martes, 17 de novembro de 2009

NA MEMORIA. 91 ANOS DA ASAMBLEIA NAZONALISTA DE LUGO

Unha colaboración de Xopau:

"NA MEMORIA. 91 ANOS DA ASAMBLEIA NAZONALISTA DE LUGO

Falar do pasado, case do mitolóxico e, sen lugar a dúbidas, do fundacional e simbólico. Ousado, atrevido…sobran os adxectivos. Os que agora vemos a historia como unha serie de tradicións e liñas de ideoloxía que nos configuran e nos conforman no noso presente e das que non podemos escapar tendemos a sacralizar algúns intre concretos. Digamos `pois que o escribe estas verbas non aliña na deconstrución de Julia Kristeva & company e considera que unha nación que habita na máis pura indixencia cultural ten cousas mellores que facer que deconstruir o que foron os poucos momentos de morna luz que alumearon o seu pasado.

Un fato de homes cultos, de procedencia ideolóxica diversa pero con un sentimento de amor por Galiza a toda proba (como despois dramaticamente se vería ) reunidos no lugar que hoxe ocupa o Hotel Méndez Núñez de Lugo entregan, renuncian a parte dos seus discursos e idearios para ser capaces de unir nun manifesto as súas aspiracións soberanistas para Galiza. Veñen de lugares diversos nun tempo no que o mero feito de desplazarse xa implica un compromiso. Nas súas mentes aparece a intermitencias a figura de Lois Porteiro Garea recentemente finado pola gripe, sendo isto o que causou o adiamento da asamblea do 24 de outubro ao San Martiño. Difícil suscribir a idea de que esta última data fose elexida ó chou (Risco e o símbolo).

Vendo os ataques inmisericordes que hoxe sofre o nacionalismo valórase o que tivo que supoñer para unha xente de clase media a asunción duns presupostos que en Galicia tiñan escasa pulsión social e que se poden calificar de tremendamente anovadores. Que dicir do uso consciente da lingua…coa que nos cae agora case 100 anos despois. Que pensarían as súas familias? Os seus achegados da Universidade e dos casinos?

Un manifesto para construir unha patria deixada de sentir polo pobo había máis de trescentos anos. Un manifesto polo tanto orgánico-historicista, como non podía ser doutro xeito. Un manifesto con argumentacións que nos sustentan ata hoxe e sen as cales non existiriamos.

Os dos setenta na súa teima de trasladar o seu ideario para atrais din que a clase proletaria está ausente. Na altura deixar fóra dun manifesto á clase obreira galega era como deixar hoxe, fóra dun programa electoral, aos artesáns do bimbio. Por que falar dunha clase practicamante inexistente nun texto programático?. Os nosos nenos da historia naceron en paquebotes rumbo a América ou sen pai nas aldeas do país, nunca nas galerías da minería…

Con relación ao anterior convén recordar que o manifesto propoñia unha Xunta con seis secretarios e un deles sería de industria e comercio. A postura do manifesto a prol do tren (herdando a liña do Curros) fala ben ás claras de xente que non estaba fóra das sinerxias da nova sociedade que se estaba creando e da modernización industrial do país. Por outra banda 100 anos despois seguimos dando a batalla polos nosos sectores produtivos o que non deixa dúbidas sobre que era o que había que priorizar.

A asamblea pode verse como a reunión dunha serie de inadapatdos e fidalgos vidos a menos que buscaban no nacionalismo un tradicionalismo que lle garantise a súa continuidade como clase social ou como o esforzo de personalidades diversas para que a entrada de Galiza na modernidade se fixese de maneira racional, non traumática e sen que ese novo tempo supuxese a anulación do noso territorio como unha individualidade. Para os primeiros só ten importancia o feito de que se pedise o voto para a muller, para os outros o manifesto alumea 100 anos de nacionalismo, funda a nosa existencia e aponta, aínda, para un futuro de dignidade: sistema fiscal propio, sistema xudicial propio, eliminación das diputacións, soberanía estética,federación con Portugal…non é acaso isto o futuro que buscamos?."

ManifestoComa sempre clickar na imaxe ou ver o manifesto na Galipedia

1 comentario: