venres, 26 de febreiro de 2010

Nas trincheiras

Lin en "El País" un artigo que concorda bastante cunha das miñas teimas habituais, xa tratada con anterioridade neste blogue, a configuración dunha potente plataforma mediatica a favor da dereita mais cerril sen que desde a esquerda se poida contrarrestar esa marea creadora de opinión.
Nestes momentos Popular Tv, Veo7 e Intereconomía batallan con éxito a nivel estatal na creación dunha idea de España/castelán en perigo que debe ser salvada a calquera prezo.

A Constitución segundo eles:
- uns días, cando están de boas, é mal interpretada.
- noutros , a maioría, foi unha concesión escandalosa a esquerda e nacionalistas-separatistas que debe ser reformada nun senso amplamente restritivo.

Agora mesmo "El gato al agua" en Intereconomía e "La Vuelta al mundo" en Veo7 configuran dous espazos de linchamento e destrución do contrario. Programas que se retroalimentan a través dos outros medios do grupo: radio Intereconomía e o xornal "La Gaceta" no caso do primeiro e o xornal "El Mundo" no caso do segundo, con aparicións estelares en radios amigas como COPE e esradio.
Fronte a isto existe algunha alternativa? Dúas porén moi distintas os programas anteditos. "La noche en 24 horas" da canle 24 horas de TVE e o recente "Hoy" en CNN+ Ben é certo que ámbolos dous responden a un esquema clásico de programa informativo que mestura opinión e análises e non o novo xornalismo de acoso e derribo posto en vigor desde os 80 polos republicanos dos USA ( o celebre rearme moral da era Reagan que levou a "vitoria sobre o comunismo e a caída da URSS) e que agora chega ata o estado español.
Discútese moito sobre a incidencia real deste novo xornalismo na sociedade en xeral e na política en particular. Sobretodo desde os medios de esquerdas que se negan a entrar no mesmo xogo dada a coñecida "superioridade moral dos medios e votantes de esquerdas". Coincido na necesidade de non imitar o modelo, aínda que non creo na superioridade moral da esquerda en ningún sentido. É mais, o efecto practico desta suposta superioridade moral: quedar na casa e non votar cada vez que a "pureza" persoal se ve ameazada paréceme unha parvada maiúscula.
 
O quid da cuestión non esta en imitar o modelo senón en neutralizar os seus efectos prexudiciais, en non deixarlle o campo libre e evitar esa fuxida da opinión publica. De momento tanto a esquerda como o nacionalismo no caso de Galiza non foron quen de considerar unha alternativa mais aló de apoiar programas clásicos como os mencionados que por ser clásicos so van atraer a unha poboación cun nivel de debate político mais elaborado e van ter menos peso mediatico. Nesta ausencia de alternativa tamén inflúe o feito de que tampouco pensaran moito nela, e van sufrir todas as consecuencias como xa lles pasou con La Coz.

E xa que estamos falando de medios de comunicación so me queda comentar a entrevista a Guillerme Vázquez este luns 22 de febreiro na TVG. (Por milagre a TDT permaneceu estable durante o tempo da entrevista, constituíndo xunto coa película Wolfhound as dúas únicas cousas que puiden ver na TVG desde que pasei a TDT hai uns meses).
A verdade é que me esperaba que o entrevistador fose Carlos "martelo de galegofalantes" Luís "lambecús de Conselleiros" Rodríguez. Non foi el, unha magoa. A entrevista foi a típica entrevista pactada e totalmente descafeinada. Supoño que o único éxito que se pode apuntar o BNG nos últimos meses e que precisamente conseguiron pactar esta entrevista tal e como é usual.
O voceiro nacional do BNG comezou claramente nervioso porén foi mellorando claramente a medida que avanzaba a entrevista sen conseguir vencer por completo esa lacra que comparte con Quintana e non tiña Beiras: a voz e pose de vello cura de aldea cando da un sermón. Nos tempos de hoxe esa forma de falar e presentar as cousas espanta.
 
Respecto as preguntas, as típicas e do mesmo xeito típicas foron as respostas. Aí esta o maior erro do entrevistado. Tivo a ocasión polo menos en tres preguntas de sacar algún beneficio:
- As caixas? A resposta foi o discurso oficial do Bloque, cando agora todo apunta a que foi o parvo útil e que as caixas se van repartir alegremente entre PSOE e PP. Unha oportunidade perdida de transmitir algo en positivo: a necesidade dunha caixa galega, que os intereses de Galiza están por riba dos partidos, que o PP e Feijóo teñen unha axenda oculta igual que o PSOE, que o BNG apoiou e apoia a fusión mentres sexa galega e que se todo segue igual hai razóns de sobra para estar contra ela na medida que signifique un reparto de prebendas, que se a fin hai fusión esta non é un punto final senón un punto de partida...
- Vai haber mais pactos co PP? a resposta típica para evitar quedar como alguén que cambiou de bando e traizoou a esquerda e anos de batalla anti PP. Oportunidade de dicir algo sinxelo e claro: o Bloque pactara con calquera partido cando sexa bo para Galiza. Non temos porque pactar so con uns, nin pactar sempre. Galiza é a nosa primeiro preocupación.
- Vai ser o candidato a Xunta? a resposta que o partido non esta niso porque as eleccións quedan moi lonxe e ningún partido ten pensado o seu candidato. Oportunidade de dicir: son o voceiro nacional e cando chegue o momento presentareime ou non (que tampouco sei se o señor Vázquez ten ganas de ser candidato) a decisión do partido. De momento o partido funciona con todos os seus cargos nomeados e cada un cumprindo o seu papel. É o mesmo que dixo el porén escorre menos a resposta e da menos sensación de transitoriedade.
En fin como vemos o campo mediatico presentase negro para nos e os lideres do nacionalismo non parecen moi dispostos a cambiar nin polos menos o seu xeito de comunicar.

ENGADIDO: Para un día que non vexo o programa vai Rosa Díez e saca a lingua a pacer en Hoy (1,2,3) Eu creo que non desacredita o programa como puidera parecer se no a ela mesma. Ademais confirma esa fascinación que sinten todos en España por UPyD incapaces uns de ver o que é, un partido fascista, e outros encantados con que sexa así. Por outra banda tamén confirma ese sentimento alén Pedrafita de: "pobriños menos mal que os goberna o PP" nunha versión e noutra: "pobres anormais, como poden seguir votandolle o PP". 

venres, 19 de febreiro de 2010

O home milagre e a Apocalipse financeira

Nestes días nos que uns se converten en profetas da Apocalipse financeira e o debate sobre o pacto de tódolos pactos quedou en mais do mesmo, e o home milagre volve a saír a escena gustaríame mencionar un par de cousas:
En primeiro lugar os ingresos por privatizacións dalgunhas empresas publicas durante o goberno do PP:
(Todos os datos en millóns de euros)
Gas natural: 215,6
Telefónica: 3.637,9
Repsol: 1.011,9
Aldeasa: 273,7
Endesa: 10.325,4
Aceralia: 794,2
Argentaria: 2.276,3
Tabacalera: 1.722,1
Indra: 437,1
Rede Eléctrica: 340,8
TOTAL: 21.035  millóns de euros. Se falamos de porcentaxe sobre o PIB (so de 1996 a 1999) 6,3%
A todo iso hai que sumar os fondos europeos achegados por diversas vías. Co cal a celebre frase "El milagro soy yo" nin a panacea da baixada de impostos son a xustificación única da bonanza económica dos noventa en diante ata a crise do 2008. Tendo en conta o anterior e que os fondos europeos rematan na maioría de partidas no 2013 mentres se reducen significativamente nas outras, a min gustaríame saber como o PP vai conseguir a cadratura do círculo de baixar os impostos, manter os gastos imprescindibles do Estado (como os sociais) e tirar da recuperación económica. E digo PP por dous motivos: o desconcerto do PSOE é evidente, e polo tanto sería bo que os que presumen de ser un milagre económico e goberno vindeiro comezasen a aclarar algo o que pensan facer. Ou as súas únicas opcións son baixar os impostos e redución de salarios? Se o PP quere ser unha alternativa seria (cousa que dubido, pois esta moi cómodo sendo o dono patrimonial do Estado) debería empezar a dicir algo.

Por outra banda, e como dixo Iñaki no seu novo e recomendable programa Hoy:
España non é unha economía comunista. Tal vez sería hora de ir deixando de esperar que o goberno o faga todo como se dun plan quinquenal se tratase.

venres, 12 de febreiro de 2010

PARABÉNS PARA XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN…OU NON?

Xopau analiza para nós a elección de Ferrín como presidente da RAG. Algúns lectores fixéronme chegar que sería mellor fragmentar as anotacións porque son demasiado longas para lelas nunha pantalla. Mentres meditamos sobre o feito e para que sexa mais doado imprimir e polo tanto ler a magnifica colaboración de Xopau aquí a tedes en pdf. PARABÉNS PARA XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN
E aquí e sen mais espera a colaboración como anotación:

" PARABÉNS PARA XOSÉ LUIS MÉNDEZ FERRÍN…OU NON?
Tense valorado profusamente, maiormente na prensa e noutros medios de comunicación, a elección de Ferrín como novo presidente da Real Academia Galega. Aínda así non puiden resisitir a tentación de facer unhas reflexións que intentaran deitar luz sobre o posicionamento da xente a respecto deste tema e en menor medida sobre o meu propio. Campos tantas veces arados que se pode dubidar  que poidan dar colleita.
    Ferrín pode ter moitas virtudes e outros tantos defectos pero o que si é claro é que a ninguén deixa indiferente. A cuestión está en saber se iso é ou non positivo. Amigo dos seus amigos conta con defensores leais por correspondencia a esa amistade ao mesmo tempo que cada frase súa recolle unhas cantas ducias de inimigos.

QUE NON
Na listaxe infinita de detractores compre seguir un método escolástico que nos permita clasificar a xente pola súa ideoloxía e o grao de furor dos seus ataques.
    O primeiro posto foi gañado e deféndeno con carraxe e forza todos os días os reintegracionistas. É un odio que roza no visceral e que leva a moita xente a intentar defender o indefendible. Recordo unha colaboración de certo intelectual focense intentando demostrar científicamente que a obra de Ferrín carecia de calidade literaria o que o convertía nun candidato ao nóbel pésimo (como digo eu: cousiñas!).
    Ferrín acusou sempre ao reintegracionismo das mesmas cousas: intelectualismo, alonxamento das clases populares, pouco coñecemento real da lusofonía (maiormente de Portugal) e  vasalaxe con respecto a esta.
    Da acusación de intelectualismo e de alonxamento das clases populares poderíaselle retrucar coa súa mesma obra que nunca buscou un público popular e con unha certa actitude vital que nunca conseguiu sobordar, en ningún dos seus aspectos, o cenáculo e as sociedades “quasi secretas” do tipo da FPG.
    De adoración por todo o lusófono ata raiar no autooodio  ten certa razón, sempre que se matice que a metade da xente do reintegracionismo (da que queda hoxe en día; outra cousa era nos 80) non está completa de todo a nivel mental(habendo mesmo casos de loucura manifesta que abondo deron que falar) e só é reintegracionista; é dicir, non entende de máis nada e todo se filtra e desemboca nesa ideoloxía. Son unha relixión . Evindentemente existe xente que rompeu os miolos no reintegracionismo para intentar chegar a unha solución entre o universalismo da lusofonía e a realidade de Galiza como nación minoritaria, cousa que nos achegaría a outras comunidades sen estado europeas. Esta conxunción foi a que buscou o nacionalismo histórico e así debería seguir sendo. Por desgraza esta visión vaise esvaindo ao polarizarse as posicións. Dalgunha maneira era o que a nivel gráfico representaban as normas da AGAL, mais hoxe o debate está ou no isolacionismo ou no portugués padrao.
    En Ferrín hai unha tendencia (plenamente de acordo co seu marxismo e coa súa forma de ser) á provocación que hai que valorar sempre que se lle xuzgue. Isto, a persoas que non posúen o don da retranca ou do temple,  resúltalles imposible. So coñecen o escándalo e a resposta furibunda. De feito hai provocación cando ataca o reintegracionismo e estou seguro que Ferrín non empregaría moitos dos seus argumentos debatindo con Carvalho Calero. En certa maneira estase acusando a unha parte dos filolusófonos de incultos, de descoñecedores da realidade portuguesa,…  ao mesmo tempo que el se pon como modelo contrario asentando a súa obra en pilares literarios de Portugal e do Brasil e sendo un coñecedor profundo, como arraiano, do que é e do que o país veciño representa para os galegos. Ten dito unha vez que aquel galego que aprofunde nas diferenzas que separan  Galiza e Portugal encontrará os grandes vencellos que aínda nos unen. Aquí, para min, só me resta a reverencia. Por último dicir que son dos que opino que moitas veces o noso movemento é tan pobre que sobrevaloriza algunhas persoas e as súas boutades. Ao mellor Ferrín opina o que opina sobre lingua porque é íntimo amigo de Ramón Lorenzo e xa está, sen máis.
    O segundo grupo que se encontra a desgusto coa elección é o do españolismo galeguista sintetizado en figuras coma as de Xesús Alonso Montero, Franco Grande e algúns outros. Son xente da diplomacia que sempre creron na mensaxe piñeirista culturalista. Hai que ter relacións estables co poder e intentar convencelos pola persuasión. Non deixa de ser unha ideoloxía golpista que exclue do debate as clase populares por analfabetas. Así, trocando a ideoloxía das clases dirixentes o asunto virará aos nosos intereses. Esta ideoloxía, nun país con enormes taxas de analfabetismo cultural e político, pode suscribirse sen temor a erro máis isto xa se experimentou e non vimos a regaleguización de D. Manuel Fraga por máis que a conta do erario público comimos con el no Anexo Vilas, fomos embaixadores da nosa cultuira en medio mundo viaxando en primeira e falamos e discutimos en ton amistoso ao redor de copas de bon viño… Esta xente cre que Ferrín radicalizará o discurso e perderemos os poucos apoios que temos no poder. Eu creo que no PP e no PSOE, que para nós son o poder, non temos apoios (verdadeiros).
    O nacionalismo integrante do BNG está dividido mais entende que Ferrín é un extemporáneo disgragador e pouco práctico. Como me chamaron a min unha vez: un desestruturador (nalgo me parezo, mira ti). Aquí hai, por un lado, odios históricos e polo outro  xente nova que recolle a testemuña de forma esvaída e a sintetiza nunha frase  que de  tanto escoitarse acabou por volverse clásica: é un grande literato pero un pésimo político. Dalgunha maneira para os históricos do nacionalismo Ferrín é a voz da conciencia que lles fala do que eles eran hai coarenta anos. Hai unha frase nas conversas co de Vilanova dos Infantes no que fala ben de Camilo Nogueira porque sempre estivo no mesmo sitio non coma fixeron outros camaleóns sub especie gallaica. Baixo o meu ponto de vista o xiro do nacionalismo nos últimos anos foi positivo mais foi xiro categórico e niso ten razón. Que Paco Rodríguez é unha figura obscura tampouco é negable.
    E desde as lexións destinadas nos deserto áridos e maniños do españolismo? Alí paz e gloria, coma de costume. Saben que Ferrín ten o don de xerar enfrontamentos no seo do nacionalismo o que, supoño que non teño que recordalo,  en principio benefíciaos. Por outra banda o filomarxismo explícito de Ferrín, a súa militancia na FPG, etc sempre son ases na manga que se poderán xogar no momento propicio, se for necesario. Evidentemente o peso das opinións  dun ex sacerdote catedrático de Universidade ( Barreiro) a nivel social sempre será moito maior que o que poida ter o autor de Crónica de Nós. Ademais Ferrín pode insultar certas ideoloxías pero é fiel a outras ata o extremo. Con el nunca haberá un enfrontamento (teórico) Galiza/España pois un camarada marxista español é un camarada por máis que a vida lle debeu ensinar que son a quintaesencia do xacobinismo. A FPG segue enpeñada en aliarse coa CGT, etc.
    Preguntaranse por que está o españolismo entre os do NON? No fondo creo que a elección molesta un pouco polo carácter do Ferrín. Ao fin, cando se está no poder, non é agradable ter que estar contestando diariamente os ataques furibundos que che están mandando desde unha Institución. Ademais, que Ferrín fose eleito é o cume dunha reforma da RAG que se foi consolidando desde os tempos infaustos de García Sabell; reforma nunca propiciada nen apoiada desde os españois de Galiza.


QUE SI
Mais fica alguén que diga que si?
    Pois fica. Están os literatos (moitos) que recoñecen unha obra que agrandou a literatura deste país (case un milagro coma o de Cunqueiro ou Pedraio) e que pode ser motivo máis que suficiente para sentarse na cadeira de presidencia da RAG.
    Gusta tamén que o debate entre a RAG e as outras institucións nas actuais circunstancias se radicalice un pouco e se faiga intelixible.
    Da súa xeración é o home con máis peso simbólico e un dos que mantivo un traballo máis constante e vai nos seus anos, é de xustiza darlle a Presidencia.
    Desde a miña visión o mellor é que Ferrín ten amigos. Amigos máis alá das fronteiras de España e Galiza e estou seguro que, co paso do tempo, agora algúns son influíntes. O noso problema ten que internacionalizarse e iso o nacionalismo deste país entendeuno nos anos 20 e 30 pero hoxe non o entende. Hai millóns de persoas no mundo buscando un Prometeo Encadeado a quen liberar. De nós depende que nos elixan. Ferrín axudará a isto, estou certo.
    A pregunta que paira neste ar frío do mes de febreiro sempre é a mesma: a quen lle interesa a elección do presidente da RAG neste país? A resposta pode atoparse nas cifras que sobre consumo cultural no Estado se deron o outro día. Lemos menos que un Español de España que xa é dicir! Vaia por Deus….

