Unha mais das varias acusacións que se verten contra os que defendemos o galego é que nos negamos a aprendizaxe de calquera outra lingua.... e de aí que rexeitemos os decretazos do "plurilingüismo e galeguismo cordial". Dicir que é falso é algo redundante a estas alturas. Claro que se queren plurilingüismo de verdade, por que non un que respeta e promociona a nosa lingua o mesmo tempo que permite adquirir outras? Todos sabemos a resposta. E tras esta breve intordución deixo que sexa Bernardo Penabade o que nos presente o modelo Burela.
1. Como definiría o Modelo Burela e en que consiste exactamente?
Permíteme que vaiamos por partes. O Modelo Burela naceu como unha estratexia pedagóxica. Noutras palabras: comezou sendo unha intervención educativa en cadea. En termos de pragmatismo, pensouse para ser aplicado con mínimos recursos humanos e económicos. Seguindo a estratexia do xadrez, o Seminario de Lingua e Literatura incidiu sobre o alumnado, aproveitando os resultados favorábeis incidiuse sobre as familias e despois sobre o claustro e, finalmente, sobre o Concello, que aprobou oficialmente a denominación Modelo Burela.
Que é hoxe? Pois un Proxecto de Planificación Lingüística Municipal. O terceiro dun concello galego e o primeiro con orientación universalista, moi ao estilo do universalismo da revista Nós...
2. Non se vaia polas ramas, por favor. Que é o Modelo Burela?
Moi fácil: o modelo de uso lingüístico que calquera familia responsábel quere para os seus nenos e nenas. A planificación para que os e as cidadás do futuro teñan fluidez en tres linguas internacionais. Aínda máis claro? Pois que os nosos mozos e mozas teñan boa competencia en castelán e en inglés... e que non a teñan menor en galego. Aspiramos a gañar o partido por 3-2.
3. Foi moi difícil acadar o acordo dos distintos grupos municipais?
Foi tan fácil como beber un vasiño de auga fresca. Afortunadamente toda a corporación municipal de Burela está constituída por persoas con moi boa formación. Nese sentido tivemos moita sorte. O Alcalde foi director de instituto; ten fillos e sabe perfectamente que hai que esforzarse para darlles unha boa formación. A primeira Tenente da Alcaldía é profesora de Lingua e Literatura Galegas. A Concelleira de Educación é licenciada en Historia da Arte, especialista na xestión de patrimonio. O Concelleiro Cristóbal Edrosa é profesor en activo desde hai máis de vinte anos e durante moitos foi Concelleiro de Cultura. A súa xestión foi precisamente moi na liña do Modelo Burela. Daquela non existía esa denominación, mais si existía esa filosofía. O Concelleiro Luís Miguel Pedre é un filólogo destacado, un brillante discípulo de Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer.
4.- Unha moi boa formación non implica...
Ben sei. Podían ter moitos títulos e seren uns crápulas. Ben sei que podía ser así. Mais, afortunadamente, non o é. Son persoas moi responsábeis que están escribindo unha fermosa páxina para a historia de Burela.
5. Houbo algún cambio na actitude do grupo do PP tras as eleccións?
Houbo responsabilidade. Mentres continúen estas persoas, non temo ningún cambio. As persoas que redactaron o Modelo Burela non son cataventos. Son persoas, no máis estricto sentido da palabra.
6. Como ve o futuro do Modelo Burela co decretazo?
En principio, o “decretazo” non tería que ser nada negativo para o Modelo Burela. A min non me molesta nada que se comparen os obxectivos, a metodoloxía... e tampouco me mete medo que no futuro se comparen os resultados.
7. Se o obxectivo é o plurilingüísmo, por que non se copiou o Modelo Burela?
Tal vez sexa que non o soubemos divulgar ben. Está claro que esta é unha materia pendente. Sinceramente, non me cabe na cabeza que o profesorado (Vice-direccións de actividades culturais, seminarios de Lingua Castelá, de Lingua Inglesa, de Lingua Francesa, de Lingua Galega, de Historia...) non teña profundizado no Modelo para levalo a outras comunidades educativas. Tampouco me cabe na cabeza que a información non teña chegado aos ollos ou aos oídos de persoas con responsabilidades en concellarías de Educación, de Cultura... de Mocidade.
Recoñezo que fallamos en comunicar... mais está habendo algo de despiste tamén pola outra parte, pola da recepción. Temos unha longametraxe para visualización en aberto desde o portal do Consello da Cultura Galega, aparecemos na TVG, na Radio Galega, en Vieiros...
8. Que opina dos decretazos?
Dan réditos electorais para hoxe... e miseria para o mañá. Os decretazos son máis mesmo: levamos moitos anos coñecendo ese modelo e, ademais, por propia experiencia. Os decretazos son reducionismo con ínfulas universalistas... mais, ao fin e ao cabo, reducionismo. Como dicía antes: na fluidez en castelán, empatamos; na das linguas internacionais, tamén empatamos (iso como mínimo); e no coñecemento, aprezo e uso do noso... sinceramente penso que non hai cor. Falo de miseria nese sentido.
Aquí o documental completo. Aquí unha reacción dun profesor de lingua castelán. E a continuación un fragmento do documental colgado en youtube:
Ningún comentario:
Publicar un comentario