luns, 20 de setembro de 2010

Carlistas !

Foi este un verán duro: volta a aldea para ver como os madrileños campan ao seu aire como en terra conquistada, como os escasos rapaces nados nos últimos anos son educados integramente en castelán por uns pais galegofalantes; ver como os ruxerruxes se confirmaron e pechou Vieiros e desapareceu a edición impresa da Nosa Terra preludio dalgo peor, e de propina desaparecen chuza e a peneira.
Todo iso aderezado co triunfo de "La Roja" e todo o mundo dando chimpos envolto na "rojigualda".
Non debo esquecer ese gran clásico das liortas internas do BNG que os que estamos fóra non entendemos moi ben. Liortas que serven de xustificación para os medios que continúan o seu acoso e derribo, mentres os blogues e artigos de opinión se multiplican nas súas louvanzas o PSdG convertido o parecer a un galeguismo que eu non vexo por ningures.
Claro que se o verán foi duro o comezo de curso foi un despropósito, a capacidade da Consellería para líala é inmensa.
En definitiva estou convencido de que non queda esperanza ningunha e imos acabar como os carlistas. Un feixe de individuos illados e espallados por toda a xeografía nacional, coa internet coma única voz e ningunha pegada na realidade social.
E con estes vimbios comezo o terceiro curso do blogue: primeiro de todo dar as grazas a quen pasou e comentou por aquí no verán. Se non obtiveron resposta foi porque a "directiva" estivo ausente ata este venres.
En segundo lugar dicir que este ano vai haber dúas categorías novas:
- Fonte externa, onde cortarei e pegarei todo aquelo que me chamou a atención e que non tiven ou non terei tempo de elaborar persoalmente. Dado o horario e as obrigas deste ano, temo que esta será a categoría máis empregada.
- Avisos e anuncios, onde tódolos mércores agruparei todos os avisos e anuncios que reciba.
Ademais vou crear as semanas temáticas:de vez en cando a semana, agás o mércores, estará adicada a un tema concreto. Esta comeza maña cos medios en galego.
Por último dicir que as poucas veces que teña tempo de elaborar algo orixinal seguira indo os venres. Lembro que o enderezo de contacto do blogue é: galizaprimeiro@gmail.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario