venres, 11 de xuño de 2010

España: o imposible soño federal IV

Continuo coa miña análise do federalismo imposíbel en España. Ver a anotación anterior. Agora ben, antes de entrar en materia difundo un aviso que esta relacionado co período a analizar hoxe: Segunda República e Franquismo:


 Vários colectivos da comarca de Ordes (A.C.Lucerna, A.C.Foucelhas), de Bergantinhos (A Revoltaina Cultural da Beira de Bergantinhos)  estam a organizar para o 27 de Julho umha festa comemorativa do 79 Aniversário da proclamaçom da República Galega, efectuada em Compostela durante a greve dos trabalhadores do caminho-de-ferro no 27 de Junho de 1931, justo antes das eleiçons às Cortes Constituíntes da República Espanhola. Polo simbolismo do sítio, a festa fará-se na estaçom velha de Gesteda (Cerzeda), abandonada ao passo do AVE, e situada à beira do Lenguelhe…..
Se tes un colectivo(cultural,ecoloxista, de teatro….), unha asociación, libraría, tenda ecolóxica, grupo ecoloxista, es artesán, tedes unha editorial,grupo musical, calquera cousa en xeral relacionada coa cultura galega … e queredes expoñer alí, e de balde. Podes poñerte en contacto no enderezo          comarca-de-ordes@googlegroups.com
Máis información:

Dito o anterior comezo imos o choio, longo neste caso polo quen queira aqui o ten en pdf: Federalismo

A Segunda República é o período mais determinante da historia recente de España e de Galiza. Pensemos que do seu fracaso se derivara a longa noite de pedra do franquismo e o apaño de mínimos que é a Transición e con ela a democracia actual.

Antes de entrar no tema que nos ocupa, o imposible soño federal en España, convén facer un repaso a como chegou e porque fracasou a Segunda República (de aquí en diante a República).

A República chegou tras o desprestixio da monarquía, o fracaso da ditadura e o afundimento da Restauración pola súa negativa a evolucionar dun sistema liberal a unha verdadeira democracia.  Dun xeito semellante a como chegou o Sexenio Democrático as forzas políticas excluídas do sistema puxéronse dacordo para derrubalo e traer a República. Esta chegou da man de tres grupos distintos aliados coxunturalmente:

- os partidos republicanos. Un amplo abano de ideoloxías que ían da esquerda a dereita pasando polo centro. E de posturas xacobinas a outras federais. Eran os que verdadeiramente crían na República e deberían ser o alicerce do novo réxime. Non lograron selo porque en conxunto foron sempre minoritarios fronte as outras opcións. Como curiosidade dicir que os postulados dos partidos da esquerda republicana noutros países de Europa situaríanos dentro do liberalismo democrático, e por tanto, na dereita.
- a esquerda obreira. Dividida entre anarquistas e marxistas. Estes últimos a súa vez divididos en socialistas (PSOE) e comunistas (PCE). Co PSOE dividido a súa vez en faccións entre socialdemócratas reformistas e os partidarios de facer a Revolución antes que o partido comunista. Foron o maior grupo dentro dos partidarios da República e sempre a viron como un medio non coma un fin. Por outro lado o atraso e inxustizas do país xustificaban e dábanlles a razón para a súa urxencia a hora de avanzar nas reformas. Como curiosidade, o PCE que levou a peor fama, foi dos tres grupos o mais coherente e responsable o longo de todo o período.
- os nacionalismos non españois. Minoritarios, divididos entre esquerda e dereita, con proxectos desde un modelo federal a vellas reminiscencias rexionalistas e por vez primeira con algún plantexamento independentista.

Estes grupos trouxeron a República esperando que satisfacera as súas demandas, a veces contrapostas, e acabaron por ser os únicos que por convicción ou interese creron nela.

Fronte a estes a dereita maioritaria, que nunca se sentiu representada polos partidos republicanos de dereita, foi pillada por sorpresa coa chegada da República. Como ademais, nunca tivera necesidade de artellar un partido político que a representara nin participar no xogo político porque o Estado era seu, o Estado eran eles. Quedou marxinada, mais ben automarxinouse, do proceso constituinte. Co cal xa pasamos as responsabilidades do fracaso da República:

- A constitución de 1931, por ser elaborada por maioría sen contar coa dereita. Como escusa non está mal. As constitucións e todos os acordos fundacionais básicos sempre é mellor que se tomen por consenso. Porén de non ser así se a decisión se toma por maioría de xeito democrático haberá que aceptala. E cando chegue o momento cambiar esa decisión mediante unha nova maioría ou a ser posible esta vez por consenso. A dereita non aceptou a República. Non aceptou a Constitución. A idea de cambiar a Constitución ou renegociala foi descartada. O non á todo e a eliminación da Constitución foron o seu único desexo durante todo o período.
- Os nacionalistas non españois por tensaren demasiado a situación. Tendo en conta o pouco que conseguiron se iso é tensar a situación implica que a única opción posíbel é: xacobinismo e madrileñismo si ou si.
- A esquerda por radical e pola Revolución de Asturias. Para o primeiro punto vale o dito no apartado anterior. Para a Revolución de Asturias dicir que é un acto antidemocrático, contrario a dereito, irresponsable, contraproducente, ilexítimo,  e podería seguir. Porén a República non caeu ese día. O goberno seguiu funcionando e a legalidade e a lexitimidade institucional continuaron o seu curso. En virtude do cal o goberno impuxo a orde e restaurou a legalidade en todo o territorio. Ergo a Republica seguiu adiante e non se desfixo.
- A dereita por non aceptar a República. Pois si foi ela. Pode ter certos atenuantes polo visto anteriormente. Porén a responsabilidade última é dela e so dela. Desde o comezo non se plantexou outra alternativa que non fose volver o de antes, a ser posíbel purgando a todos cantos se atreveran a cuestionar a orde natural das cousas. Di moito de como era o feito de que para eles os partidos republicanos, considerando o que xa dixen deles, fosen igualmente dignos de ser purgados por radicais. Tentou a volta atrás con Sanjurjo e conseguiuno con Mola e Franco.

Certo que para comprender todo o período hai que ter en conta: a crise do 29; o enfrontamento entre fascismo, comunismo e democracia; ou o anticlericalismo español e os seus excesos. Certo mais todos son atenuantes que non eximentes da culpabilidade de quen a ten. Sen eles a República non tiña porque acabar como acabou.

Tras esta longa exposición das características da República chegamos o asunto que nos ocupa:o federalismo.

Desprestixiado o concepto de república federal polo fracaso da Primeira República e cos republicanos federalistas en minoría todo parecía indicar que o novo réxime sería centralista. Aquí e onde intervén o feito de que os partidos nacionalistas non españois formaran parte dos acordos que fixeron posíbel a chegada da República. Dado que había que "contentalos" inventarase a formula dos estatutos de autonomía. É dicir, unha ampla descentralización administrativa e política que non toque o tema fundamental da soberanía, que continuara a ser patrimonio de España, e o que se deriva dela: indisoluble unidade do Estado e carácter reversible de canto este ceda. O primeiro estatuto foi o catalán e provocou unhas reaccións semellantes o actual so que multiplicadas polas características da época. Tras este comezaran a redactarse outros moitos sendo paralizados durante o Bienio negro, reactivados co triunfo da Fronte Popular e eliminados coa guerra civil.

De todo o anterior quedaron dúas ideas clave: era posíbel unha certa descentralización política e administrativa sempre que os partidos nacionalistas non españois fosen capaces de arrincarlla o maioritario sentimento xacobino. E un estado federal entra no terro da utopía por ser "demasiado radical" para o español medio.

A longa noite de pedra do Franquismo.
O franquismo constituíu o réxime mais centralizado e autoritario da historia de España. Todo o que fose diferente as ideas reitoras: centralismo-unidade, con Madrid como único lugar a ter en conta; castelán como único idioma, e a reacción como única idea política foi perseguido e eliminado. Será precisamente o franquismo o que en aras desa centralidade potencie o papel económico de Madrid ata convertelo no monstro que é hoxe. Unha cidade que vive e se expande a costa de chuchar os recursos de todo que ten o seu redor: xa sexa Guadalajara ou Galiza. A idea, lograda, era unir poder político e económico restándolle protagonismo os dous motores económicos existentes hasta o momento: Euskadi e Catalunya.

As ideas federais e nacionalistas non españolas sobreviviron no exilio e na clandestinidade. Porén, será o franquismo , da man dos tecnócratas, quen a medida que o desenvolvemento económico mostre os limites do centralismo o que cree unha idea "nova": as rexións. As rexións franquistas pretendían agrupar diversas provincias para aplicar determinadas políticas económicas e racionalizar a administración. Non terían ningunha capacidade política sendo simplemente entes administrativos. E por que teñen importancia? Pois por dous motivos:

- unha vez morto o ditador, no franquismo sen Franco que pretendían as leis do réxime o seu papel iría en aumento. Incluso nalgúns libros de texto, que non chegaron a entrar en vigor e que subsisten como reliquias nalgúns departamentos de ciencias sociais onde puiden ver un, se falaba da necesidade de potenciar o sentimento rexional. Sentimento que sería o alicerce do sentimento nacional, da nación única: España, e que se diferenciaba claramente do separatismo o cal axudaba a combater.
- porque pese a que todas as súas atribucións nunca entraron en vigor si estaban pensadas e plasmadas en textos de todo tipo.

Súmense os dous puntos anteriores e pese as diferenzas no mapa terase a orixe do "café para todos"

Continuara...





Ningún comentario:

Publicar un comentario