En calquera caso animo os lectores a seguir pasando por aqui, ainda que so sexa como un paso cara a outros sitios da rede (para iso están as ligazóns).

P.D: O 1 de marzo cae luns. Pese a todo tentarei ter algo para o primeiro aniversario da Desfeita.

Ningún comentario:

Publicar un comentario