xoves, 11 de marzo de 2010

AO PASAR POR AQUÍ: PENSAMENTOS SOBRE A CRISE.

Mentres se suceden as novas económicas de máis distinto signo e con elas as analises (1, 2, 3, 4) Xopau envía a s3eguinte colaboración sobre economía:

" Poida que non haxa pior cousa que un home de letras metido a economista e sobretodo coa que está caíndo. Porén, por isto último é precisamente polo que moitos vamos ocupando unha parte cada vez máis importante do noso tempo en matinar na manida crise. Cercados pola multitude de datos e opinións, escasamente damos articulado un discurso coerente o que, con todo, non nos impide ollar a realidade cotiá e repensala á luz do que acontece. Son pois os que seguen xuízos sen valor científico pero que en canto parten da realidade terán que ser ou confirmados ou negados.

Moitos actores e difícil conxunción de todos eles. Irei debullando unha serie de reflexións e preguntas que creo se corresponden co que pensa unha parte importante do que poderiamos chamar a clase media  intelectual máis ou menios de esquerdas, máis ou menos nacionalista. Non se olvide o lector de que eu falo sempre dende a periferia da periferia, acó no Norte.

 Por orde cronóloxica de aparición en escena, e despois das folgas da semana pasada, poderiamos comezar cos sindicatos. Un obsevador foráneo creo que principiaría por preguntarse por que no Estado hai dous sindicatos se dan até as roldas de prensa xuntos. Todo parece indicar que se intenta ocultar o feito de que un sistema democrático europeo é tremendamente deficitario se o panorama sindical se reduce a unha única opción, porén esta é a realidade de facto que hai en España. Se ademais esta organización é vertical, pois moito pior, e non creo que un sindicato que con catro millóns de parados non convocou unha folga xeral poida merecer outro apelativo. Aquí vén un dos meus temas preferidos que se pode resumir como segue: neste Estado as partes incumplen manifestamente a tarefa para a que están creadas, e se isto sucede así o suposto diálogo é sempre falso pois carece de tensión. Non temos  un presidente do goberno dirixindo a UXT, pero todo chegará. O tan traído e levado diálogo social e esta pax permanente dos últimos anos non se corresponde coa realidade de moitos traballadores que todos coñecemos a cotío. Existe no Estado Español un desfase enorme entre a puxanza económica e a súa incidencia na mellora social. Despois de case quince anos de mellora económica ininterrumpida, a miña xeración segue, a nivel económico e de protección social, sendo deficitaria a respecto da de meus pais. Tamén é curioso que a patronal pida o mesmo en situación de crise que cando o Estado disfrutaba dun dos momentos de maior puxanza económica, ao igual ca os sindicatos, o que sen dúbida fala dunhas políticas fosilizadas e alonxadas das dinámicas económicas reais.

 Sigamos co papel da oposición e do goberno. En España o único pacto posible é o antiterrorista e o resto é sempre unha cortina de fume. Cando un goberno apela ao pacto é porque está perdido electoralmente, co que a oposición (a de verdade, isto é, a que o vai sustituir) é imposible que firme nada nesas circunstancias favorábeis. O pacto de ZP tiña que ter sido ao comezo da lexislatura e non agora. En canto ao PP, non ofertou absolutamente nada, nen o vai facer mentres as enquisas lle dean unha vitoria folgada. De conseguir gañar sen programa estariamos ante un goberno cun cheque en branco para catro anos e cun clima onde xa todo o mundo aceita que a recuperación pasa polo recorte social e polo recorte territorial (redución das competencias autonómicas baixo a trampa dunha suposta redución funcionarial). O debate sobre o cambio de modelo produtivo está xa case ausente, e son dos que opina que de darse seriamente pasaría por cousas tan desagradábeis para a xente coma a enerxía atómica, etc. A nivel galego o espectáculo non pode ser máis lamentable: un goberno que gañou as eleccións coa promesa demagóxica de solucionar a crise (cousa imposible) non artellou neste primeiro ano nen unha soa medida de calado económica. Evidentemente, e a risco de semellar teórico do Partido Popular, aquí cómpre unha reflexión sobre o papel das Autonomías e do Estado cando os seus gobernos non coinciden. O sistema, ou se artella federalmente e se botan adiante as competencias, ou permite un escudarse permanente no outro que non beneficia a nada nen a ninguén, salvo aos que se presentan ás eleccións. Neste senso son tremendamente gráficos algúns discursos de Xaime Pita ou de Feijoo dignos do mellor independentista de Euskal-Herria.

