venres, 12 de marzo de 2010

AO PASAR POR AQUÍ: PENSAMENTOS SOBRE A CRISE. (final)



"Pasemos aos traballadores. Neste tema fóra as visións paternofiliais e sindicais. Nun país coma Galiza sen apenas inmigración, con algunhas zonas onde hai traballo, cun certo apoio das casas mantendo unha estrutura familiar tradicional, non se pode permitir que a xente continúe a comportarse como na Inglaterra decimonónica sen abrir a boca, con auténticas pelexas por facer horas extras, colaborando na explotación e na degradación máis absoluta. Neste sentido gustaríame saber que fixo a xente nos últimos e esplendorosos anos de puxanza económica para intentar blindar os seus postos de traballo e as súas condicións laborais. Maiormente nada ou mellor dito poñer a man para recoller sobres a final de mes ben cargados de diñeiro e que moitas veces se restregaban ao veciño formado que tiñan máis perto.

Unha persoa á que o sistema educativo ofreceu un agrupamento, logo un programa de diversificación, logo un exame ridículo para ingresar nun módulo de FP e os rexeitou todos, merece que algún organismo se siga interesando por el?

Un operario que leva vinte anos sen un cursiño de formación nen de reciclaxe está en condicións de demandar algo?

Un operario que manda o seu curriculum nun radio de acción da súa casa de vinte quilómetros mentres a xente con formación bota media vida peregrinando ata que se pode asentar, merece ter un traballo digno?

Por último, o funcionariado. Pois estamos coma o proletariado, pero con menos horas. Asentados, con pouca formación real, e cun índice de produtividade baixísimo (por certo, se a produtividade é baixa, alguén sabe por que hai problemas de paro?). O único bon é que como man de obra cualificada somos irrisoriamente baratos (tiven unha discusión con alguén sobre isto fai pouco). Chega con ver as condicións dun médico aquí ou en Portugal. Evidentemente, e por moito que lle doa á clase política, os chiringuitos de non funcionarios hai que pechalos. Dan moitos votos (a nós non…vaia por Deus, que gustar gustábannos) pero hai que pechalos ou meter a xente que realmente sexa necesaria no funcionariado e con oposición seria.

Solucións

Non pensarán por un momento que teño a solución, verdade? Non, está claro. Mais vexo que os discursos se atarabelan entre o máis próximo e tendencioso e as grandes frases sen concreción. Algunha idea que fique no medio debo ter:

a. Xa foi dito: o primeiro, multiplicar os mecanismos de control e poñer a funcionar os que xa hai. Isto chámase convocar oposicións a determinados organismos deses que a xente non quere nin oir nomear. Isto xa saiu no Blogue co de Anasagasti.

b. Aliarse coa patronal no tratamento que esta pretende dar ao lumpen ao mesmo tempo que se arrincan condicións favorábeis reais para a man de obra cualificada. Ao mesmo tempo artellarase un sistema de bolsas para que calquer traballador poida cada dez anos disfrutar dun de formación co fin de sair dese lumpen. O ensino nocturno e o achegamento das clases traballadoras ás escolas de idiomas, escolas de FP, etc ten que facerse xa. É anacrónico nun país europeo seguir dividindo a vida en periodo de formación e periodo laboral.

Por outro lado os módulos de FP teñen que seguir un principio de territorialidade e axustarse á demanda laboral dos lugares nos que están instalados.

c. O Estado ten que ceder parte da formación ás empresas, e que estas poidan expedir titulacións como ocorre en Franza e noutros países europeos.

d. Mentres a FP continúe a ser o refuxio dos fracasados dun sistema educativo feblísimo nas súas esixencias, seguirá sendo un desastre. Tanto a FP como a xente que forme. Isto é coñecido polo empresariado, que tratará esa man de obra en concordancia con isto.

e. As institucións deben facer un esforzo na formación do consumidor. Realmente as xeracións novas deste país parecen xentiña do Bloque Soviético: compradores compulsivos que están comezando a disfrutar do capitalismo

f. Por desgraza en Galiza hai un problema xusto á inversa do anterior. Como vamos a convertir en compradores a unha terceira parte do país que continúa, practicamente, na economía de subsistencia?. Cunha risa nos beizos sempre digo que se os vellos gastasen os seus cartos de repente, este país poñíase por diante das grandes potencias mundiais.

g. Hai que intentar ter un sector servicios cada vez máis diversificado, e para iso é necesario crearlle outras necesidades á xente para alén de coche e casa, que é onde se vai o 90% do diñeiro dunha gran parte dos galegos. Vese que non son comunista, claro.

h. Coas autovías rematadas, temos que comezar a ver Galiza como cidade global e funcionar coma tal á hora de buscar traballo.

i. O diñeiro de pechar os chiringuitos ten que ser destinado integramente á ciencia e a traer toda a xente que tivo que marchar deste país no campo da investigación.

l. Se os emigrantes teñen que esperar para cumprir o punto i, que esperen, que xa levan fóra tempo.

m. Hai que dicir a verdade do que vai pasar cos sectores produtivos dunha santa vez, e saber que tanto por cento da poboación pode vivir (non malvivir) disto. Isto é pedir unha análise económica seria e pagala.

n. Relacionado co turismo, estamos ficando fóra dun gran momento da cociña no Estado, e por desgraza a paletada dos restaurante PP cocedeiros de marisco aínda non rematou. Vai sendo moita hora de que remate.

Hai que dinamitar o que está construído fóra da lei e con rapidez, maiormente na zona costeira. A Estación de esqui en Penatrevinca é dunha necesidade incontestable e os ecoloxistas que se encadeen se queren. As axudas para pintar casas, restaurar e poñer vexetación que peche os desastres deben ser continuas e obrigadas.

ñ. Nen unha soa axuda ao turismo de comprar un piso aquí. A meirande parte das construtoras foron e son de fóra, e ese turismo só frecuenta as sardiñadas gratis.

o. Cargar contra o Xacobeo só se lle ocurre aos esquerdosos enfermos. Grazas a el somos coñecidos en Europa, e é das poucas veces que chega alguén que non sexa o madrileño de turno.

Son unhas poucas ideas que considero reais e de fácil execución e que sen dúbida podían ter consecuencias ben positivas para o noso país.

E as caixas???

Ben, as caixas son un tema de tantos nos que a política quere suplantar a realidade… Se Caixa Galicia tivese invertido os seus activos doutro xeito… se Galiza tivese un potencial financeiro enorme…se, se, se…pero non; o que quere dicir que non poden absorber a ninguén e que serán absorbidas. Eu dáballas a La Caixa
que polo menos fode aos de Madrid.




Saúdos."

ENGADIDO: Rematei de etiquetar todas as colaboracións antigas en Galizauberalles. O clickar en Xopau e Heder, en Galizauberalles,  saen todas as colaboracións destes, incluidas as anteriores a pausa do verán.


1 comentario:

  1. Milles a teoría do pago as clases baixas para sua tranquilidade tá bem , mas uns apontamnetos.
    -Nem o diñeiro nen os impostos som ad infinitum,é unha drogha, inflación, intervencionismo, taxas e ao final quebra. fai falta unha sociedade moi forte e controladora dos poderes públicos para xestiona-la.
    -Creas un xigantesco incentivo para a corrupción.Ademais os traballadores e as pimes pagam tuda a festa amigo,sae mal
    -son insaciaveis sempre querem mais.

    A porporción de imbecis na Galiza é elevado, o frijol arrasou nas clases humildes,veres o post do Bouza, depois de 4 anos de gasto social e socialdemocrácia(só funciona cando há cartos)como nunca,os ppeppeiros com boa propaganda ganhan. O socialismo nunca serva e na galiza menos, e mais rendível 5 millóns a voz que 50 millóns en hospitais. Portugal vai-nos parecer suiza en pouco xa veredes. En definitiva ao cotrario que o miles , as clases ppoppulares na Galiza prefirem ser um pobre non no Rio senóm em caracas(que hablan castellano y es mais fino).
    respeito os apontamentos do xopau, eu quitaría onde pon fazer tal e qual e poñería quitar, quitar de tudo.
    A solución:Independência e paraiso fiscal, seguridade xurídica e da outra parlamento soberano e impostos de 10000 euros estranxeiro/ano e nada mais. para obter a nacionalidade saber galego, en todas as normamtivas(havidas e por haver) e ter sotaque montanhes , senóm a pagar,
    respeito a lingua temos 230 millóns de falantes dun idioma que está meio caminho do que falamos, aí no Brasil e o futuro e deixar de fazer o parvo. Há outra solución que isa? saudos duar

    ResponderEliminar