mércores, 20 de xaneiro de 2010

Derogator: o contraataque da Ponsellería




Onte desde a Ponsellería mandaron este correo a todolos usuarios do correo da Xunta para a comunidade educativa:

" Prezado profesor/profesora:
Dirixímonos a vostede desde a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para transmitirlle un resumo dos puntos principais que organizan as bases do decreto de plurilingüismo, documento que lles presentamos aos partidos políticos parlamentarios, ás forzas sociais e ás institucións, co obxectivo de propiciar o máximo consenso posible no deseño do marco educativo para o ensino non universitario de Galicia.
Quero indicarlle, en primeiro lugar, que as bases que presentamos se enmarcan no respecto e aplicación da Constitución española, do Estatuto de autonomía de Galicia e da Lei de normalización lingüística, documentos legais que garanten a cooficialidade do galego e do castelán, a non discriminación por razón de lingua e a promoción activa da lingua galega.
En segundo lugar, as bases están asentadas en tres principios: a aposta por un plurilingüismo efectivo; a garantía de equilibrio entre as linguas oficiais; e a potenciación da participación das familias.
Con respecto ao plurilingüismo, a realidade social, cultural e laboral europea lévanos a redefinir os modelos de adquisición das linguas para que capaciten ao alumnado no dominio de linguas estranxeiras, e sempre sen descoidar a correcta e plena aprendizaxe das linguas oficiais. Apostamos por un ensino no que se garanta o equilibrio, en horas lectivas entre o galego e o castelán, para a medio prazo, ir introducindo algunha materia en lingua extranxeira -predominantemente o inglés-.
Convén ter moi presente que somos realistas e sabemos que a impartición dunha parte das materias e das horas semanais en lingua(s) estranxeira(s) non se pode implantar de golpe sen ter en conta a indubidable importancia do profesorado: é preciso insistir na formación e na reciclaxe do profesorado, ao tempo que aumenta a capacitación do alumnado para que se incorpore á docencia plurilingüe.
A Administración educativa vai facer o máximo esforzo para que os centros educativos e o profesorado se incorporen, de maneira progresiva, gradual e voluntaria, ao ensino plurilingüe. Mentres tanto, tal como xa está indicado nas bases, cada centro asignará as horas semanais, de maneira equilibrada, en galego e castelán.
Con respecto ao equilibrio entre as linguas oficiais, prevese tal equilibrio en todos os niveis educativos na docencia ofertada en galego e castelán. Así, asegúrase unha porcentaxe estable para as linguas nas que se van impartir as materias en todos os niveis educativos, establecida a través do correspondente equilibrio horario.
E con respecto ás familias, estas terán voz, en colaboración estreita co profesorado, respondendo a un compromiso de goberno adquirido coa cidadanía. Na primeira escolarización dos fillos/as, en Educación Infantil, indicarán a lingua predominante da aula, sempre acompañada da outra lingua oficial, e nas etapas posteriores terase en conta a súa opinión sobre a distribución lingüística das materias.
Cremos que estas son unhas bases para un decreto necesario para superar o debate suscitado arredor das linguas en Galicia. É necesario tamén para garantir a adquisición da competencia plena nas dúas linguas oficiais e o fomento activo da lingua galega. E, finalmente, precisámolo para artellar un sistema educativo que favoreza a capacitación en linguas estranxeiras do noso alumnado, consonte as demandas sociais, culturais e laborais da sociedade galega actual.
Queremos contar coa súa participación neste proceso ilusionante que principiamos agora. Desexamos poñer os alicerces dun ensino moderno e de calidade, axeitado á realidade de saberes, habilidades e coñecementos lingüísticos precisos para a formación do alumnado da Galicia do século XXI. E para lograr, en definitiva, un marco educativo que sexa garantía da mellor convivencia nas aulas e na sociedade.
CONSELLERIA DE EDUCACION E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA"

Polo visto os alicerces que queren construir son o estilo fenicio que esixía un sacrificio como base para erguer calquera edificación. Eles escollen o galego como sacrificio. Eu, especialista en historia das relixións, non teño nada en contra dos fenicios, de feito estaría encantado de colaborar coa Ponsellería incluso cun sacrificio o estilo fenicio, so teñen que deixarme escoller as catro persoas que todos temos en mente como base deses alicerces.
Respecto a folga de maña, orixe desta preocupación polos alicerces, a cousa vai por sitios. No meu centro imos ir a folga catro gatos mal contados mentres noutros vai ir a maioría ou vaian ou non sacan cousas coma Posicionamento_do_IES_Pazo_da_Mercé_sobre_as_bases do decreto.

Por certo aínda que eu maña fago folga non poderei ir a Compostela. Agradecería aos amables lectores, se algún vai estar na manifestación, que me informase da mesma. Pois xa estou vendo os titulares de La Coz e prensa semellante:
" Cuatro Radicales y/o dos indepedentistas/terroristas se manifiestan contra el inglés y el castellano" 


2 comentarios:

  1. Xa que mo pides, aínda sendo consciente da discriminación que sofro, contarei-che a manifa. Chegeui tarde, pasadas as 12 na praza do toural enganchei a manifa, ah esquecera-me , primeiro crín que xa rematara pois na alameda,vin moito rapaz de volta, depois de cumprirem pola patria tras as rapazas, supoño, mas bastante xente tamén maior.Sigo onde ía, eu continuei e volvo ao Toural muita xente,surprendo-me, vou axiña adiantando e chego ao obradoiro, outra surpresa pola xente, poidendo pasar con dificultade, fago caso aos organizadores e vou cara o hostal. Discurso, callón no seu pael, a xente moito caso non fazia,a que estava ao meu carón ao menos. Soou o himno nacional, emocionei-me, pouco puño en alto e tamben pouco cantante, o primeior bon, o segundo mau, eche o que há. E fun-me a xantar cun amigo madrileño. Se no obradoiro caben 25.000 persoas , coma mínimo 35,000 houvo.Ao mellor máis, un sucesso sen dúvida.

    Duas cousas estavan os de agir cos seu carteliños, dando a nota, e o seu, lóxicamente portada nos media de madriles e na entrevista co frijol en intereconomía, há que vè-la, incríbel. demagoxia ppeppeira a raudais. Somos uns radicais separatistas aldeanos que non queremos que nosos rapazes falen..... Inglés, para analisar sen dúvida.Os da voz cumprindo o seu traballo, fixerón a fotiño da bandeira franquista-rojigualda queimada
    Cando camiñaba pola rua, moi pouca bandeiras estreladas e sindicais, iso sí aorredor do callón muitas.Non gostei, risco de aproveitamento. Parezemos aínda unha sociedade infantilizada dependendo duns marxistas e duns españolistas. mas iso vai mudar sen dúvida.Saudos

    ResponderEliminar
  2. Un saudo e grazas pola información. O da discriminación é totalmente involuntario. O quid é que me da rabia pechar o outro blogue por ser blogaliza unha plataforma galega. O de intereconomía eu cría que era o mercores. Os de Agir que queres que che diga, eu asistin coma quen di a fundación do mesmo pois varios compañeiros de facultade estaban niso e tentaron convencerme. Non me convenceron. Seguen sen facelo. Sobretodo porque alguns dos membros fundadores... mellor calo que non estou pra perder amigos.
    Por certo animate a mandar unha colaboración o blogue (lembroche o enderezo einvolkeinreicheingaliz@gmail.com, sobretodo se vas o primeiro congreso de Converxencia)
    Un saúdo e grazas pola túa paciencia e fidelidade.

    ResponderEliminar