 O seguinte grupo que traerei a colación é o dos autónomos. Esa inmensa maioría nos países ricos, clase moitas veces de referencia social e que no caso galego presentan características que eu considero endémicas, aínda que a visión que através do cinema e da literatura teño do triunfador americano fai que encontre entre ambos enormes semellanzas. Sen dúbida o noso capitalismo tende por desgraza ao modelo anglosaxón e non ao renano. O principal problema que se presenta cunha gran parte dos autónomos é o da súa implicación e imbricación no sistema do Estado, e isto moitas veces vén derivado dunha formación intelectuial e empresarial pobrísima da meirande parte deles. Neste senso, a súa aspiración é a de estar fóra do sistema estatal, pero non no sentido neoliberal senón no sentido que poden ter as clases do rural. Que un señor como Adolfo Domínguez, que vive exclusivamente da clase media, poida pensar que a solución da crise pasa por medidas que o único que fan é reventar esa clase media só pode ser clasificado de patético. Igualmente patético é que xente que xa comeza a mover capitais máis ou menos considerábeis a nivel local non sexa capaz de ver as consecuencias que a macroeconomía e as políticas estatais e mundiais puideron ter sobre o seu negocio, e continúa a reducir todo á súa unívoca e inquebrantable vontade de traballo (fan excepción cos gobernos do PP pero maiormente renegan da política). A cousa, se se analiza en termos máis serios, trae consecuencias patética,s como que a única medida diversificadora do capital que coñece a meirande parte do empresariado galego é a inmobiliaria coas consecuencias que agora se ven, un depender permanente das xestorias, unha desconfianza xeral dos mecanismos macroeconómicos, subvencións, etc, que impiden a moitas empresas seguir medrando… Nun ton algo máis simpático poderiamos dicir que o pior foi para os fillos destes autónomos, a moitos dos cales non se lles deu opción nen de escoller carreira: dereitiños para Compostela facer Empresariais…

 Continuando con estes temas encontrámonos ademais cunha clase moi pouco flexible. A deflación nunca chega a Galiza, os pisos continúan sen baixar e hai unha sensación de que a idea é: “a crise págala ti”, isto é, a menos clientela, aumento de prezos en moitos sectores (non me vou encerillar co da inflación porque o que está claro e que non se corresponde co que o consumidor ve todos os días). Esta flexibilidade traerá moitos problemas a medio prazo coa xeralización das compras por Internet e a pouca pericia dos autónomos locais para competir en prezos, mantendo unhas marxes que permitiron levantar patrimonios dunha certa entidade nun tempo record partindo, por exemplo, dunha única zapataría.

 Relacionado co anterior poderiase falar dunha falta de creatividade sen parangón. Os rapaces do noso país montan bares e as rapazas peluquerías: no meu concello de 3000 habitantes, seis de mulleres e unha de homes…

 Nas vilas do noso país hai ademais unha sensación de que a burguesía non é tal senon máis ben unha continuidade da fidalguía caída no XIX. Son unha clase tremendamente estable que raramente se precipita á nada nunha xeración, o que fala de inversións moi pouco arriscadas e innovadoras. Probablemente o batacazo no sector inmobiliario que sofremos sexa o primeiro grande problema ao que se enfronta toda a burguesía galega, pois toda enfocou o seus capitais a eses sectores. As reflexións e posteriores feitos que se deduzan disto poden ser o movemento social máis interesante de seguir nos próximos anos.