Con todo e por todo: parabéns Méndez Ferrín!!! "





venres, 5 de febreiro de 2010

Porque os venres son un bo día

Comezo coa difusión dos acordos da Plataforma Queremos Galego para as vindeiras datas:

"INICIATIVA LEXISLATIVA POPULAR
Comezaranse os trámites para impulsar unha Iniciativa Lexislativa Popular, que dea garantías legais que posibiliten o uso do galego en todos os ámbitos e nomeadamente no ensino e na administración.
A cantidade de sinaturas mínima que cómpre recoller é de 15.000.
Para posibilitar a participación do alumnado, que participou activamente na folga do 21 de xaneiro, editaranse tamén pregos de sinaturas que permitirán aos menores de idade expresar o seu apoio á ILP. O texto da ILP pódese consultar en http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/iniciativa-lexislativa-popular , así como no arquivo adxunto que vos achegamos. O luns 8 de febreiro entregarase no rexistro do Parlamento. ( O arquivo aquí Texto_definitivo_da_iniciativa)

FESTIVAL DE MÚSICA QUEREMOS GALEGO
Organizarase cara o mes de abril un festival de música en Santiago coa presenza de diferentes grupos galegos.

CONTESTACIÓN AO PROXECTO DE DECRETO
O plenario acordou convocar actos en todas as comarcas o día seguinte da presentación do proxecto de decretazo contra o galego, que previsibelmente será neste mes de febreiro.

REPARTO DE BANDEIROLAS, CAMISETAS E BONOS DE AXUDA.
Repartiranse as bandeirolas de Queremos Galego para colocarmos nas fiestras, e facermos público dese xeito o noso apoio á nosa lingua e o noso rexeitamento á política lingüística do gobernos da Xunta. Ademais seguen á venda polo prezo de 10€ bonos-axuda de Queremos Galego e camisolas para sufragar gastos.
É importante contribuirmos aos gastos da plataforma adquirindo algún destes bonos ou camisolas.

MOBILIZACIÓN 17 DE MAIO.
Ao redor do 17 de maio convocarase unha manifestación nacional na defensa na nosa lingua."

E agora o título da anotación. O luns comezo dous cursos que me van ter moi atarefado, xunto o propio traballo, ata fins de Maio. Ergo os contidos e actualizacións do blogue vanse resentir. Coma noutros casos anteriores tentarei que polo menos haxa unha anotación a semana: os venres. Se a anotación vai ser miña, unha colaboración ou unha simple sucesión de comunicados como o anterior dependera das circunstancias e do tempo que finalmente teña.  En calquera caso animo os lectores a seguir pasando por aqui, ainda que so sexa como un paso cara a outros sitios da rede (para iso están as ligazóns).

P.D: O 1 de marzo cae luns. Pese a todo tentarei ter algo para o primeiro aniversario da Desfeita.

xoves, 4 de febreiro de 2010

Paranoia, esperpento ou realidade?

O de paranoia ben porque desde hai uns meses en Veo7 e Intereconomía nos seus respectivos programas de linchamento e derribo comezaron a aparecer colaboradores socialistas. Socialistas da vella garda dos tempos de Felipe e Guerra. Todos estes cun discurso que se pode resumir en : " Yo soy de izquierdas y del PSOE pero..." E o que viña despois do pero deixaba os tertulianos da casa como próceres da democracia e esquerdosos radicais. Nun primeiro momento pensei o obvio: teñen que comer ou satisfacer o seu ego. Despois fun elucubrando unha teoría paranoica sobre que o PSOE quere desfacerse de ZP aínda que iso implique perder as eleccións e deixar que o PP goberne per secula seculorum. A medida que se foron filtrando os medios "normais" mais declaracións da índole dos que "baixan a territorio inimigo" funme convencendo de que ao mellor non estaba errado. O cal xa non sería paranoia senón esperpento. E entón o ABC e outros medios danlle cancha o do goberno de salvación nacional. De aí o título da anotación: paranoia, esperpento ou realidade.
Para min realidade manifesta.

Remato con dous comunicados sobre o pacto educativo Un da CIG e outro do STEG: COMUNICADO CIG;  pacto_educativo_valoracion1 STEG

mércores, 3 de febreiro de 2010

Os Baltar e o chourizo colgando



E gañou Baltar o novo. E coma sempre volvemos a camiños xa percorridos: que se hai caciques, que se o aparato non o controla todo, que se pode haber unha escisión no PP... Galiza parece condenada a vivir permanentemente no eterno retorno ata nos detalles mais nimios. Vexamos como podemos botar luz sobre a cousa esta da sucesión pai-fillo o estilo das repúblicas árabes ou africanas.
Para comezar, o dos Baltar dí moito de como é o país. Pode que non nos guste o que nos mostra porén é así. Clientelismo, nepotismo e caciquismo están pegados a terra como o percebe a rocha e para unha parte importante da poboación non so é algo natural senón incluso bo.
Por outro lado tamén di moito sobre a oposición. Que con mostras tan claras e denunciables de falla de democracia non fose quen de sacarlle rédito electoral ou de facer o lóxico ou sexa montar unha rede igual, se é realmente imposible gobernar doutro xeito, demostra que temos unha panda de inútiles no PSdG e no BNG de proporcións épicas que pensan que van gobernar porque si. Claro que niso non están sós, porque como xa dixen en moitas ocasións anteriores e non me vou cansar de repetir: a pureza virxinal dos votantes dos devanditos partidos e digna de estudo.

Ao final a sucesión deixa contento a todo o mundo digan o que digan:
- Os Baltar que seguen a fronte do chiringuito.
- Os non Baltar que saben que por moito que amaguen non van marchar.
- A oposición que pode consolarse co patinazo de Feijóo e soñar coa imposible escisión.


Porque escisión non vai haber. Ninguén é parvo. Alomenos no PP. Ou alguén lembra o PADE? Ou mellor aínda, quen quere seguir o camiño dos escindidos que deron lugar o tripartito? Porque por moito que se diga o votante do PP vota as siglas sen importarlle quen as represente. Ou como me dixo unha compañeira de traballo no 2008 tras ser elixida nas eleccións xerais para un posto do senado pola lista do PP.
- "Con tal de que lleve el símbolo del PP le votan hasta a un chorizo colgando"
Dito o anterior cun amplo sorriso e plena confianza no que dicía.

Os supostos galeguistas do PP ( meu Deus Cuíña pai D.E.P e Baltar son os galeguistas) sábeno ben e non van marchar. Sobre todo cando o seu galeguismo é mais mera aparencia que realidade. Ademais de que os que tanto soñan esa escisión sempre o fan desde fóra e pedíndolles que se fagan o seppukku político. Porque non é o mesmo ir a rúa que a un despacho. Aí é onde a oposición demostra a súa incapacidade. De pensar un pouco Touriño e Quintana en vez de saír falando de democracia e marchar, o que terían que ter feito e falar e mercar o escano que lles faltaba. Se non saía con dimitir e cargar con toda a culpa todo feito. A catro anos das eleccións vindeiras que máis daba un erro. E se saía mellor que mellor. De feito o momento de mercar voto volve estar sobre a mesa. Os Baltar gañaron, aínda que non como sempre. E o proceso de tentar eliminalos vai seguir. Unha vicepresidencia ou mesmo a presidencia da Xunta par Baltar o novo tal vez fixeran o miragre dun novo tripartito. Si, xa sei non sería democrático. Sería un pacto contranatura. Sería a garantía dunha campaña sen precedentes da prensa e de perder no 2013. Seino, mais sonche así. Ah, e por certo respecto a prensa e o 2013, non vai ser así de tódolos xeitos?

 Se alguén quere unha análise mais convencional que mire esta.

P.D: Sei que dixen que non ía volver falar sobre o das caixas porén  creo que non ben mal lembrar o fundamental: se a operación a dirixe Feijóo so pode acabar en absorción por Caja Madrid. Considerar unha grande operación de resistencia da man do PP é un suicidio político non por ir co PP senón porque todo vai en beneficio de Rato.(1,2)

luns, 1 de febreiro de 2010

Terroristas!

Parece que a raíz do de Robert sacaron a lingua a pacer e agora todos os que estamos contra o decreto somos culpables alomenos moralmente. ou terroristas en potencia.



Pois se todos os do video mais os que non puidemos ir somos terroristas aquí vai haber un problema dos grandes.
Respecto o ataque a Don Roberto aquí tedes unha analise feita con humor.


Aquí en Galizauberalles