xoves, 12 de novembro de 2009

Outras consideracións sobre a ED e UPyD

Xopau envía a seguinte colaboración:

"COMPLETANDOA LANNISTER: EUSKAL-HERRIA, MULLER, ALAKRANA…

Elixo unha colaboración para comentar e completar as colaboracións que Lannister fixo sobre a extrema dereita por carecer dunha conexión fiable a internet. Teño idea de ir un pouco longo (pido perdón) e disgustaríame que non me subise o comentario.

De primeiras, aclarar que concordo plenamente con todo o exposto nas súas colaboracións e, máis que nada, na definición que fai da ED. É preciso traballar no sentido do desvelamento da verdadeira identidade e finalidade de partidos coma o de Rosa Díez e, o que pode sernos máis útil, en ver como son capaces de facerse un espazo político sen demasiados problemas e en pouco tempo.

As leis xerais de análise serían dúas:

1.Ante a indefinición alguén ocupará a posición de definido.

2.A definición está en relación (inversa) co auxe económico e prosperidade.

Fronte a Europa onde o problema principal é o da inmigración, en España ocuparía o primeiro posto á hora de definir a ED a cuestión nacional. Desde a óptica da vertebración territorial do Estado contaríamos con dous partidos que ofrecen igual solución: PP e UPD. A inmigración separaríaos o que beneficia, sen dúbida a UPD, que se convirte así en alternativa real aos desencantados do PSOE. Isto pode resultar aventurado e pouco crible pero as dimensións da crise (a que está por chegar aquí) xoga a favor de UPD.

E o PSOE????

Tranquilo; e na súa liña dos últimos 25 anos que tamén pode resumirse en lei:

“A indefinición ideolóxica permanente, sempre que se acompañe de campañas electorais perfectamente planificadas, é a mellor vía de acadar o goberno”

Aquí van algúns exemplos:

a.Reúne discursos no nacional que van desde o que podería facer a dereita do PP (Ibarra, Bono…) ata firmar co independentismo catalán. Realmente parece que sexa un comentarista da Cope pero a min non me convence un partido así, aínda que temporalmente me puidese beneficiar. Xa o dixen moitas veces: a inxustiza e falta de coerencia acaba creando movementos contrarrevolucionarios que en min só producen un sentimento: pánico. (Irémolo vendo co de UPD e o seu avance).

b.Destrúe todos os días un dos principais piares do Estado como é o da igualdade xurídica. Os exemplos son moitos e o triste é que a xente de esquerdas está a favor dalgún deles. Hoxe anunciouse que o eximente por alcool e drogas non será tal nos casos de violencia de xénero. Isto é unha barbaridade: ou é un eximente en todos os asasinatos ou en ningún. O exemplo do canon dixital da SGAE é outro e, por desgraza, conta co apoio da progresía cultureta hispánica. Que un Estado non se bote á rúa co da Lei de Partidos demostra que como ESTADO (inspirado no ideal ilustrado) está morto. O mesmo con todos os peches de xornais en Euskadi, Lei Antiterrorista, etc.

Direi de paso que isto que fai o PSOE (a meirande parte das veces co beneplácito do PP) pode chamarse feudalización do Estado e en canto afecta, moitas veces, a grupos sociais e non a territorios é bastante máis perigoso que o nacionalismo que aterra aos de máis alá de Pedrafita.

Por personalismo e por ser medievalista quero deixar constancia de que non lle teño a isto demasiado medo. O feudalismo é unha maneira de organizar unha sociedade con clases coma outra calquera. Estaría bastante máis preocupado se pertencese á progresía ou á esquerda e crese na lenta pero segura evolución do home.

c. En moitas das medidas citadas non se pode descubrir no quefacer do PSOE máis que un puro afán electoral. Conviría preguntarse se un partido que fai varias leis sobre un mesmo tema en pouco tempo non está colaborando no problema de forma indirecta. Exemplo: ten responsabilidade o Psoe nas mortes de mulleres maltratadas por non ter contemplado na súa anterior lei sobre o tema o feito de que alcool e drogas non fosen eximentes??? Ou cando menos é responsable da pouca pena imposta a certos agresores? Percatémonos de que a actual lei ten pouquísimo tempo e xa se quere cambiar. (Un Estado ten un problema grave se todos os xuristas hoxe botaban lume e a xente entrevistada na rúa aplaudía coas orellas. Por certo, cando se implante a pena de morte tamén aplaudirán porque matar a un asasino en serie é unha barbaridade pero a un marido celoso é un acto de xustiza)

E por último e como actuación estelar de todos os partidos en xogo: o Alakrana, o Alakrana… que espectáculo!!! Pobre Estado…menos mal que non creo nel… Hai que negociar con terroristas, pagar, saltarse a lei….”non hai dereito máis importante que o dereito á vida” (El señor de las habichuelas). Só direi unha cousa: pódenllo contar a Miguel Angel Blanco. Toda a súa España en pé e ninguén pedindo a negociación…"


NOTA: A PATIRES DE AGORA AS COLABORACIÓNS LEVARAN UNHA ETIQUETA CO NOME DO AUTOR


Ningún comentario:

Publicar un comentario