 Sorprende asimesmo ver como as empresas que máis ou menos foron prosperando nos últimos anos non traduciron ningunha das súas melloras ao plano social, mantendo a xente en condicións de lumpen: sen vacacións, xornadas de máis de dez horas, sobres con diñeiro negro para pagar, contratos de prácticas perpetuados no tempo, etc. Non quixera deixar de notar que todo isto conta coa pasividade dos sindicatos, as inspeccións de traballo e facenda e a xestión eficaz das Asesorías deste país que se están chinando e son quen sustitúen en último termo a sindicatos e patronal. Cando falo fáigoo de prácticas xeralizadas en empresas que aínda que son familiares están xestionando capitais nada despreciables.

 Na cuestión do diñeiro negro cómpre aínda falar de que moitas destas empresas fornecen traballo aos seus empregados que logo son autónomos en negro durante as fins de semana. Xente toda ela preocupadísima polos soldos dos funcionarios, mais instalada na fraude permanente. É tamén tarefa de todos que estes casos saian á luz e as deducións fiscais para os que denuncian deberían ser importantes." CONTINUA MAÑA...


3 comentarios:

  1. concordo bastante co milles, mas eu acredito que fai falta um profundo liberalismo, Galiza avanzou nos 80-90 por unha cousa, Europa, os quartos mandads por eles? nom, home ise foi despediciado*( aí o reconheceron os tres representantes europeos de españa , nados "gallegos") senón certa racionalidade económica e apertura de mercados,nom há moito mais.
    Unha pergunta ao historiador lannnister por que o caziquismo-españolismo que sempre gobernou, desde os reis católicos , restauración, franco , fraga tenhem tam má "memoria histórica" mas sempre ganham, bom o movimento unitario nacional popular de corte chavista ao mellor o explica nom sei.

    Mas non vos preocupedes, na nosa capital "pequeno imperial", hehe, já temos valentes dispostos a por a cinto nosos políticos, xa sabemos, todos rojo-separatistas, como o losadín, lacoruñes exemplar, si señor,con isto acredito que nosa a ejpaña eterna nunca se foi, continua entre nos , viva. Saudos som Duar
    http://www.youtube.com/watch?v=xnxn2CCV6eY&feature=player_embedded

    mas na Galiza a gamba a metemos bastante temo-me

    ResponderEliminar
  2. O comentario de milles o que alude o comentario anterior esta en Galizauberalles e di:


    "Bufff estou moi en desacordo temome.

    En esencia estas mezclando duas (tres) clases sociais claramente diferenciadas na galiza e revivindo topicos dos 70 xa desaparecidos.

    Refireste como o mesmo grupo social o tio que ten unha zapateria e o dono de zara!! Non confundas, unha cousa son os ricachos que van pola vida de emprendedores e a maioria estan vinculados coas familias do franquismo ou son directamente criminais vidos a mais. Outra son os pequenos empresarios, artesanos e tendeiros de toda vida mais fraguistas ou menos (que de todo hai) que van facendo cousas.

    Respecto a falta de formacion, innovacion ou dominio dos marxes estas moi equivocado, podes flipar coa tecnoloxia que ten un taller medio, coas redes e programas informaticos especializados que manexa a xente e coa selva diversa, internacionalizada e brutal que constitue a distribucion profesional (que ten empresas e non particulares como clientes) deste pais. Non todo mundo foi a santiago para opositar e os fillos do baby boom estan de volta no negocio.

    Respeito as posibilidades de inversion xusto o reves, quen ten unha empresa invirte nela. O problema e mais a fidalguia funcionarial que mete a pasta en pisos para alugar e os tios tipo zara (ou finsa, ou …) que estan a joder os daqui e vender mais barato fora."

    ResponderEliminar
  3. Pois a pregunta que fas duar é a do millón. Ten dificil resposta. A máis plausible é como moi ben dis empregar a unidade de España como argumento aglutinador e xustificador. No senso de que se as cousas van mal é porque hai separatistas que boicotean o barco común e ademais hai que gastar recursos en amañar o que eles estragan e mantelos dentro. Claro que o razoamento lóxico que se deriva do anterior: sae mais barato deixalos marchar nunca se lles ocorre.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar