martes, 5 de outubro de 2010

Exposición e esvaciamento

Sacado de "Xgaliza"


Despois da queda do bipartido foron moitos os que se puxeron a debullar as verdadeiras razóns polas que o recoñecemento e respecto pola lingua tiña involuído a etapas prefraguianas. Un dos argumentos que se utilizaron foi o da "exposición" que en termos sinxelos significaría que determinados avanzos na normalización lingüística, quer dicer, o 50% curricular ensino, a creación da rede de galescolas, a publicación dun xornal en vísperas eleitorais, a utilización indiscriminada por Quintana da forma Galiza,... provocaran unha forte reacción do españolismo, a cal, rematou collendo corpo en determinados sectores sociais que fixeron da causa contra o galego o principal albo dos seus furibundos ataques. Esta tese basearíase en que a intervención lingüística do nacionalismo durante o bipartito foi excesivamente "provocadora", cando o que cumpría era disimular para así manterse no "poder" indefinidamente. Outra lectura máis elaborada foi a do quinismo, que despois de constatar o cerco salvaxe contra o galego, tentou un achegamento ao "bilingüísmo harmónico" para calmar a besta.
Sen embargo, a análese anterior con todos os matices esquece unha premisa fundamental: a realidade colonial de Galiza, que implica a indisolubilidade dos factores da alienación cultural-lingüística cos procesos de expoliación económica e desvertebramento social. Corolario do devandito é que, a diferencia doutras realidades nacionais sometidas ao Estado Español, a resposta nacional libertadora do pobo galego, en última instancia, debe meter nun só paquete a reivindicación lingüística, a defensa do territorio, a loita contra a explotación social e a reclamación do real autogoberno.
A pregunta que se desprende disto é sinxelamente: que foi o que fallou na estratexia do nacionalismo para que o poder realmente existente se cebase de tal maneira nos procesos normalizadores ata conseguir frealos, non coa indiferencia social, pero si cunha resposta o suficientemente aillada para conseguir o avance da españolización rampante deste momento?
Non cabe dúbida de que o esvaciamento das políticas alternativas do nacionalismo de esquerdas á ofensiva neoliberal de longa traxectoria, a camuflaxe dos discursos e poses co medio dominante e a ruptura co movemento social, son as principais causas deste proceso que se descrebe. O galego terá futuro se se defende o territorio, se as clases traballadoras avanzan en procesos de emancipación social e, complementarmente, a defensa dos servizos públicos contra a vaga exterminadora neoliberal avanzará máis en canto a conciencia de comunidade se afortale, e para iso nada máis aglutinador e poderoso que a nosa única lingua. Velaí un posible camiño.


Ningún comentario:

Publicar un comentario