luns, 28 de xuño de 2010

Un 28 de Xuño e despedida

O 28 de Xuño de 1936 os galegos estaban chamados a votar se querían ou non querían un estatuto de autonomía.  O censo acadaba o 1.343.135 electores, dos cales acudiron as urnas o 74,55%. Os resultados foron os seguintes:

- Votos a favor: 993.351 ou o que é o mesmo o 99,05%
- Votos en contra: 6.161 ou o que é o mesmo o 0,6%
- Votos en branco: 1.451 ou o que é o mesmo o 0,1% dos votantes.

Moito se ten dito da devandita cita electoral: nalguns casos para matizar o éxito, noutros para deslixitimar o resultado. Pouco hai que dicir sobre o anterior. Calquera matiz será benvido e non podera ocultar nin o rotundo éxito da votación nin que non hai xeito de deslixitimala. Os únicos que están deslixitimados son os que recorreron as armas para impugnar os resultados e os seus herdeiros. Non por ser herdeiros senon porque seguen a considerar que a guerra foi necesaria e que todos eran iguais. 
Coa sentenza do Estatut as portas ou non, os ruxe-ruxe din que este mercores, a conmemoración do estatuto do 36 é máis importante ca nunca. O novo estatuto de autonomía é a espada de Damocles que "El Señor de las Habichuelas" garda en reserva para ocultar a desfeita do seu goberno e animar a cantos o califican de brando. Para non repetirme remito o que xa dixen sobre este tema case que o comezo desta tempada de Galizauberalles que remata hoxe. Reafirmome en todo canto dixen alí e insisto en que se nos recortan o estatuto actual, xa recortado no seu tempo, haberá que plantarse cun claro:

NON O ESTATUTO

Por outra banda toca a despedida. Pode que non sexa o mellor momento para retirarse: o ruxe-ruxe do estatut; a desaparición de Galizanación e os ruxe-ruxes sobre outros medios en galego, a crise, a continua desfeita de The lord of the beans etc. Porén que non falten razóns para seguir non implica que teña a dispoñibilidade de facelo. Do mesmo xeito que non me fago ilusións sobre a incidencia na realidade deste modesto blogue. As razóns son semellantes as da despedida do ano anterior. En fin saúdos a todos. Se Deus quere e San Patricio axuda isto volvera abrir en setembro, sobre o 17. 

A modo de despedida gustaríame salientar dous artigos que me chamaron a atención e que recomendo ler: O inglés na Galiza completase a fraude, e Galiza neofalante. Así como un artigo escaneado da Nosa Terra que orixinalmente ía ir na miña reflexión sobre a manifestación do 18 de Outubro ata que Carlos "martelo de galegofalantes" Luis "lambecús de conselleiros" cambiou o choio.



venres, 25 de xuño de 2010

1369-1469 un século clave.

Con esta anotación comezo unha categoría nova: Historia. En teoría debía saír o mesmo tempo nas dúas encarnacións de Galizauberalles e en Nosqueportugal, por problemas lóxisticos saíu primeiro no devandito blogue.

Aclarado o anterior é antes de proceder a anotación, un aviso sobre outro feito histórico que se commemora esta fin de semana:

"Cerceda revivirá a proclamación da I República Galega o vindeiro 27 de xuño
Varios colectivos da comarca de Ordes, Bergantiños e de Santiago organizarán unha festa conmemorativa do 79 aniversario da proclamación da I República Galega
TELÉFONOS DE CONTACTO:
OLGA (A.C.Foucelhas, Ordes): 679 799 481
BOCIXA (A.C. Lucerna, Cerceda): 620 599 007
Será a antiga estación de Queixas-Londoño, na parroquia cercedense de Xesteda, o lugar que lles servirá á Asociación Cultural Foucelhas, de Ordes, á Revoltaina Cultural da Beira de Bergantihnos da Laracha e á Asociación Cultural Lucerna de Cerceda de marco para a xornada festiva na que se rememorarán os actos do 27 de xuño de 1931, o día no que por vez primeira na historia Galiza se autodeterminaría como unha República independente.
O 27 de xuño será un día cargado de simbolismo, no que as Asociacións organizadoras da Festa da República Galega tentarán transmitirlle a toda a xente que alí se achegue o sentimento de pertenza a un territorio perfectamente diferenciado e cunha historia de seu que foi escrita fundamentalmente polo movemento obreiro e campesiño. Mais non será unicamente unha xornada reivindicativa, tamén haberá festa, e xa desde ben cedo. Ás 12 un pasacalles con gaiteiros encargarase de darlle a benvida aos que se acheguen á festa. De seguido terá lugar un acto no que se explicará a conmemoración e os feitos daquel revolucionario ano de 1931. E coma en toda festa que se prece, tamén haberá sesión vermouth. Tras os primeiros bailes, a xente do Sindicato Labrego Galego organizará o xantar con produtos da zona e incluirá 1º e 2º prato, sobremesa e auga por só 12 euros. As persoas que queiran participar no xantar deberán facer unha reserva chamando ao número 620 599 007 (Bocixa) ou enviando un correo electrónico a aclucerna@gmail.com."


AGORA IMOS CO SÉCULO QUE VAI DE 1369 A 1469
Non esta demais ler as distintas anotacións de Nosquedaportugal que analizan o que ocorreu antes: parte1, parte2, parte3, parte4, parte5, parte6, anexo.

Cando un se senta a analizar a historia de calquera lugar sempre pode atopar momentos de inflexión que marcan o que veu despois. Momentos que sempre plantexan a dubida de se foi posíbel outra curso de acción. No caso da historia de Galiza non cabe dubida que os momentos mais coñecidos e a vez importantes foron: 1071/72 coa fin do reinado de García I; 1128 cando os portugueses tomaron a sabia decisión de marchar; 1230 cando o reino de León é absorbido definitivamente por Castela; 1469 coa derrota Irmandiña... se falamos de datas lonxanas. E 1936, coa guerra civil e a imposibilidade de aplicar o estatuto, 1979 co estatuto da aldraxe, 1989 coa caída do tripartito e 2009 coa fin do bipartito se falamos de datas mais cércanas a nós.

Agora ben normalmente as datas, salvo casos excepcionais que reflicten feitos extraordinarios, soen servir para ordenar e resaltar procesos mais longos. Precisamente dun deses procesos, do ocorrido entre 1369 e 1469, e do que vou falar agora.

Comecemos poñéndonos en antecedentes. En 1230 o reino de León é absorbido de xeito definitivo pola coroa de Castela. Galiza que ata entón ocupara unha posición central en tódolos asuntos vai quedar relegada a un segundo plano. Isto vai obedecer a dous factores:

- a peculiar configuración do dominio señorial galego, con maior predominio da Igrexa sobre a nobreza laica. O que leva a que os reis apoien a Igrexa como método de asegurar o seu control sobre o territorio.
- o "illamento" xeográfico dada a amputación de Portugal e o "potenciación" do elemento leonés en detrimento do galego.

Como resultado do anterior a integración de Galiza na nova orde vai ser dificultosa e provocara toda unha serie de conflitos que non se solucionaran definitivamente ata que a cabeza do Marechal rode un 17 de Decembro de 1483.

A inestabilidade política vaise sumar outra social e económica coa crise do século XIV. Esta vai provocar as mesmas tensións que en calquera outro lugar de Europa e respostas semellantes: loita sen tregua polo poder para usar este como garantía de novas esixencias que compensen a diminución de ingresos (a nobreza); ou tentativa de consolidar un eido propio que impida esas novas esixencias (a burguesía).

Na Galiza esa loita polo poder vai ir enmarcada na crise herdada da integración en Castela levando a tentar resucitar o reino de León ou integrarse en Portugal. O mesmo tempo que xa no mais cotiá apareza a encomenda: un nobre aproveitando os seus recursos militares "convence" a un mosteiro, unha cidade ou unha vila de que lle ceda parte das súas rendas. Isto, a parte do lóxico resentimento dos afectados, vai crear unha situación de inseguridade xeral e certos lazos entre as distintas vítimas.

Por outro lado como era a Galiza do século XIV? Pobre, atrasada e illada. Non, ese tópico repetido hasta a saciedade en tódolos libros de texto xa se fale do Bronce Atlántico, da Era Compostela ou da Galiza do XIX é falso. Galiza non sempre foi pobre e atrasada. Illada non o estivo nunca, imposíbel estalo tendo o mar o noso redor. Claro que se so miramos para o furúnculo mesetario... Tópico que ten unha razón de ser: o 50% dos nosos problemas son por causa nosa, o outro 50% son por ser parte de España, e claro iso non se pode dicir non vaia ser. En fin imos o asunto:

- Comezando polo dunha Galiza rural temos que a partir dos datos dispoñibles, extrapolacións e datos reconstruídos:
Santiago: 37 ha.- 8000 habs.; Pontevedra 22,5 ha.- 6500 habs.; A Coruña: 20 ha.- 5760
habs.; Tui: 18 ha.- 3900 habs.; Ourense 16 ha. 3500 habs.; Lugo 15 ha.- 3270 hab.;
Betanzos: 7 ha- 2000 habs.; Mondoñedo: 5 ha – 1090 habs; Viveiro: 5,5 ha.- 1500 habs.; Allariz: 7 ha. – 1525 habs.; Ribadeo 5 ha.- 1440 habs.; Vigo: 5 ha.- 1440 habs; A Guarda: 4 ha.- 1150 habs.; Ferrol: 4 ha – 1150 habs.; Noia 4 ha.- 1150 habs.; Redondela: 4 ha –1150 habs.; Ribadavia 5 ha. 1090 habs.
 É dicir 50.000 habitantes nun hábitat urbano moi diversificado. O que fai que a Galiza da época sexa un territorio urbanizado na medida da época e cunha rede urbana densa e ben artellada.Por certo as extrapolacións e reconstrucións de datos parten dunha base. Base que é a mesma que se emprega na Historia de España ou de Francia. Claro que no primeiro caso son verdades universais e no noso delirios de nacionalistas.
- Seguindo co de atrasada e illada: Nada indica que as técnicas empregadas na Galiza da época fosen mais atrasadas que as doutros lugares. Mentres que no plano comercial Galiza exporta viño e salgaduras estando integrada nunha rede comercial con tres eixos básicos: Inglaterra, Flandres e Portugal.

Para resumir pode dicirse que as cidades e o comercio medran dun xeito ininterrompido desde comezos do século XII o XIV. 1348 o ano da gran mortaldade, cando a peste entra por Tui e Baiona e recorre Galiza, será o comezo da crise a nivel profundo e xeral. Por outra banda pese a que cidades e vilas son na súa maioría de dominio da Igrexa estas  gozan dunha ampla autonomía interna. Autonomía que se ve reforzada tanto pola concesión de foros por parte dos reis, como polo feito de que  durante os séculos XII-XIV a fidalguía é rural e os nobres non teñen interese ou non poden influír nas cidades. Claro que esa autonomía non é ben vista polos bispos provocando casos como o de Berenguel de Landoira, dominico francés nomeado bispo, debe conquistar Santiago, 1317-1324, e mata a 10 concelleiros. Para que despois nos vendan o conto de que aquí nunca pasou nada.

O quid da cuestión é que Galiza como o resto de Europa estaba a evolucionar cara a novas formas de organización política e económica que superaban as marxes do feudalismo o uso. A situación podería resumirse nun enfrontamento entre dous grandes grupos Bispos e Alta nobreza vs. fidalguía e burguesía. Grupos que non son homoxéneos nin sempre solidarios entre eles. O choque dos bispos e nobreza laica será frecuente.

Visto o visto as cousas vanse precipitar en 1366 co inicio da fase final da loita entre Pedro I e o futuro Henrique II. Galiza loita do lado de Pedro I e sufrira as consecuencias da derrota. Agora e cando chegan os primeiros nobres casteláns e os seus séquitos para asegurar a coroa do novo rei e con eles o comezo da diglosia. Pese a todo o conflito bélico en Galiza non se pode dar por rematado ata 1387 cando se poña fin a intervención de Portugal e do duque de Lancaster. O conflito agravou a crise económica e fixo que escudeiros e cabaleiros asentáronse nas cidades defendendo a nova orde. Pese a todo o auxe económico do XV mantenos a raia. E será por isto último polo que o período 1369-1469 sexa clave. Vexámolo:

- A recuperación comeza a fins do século XIV, acentuase a partir dos anos 20 do XV
e chega a máximos nos 50 antes da guerra Irmandiña.
- Relacionado co anterior os novos  nobres laicos seguen a estar moi pouco vinculados a coroa. Mentres os fidalgos encargados de controlar as cidades aburguésanse e estas rexorden con forza no político e no económico pese a perda do voto en cortes no 1425.
- A problemática relación entre todos os sectores sociais segue sen resolverse mantendo a conflitividade e tódalas posibilidades abertas.

Galiza podía ir cara a un lado ou cara a outro. Podía ver o triunfo dun proceso ruralizador  e que reafirmase a postura mais rendista e tradicional de nobres e bispos. Ou podía ver a consolidación dun movemento urbano mais comercial e innovador. Coa coroa castelá sumida nunha longa crise interna que facía que so puidese ser mero arbitro e observador lonxano a solución ía ser autóctona e ligada as propias forzas do país. E esa solución ía ser a Guerra Irmandiña.

A Gran Guerra Irmandiña: primavera de 1467, outono de 1469. Co pretexto de
obter o reguengo a burguesía e o comercio enfróntanse a aristocracia e as rendas. É un
movemento urbano que comeza en 1466, e se espalla polo campo, cunha rede centrada
nas cidades:
Ribeiro-Ribadavia-Ourense
Morrazo-Cangas-Pontevedra
Os mosteiros, fartos das encomendas dos nobres, apoiaron o movemento, así non se deixou que os campesiños deixaran de pagar as rendas. (Vai sendo hora  de ver a guerra non como unha revolta campesiña senón como unha proto-revolución burguesa).
Os acontecementos evolucionaron así: Xuntas xerais da Irmandade en 1467. En Medina del Campo conseguen o apoio de Henrique IV cuxas instrucións as converten no poder legal polo que ocupan as fortalezas, todas. En setembro de 1468 co pacto dos Touros de Guisando entre Henrique e Isabel remata a legalidade da Irmandade. Os nobres poden reorganizarse aparentando ser o poder legal e reconquistar o territorio. Coa reconquista nobiliar fidalgos e escudeiros confírmanse como donos dunhas cidades ruralizadas e feudalizadas.

Aí foi onde Galiza comezou a ser a do tópico: pobre, atrasada e illada. Porque o esmagamento da burguesía en 1469, vai seguir o da nobreza e os mosteiros na década dos 80. E se é certo que para a vida cotiá verse libres de semellantes nobres foi unha mellora, non menos certo é que sen clases dirixentes verdadeiramente preocupadas polo país reverter o proceso de atraso que se inicia entón é pouco menos que imposíbel. Proceso que se vai acentuar cando a política exterior da Monarquía Hispánica leve a economía galega o colapso polo enfrontamento co mundo inglés e alemán continuado na Reforma.
Para concluír, houbo alternativa?

Si se ben esta tampouco é moi gratificante. O triunfo das cidades pasaba inevitablemente polo apoio da coroa, sobretodo porque a ningunha se lle pasaba pola cabeza a integración en Portugal, idea dalgúns nobres. (Falar de independencia nese momento é tan absurdo como falar de nación). Apoio que podería darlles unha vitoria que no económico non cambiaría gran cousa: pois a política exterior ía ser a mesma e aí están as cidades de Castela para ver como acabou a cousa. Porén no plano mental e social si que habería diferenzas. E tal vez, unha delas, sería a aceleración da sustitución do galego polo castelán ao ser cidades e vilas lugares mais vivos e activos do que o foron como meras residencias de rendistas ociosos pouco preocupados por calquera cousa que non fose cobrar a renda.

luns, 21 de xuño de 2010

España: o imposible soño federal V (final)

As labores propias do remate do curso, fixeron que a semana pasada non puidese escribir o final da serie de anotacións sobre o imposíbel soño federal en España. Claro que ademais diso tamén influíu o feito de ser a semana negra do idioma. se esta comezaba co seguinte:

"Na páxina web da SXPL atópase dende hoxe a Convocatoria da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se aproban as bases para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para desenvolver no curso académico 2010-2011.
O prazo remata o 15 de xullo.
Cordiais e dinamizadores saúdos."

Continuou do xeito que segue: InformacionDireccionXeralCentros   No centro no que estou xa decidiron que materias ían quedar en galego e cales en castelán. Co que de ter case todo en galego xa se pasou o 50% do bilingüismo cordial:como queda a cousa. Claro que o de cordial é para darlle o galego unha navallada polas costas:LinhaInfantileDemisioncig-informa%20centros%20plurilingues. De momento isto é o que se puido reaccionar.20100618%20Mesa%20Sectorial

O anterior ademais de: para deixar de manifesto a barbarie que fai que contra os cocteleiros so nos quede o argumento practico, porque despois disto non serei eu quen lles diga ren de moral ou lexitimidade pois acaban de dárllela toda; e para incidir no tema que nos ocupa.

A cotío os poucos federalistas que hai caen no erro de plantexar a solución federal como un milagre. Non é así. de feito con estes malfeitores no goberno de pouco nos serviría ter un modelo federal. Tras o dito. Comezo co remate do Imposible soño federal. (Ven da anotación anterior)

 Unha vez que morre Franco e se entra nesa dinámica coñecida como Transición unha das cousas a afrontar vai ser a da reorganización territorial do Estado. Os nacionalistas non españois gozaban de gran pulo en Euskadi e Catalunya, estaban relacionados coa meirande parte dos partidos democráticos, a opinión pública tiña interiorizado nese totus revolutum de ideas antifranquistas o concepto de estatuto, ademais eran os anos 70 coa reactivación da guerra fría, e vivíase a era dourada do terrorismo a nivel global cunha ETA que podía servir de acicate para calquera cousa nun senso ou outro.

As vellas elites xacobinas dispostas a que todo cambiara e o cambiar seguise igual (UCD) eran conscientes de todo isto. Por outra banda as novas elites (PSOE), tamén xacobinas, estaban mais que dispostas a facer ese cambio que non alterase os alicerces de ESPAÑA. O quid da cuestión era como. Alfonso Guerra fai uns anos e mais recentemente Jose Bono explicárono en sendas entrevistas:

 - a autonomía estaba pensada so para Euskadi e Catalunya. O problema radicaba en que de ser así parecería unha claudicación ante eses respectivos nacionalismos e o comezo da independencia. Ante a posible reacción das forzas vivas mais inmobilistas era preciso artellar algo. Ese algo era ir rebaixando tanto a autonomía en si mesma como a excepcionalidade do proceso. A primeira idea foi recorrer os estatutos da Segunda República. Co cal xa se metía no saco a Galiza. Claro que isto tampouco era ideal: reivindicábase a asasinada república e engadíase unha terceira lingua/nación o carro dos separatistas. Así que finalmente optouse polo que quedou plasmado na Constitución de 1978. A autonomía era opcional, aberta a todos e con dous niveis: o das comunidades históricas e as de réxime común.

- Claro que o anterior non abondaba así que se entrou na formula do "café para todos". Desde o goberno favoreceuse e impulsouse que todo o mundo pasase a ser autonomía. Perdón todo o mundo non, que aí esta León dentro de Castela. O mesmo tempo que se iniciaba o cerco a Euskadi e Catalunya. O primeiro paso foi o celebre estatuto da aldraxe en Galiza. Con el pretendíase marcar o camiño cara abaixo dos demais estatutos e ser o primeiro aviso a esas dúas comunidades do que podería pasar. Paso que foi un éxito pois aínda que o estatuto da aldraxe non foi adiante o actual tampouco é como o desas dúas comunidades. O seguinte foi a transformación de Andalucía en comunidade histórica, que os Malagueños non votasen por iso e houbese que saltarse a constitución pouco importou. Con Andalucía e o seu peso demográfico pechábase o cerco. Sobretodo cando AP gaña as eleccións en Galiza e inicia o seu dominio absoluto coa preocupación por Madrid e España como única guía da súa política. Algo aumentado e multiplicado polo seu herdeiro o PP.
O resto xa o coñecemos.

Ben, e chegados a este punto: É España un Estado Federal? Podería selo? Como?

- Non porque sendo certo o seu elevado grao de descentralización o elemento clave de como se organiza esta non o é. A descentralización política e administrativa en España parte de que esta é o ente preexistente e soberano. Polo tanto todo é unha concesión mais ou menos ampla, porén reversíbel en calquera momento. De aí que os Estatutos de Autonomía deban ser aprobados polo Congreso dos deputados. Do mesmo xeito que en calquera momento o goberno central pode recorrer o Senado para recuperar aquilo que queira.
Nun estado federal os entes preexistentes e soberanos son as partes constituíntes que ceden unha parte da súa soberanía o novo conxunto ou federación. Como resultado disto aquilo no que seguen a ser soberanos esta a salvo de calquera inxerencia da federación. Así as constitucións dos distintos estados que forman USA cambiaron un montón de veces, sen que o goberno federal dixese nada.

- Por poder, nada é imposíbel mais coa situación actual e as leccións da historia esta claro que é moi improbábel.

- Partindo da situación actual e sen meternos xa no de botar o rei ou non, ou na necesidade de cambio de nome dos entes políticas, o proceso sería:

a) reforma do sistema de reparto de competencias entre o goberno central e as comunidades. O sistema debería ser simplificado a dúas listas claramente delimitadas: unha mínima de competencias do goberno central/federal; e outra con todo o resto de cada comunidade autónoma. O que incluiría que os impostos fosen competencia das comunidades autónomas. A desaparición das deputacións provinciais, algo que por certo xa ocorre nas comunidades uniprovinciais.

b) reforma do senado para que represente as comunidades autónomas.

c) reforma do sistema xudicial para que este ligado a comunidade. Ergo desaparición da Audiencia Nacional, do CGPJ, e fusión nun so do Tribunal Supremo e do Constitucional.

d) interiorización por parte dos partidos de ámbito federal do propio sistema: é dicir o de "decimos lo mismo en Soria que en Cataluña" debería pasar o esquecemento. Sen este punto nada sería posíbel. Poderíase cambiar de nome as institucións e mesmo darlles un autentico pulo federal que todo seguiría igual se os partidos seguisen como ata agora.

e) reordenación do mapa para que León poida secesionarse de Castela e Madrid se transforme nun distrito federal.

E por suposto todo o anterior acompañado do recoñecemento de certa soberanía, única e inamovíbel, para certas cousas como o idioma.

Tamén en Galizauberalles

venres, 11 de xuño de 2010

España: o imposible soño federal IV

Continuo coa miña análise do federalismo imposíbel en España. Ver a anotación anterior. Agora ben, antes de entrar en materia difundo un aviso que esta relacionado co período a analizar hoxe: Segunda República e Franquismo:


 Vários colectivos da comarca de Ordes (A.C.Lucerna, A.C.Foucelhas), de Bergantinhos (A Revoltaina Cultural da Beira de Bergantinhos)  estam a organizar para o 27 de Julho umha festa comemorativa do 79 Aniversário da proclamaçom da República Galega, efectuada em Compostela durante a greve dos trabalhadores do caminho-de-ferro no 27 de Junho de 1931, justo antes das eleiçons às Cortes Constituíntes da República Espanhola. Polo simbolismo do sítio, a festa fará-se na estaçom velha de Gesteda (Cerzeda), abandonada ao passo do AVE, e situada à beira do Lenguelhe…..
Se tes un colectivo(cultural,ecoloxista, de teatro….), unha asociación, libraría, tenda ecolóxica, grupo ecoloxista, es artesán, tedes unha editorial,grupo musical, calquera cousa en xeral relacionada coa cultura galega … e queredes expoñer alí, e de balde. Podes poñerte en contacto no enderezo          comarca-de-ordes@googlegroups.com
Máis información:

Dito o anterior comezo imos o choio, longo neste caso polo quen queira aqui o ten en pdf: Federalismo

A Segunda República é o período mais determinante da historia recente de España e de Galiza. Pensemos que do seu fracaso se derivara a longa noite de pedra do franquismo e o apaño de mínimos que é a Transición e con ela a democracia actual.

Antes de entrar no tema que nos ocupa, o imposible soño federal en España, convén facer un repaso a como chegou e porque fracasou a Segunda República (de aquí en diante a República).

A República chegou tras o desprestixio da monarquía, o fracaso da ditadura e o afundimento da Restauración pola súa negativa a evolucionar dun sistema liberal a unha verdadeira democracia.  Dun xeito semellante a como chegou o Sexenio Democrático as forzas políticas excluídas do sistema puxéronse dacordo para derrubalo e traer a República. Esta chegou da man de tres grupos distintos aliados coxunturalmente:

- os partidos republicanos. Un amplo abano de ideoloxías que ían da esquerda a dereita pasando polo centro. E de posturas xacobinas a outras federais. Eran os que verdadeiramente crían na República e deberían ser o alicerce do novo réxime. Non lograron selo porque en conxunto foron sempre minoritarios fronte as outras opcións. Como curiosidade dicir que os postulados dos partidos da esquerda republicana noutros países de Europa situaríanos dentro do liberalismo democrático, e por tanto, na dereita.
- a esquerda obreira. Dividida entre anarquistas e marxistas. Estes últimos a súa vez divididos en socialistas (PSOE) e comunistas (PCE). Co PSOE dividido a súa vez en faccións entre socialdemócratas reformistas e os partidarios de facer a Revolución antes que o partido comunista. Foron o maior grupo dentro dos partidarios da República e sempre a viron como un medio non coma un fin. Por outro lado o atraso e inxustizas do país xustificaban e dábanlles a razón para a súa urxencia a hora de avanzar nas reformas. Como curiosidade, o PCE que levou a peor fama, foi dos tres grupos o mais coherente e responsable o longo de todo o período.
- os nacionalismos non españois. Minoritarios, divididos entre esquerda e dereita, con proxectos desde un modelo federal a vellas reminiscencias rexionalistas e por vez primeira con algún plantexamento independentista.

Estes grupos trouxeron a República esperando que satisfacera as súas demandas, a veces contrapostas, e acabaron por ser os únicos que por convicción ou interese creron nela.

Fronte a estes a dereita maioritaria, que nunca se sentiu representada polos partidos republicanos de dereita, foi pillada por sorpresa coa chegada da República. Como ademais, nunca tivera necesidade de artellar un partido político que a representara nin participar no xogo político porque o Estado era seu, o Estado eran eles. Quedou marxinada, mais ben automarxinouse, do proceso constituinte. Co cal xa pasamos as responsabilidades do fracaso da República:

- A constitución de 1931, por ser elaborada por maioría sen contar coa dereita. Como escusa non está mal. As constitucións e todos os acordos fundacionais básicos sempre é mellor que se tomen por consenso. Porén de non ser así se a decisión se toma por maioría de xeito democrático haberá que aceptala. E cando chegue o momento cambiar esa decisión mediante unha nova maioría ou a ser posible esta vez por consenso. A dereita non aceptou a República. Non aceptou a Constitución. A idea de cambiar a Constitución ou renegociala foi descartada. O non á todo e a eliminación da Constitución foron o seu único desexo durante todo o período.
- Os nacionalistas non españois por tensaren demasiado a situación. Tendo en conta o pouco que conseguiron se iso é tensar a situación implica que a única opción posíbel é: xacobinismo e madrileñismo si ou si.
- A esquerda por radical e pola Revolución de Asturias. Para o primeiro punto vale o dito no apartado anterior. Para a Revolución de Asturias dicir que é un acto antidemocrático, contrario a dereito, irresponsable, contraproducente, ilexítimo,  e podería seguir. Porén a República non caeu ese día. O goberno seguiu funcionando e a legalidade e a lexitimidade institucional continuaron o seu curso. En virtude do cal o goberno impuxo a orde e restaurou a legalidade en todo o territorio. Ergo a Republica seguiu adiante e non se desfixo.
- A dereita por non aceptar a República. Pois si foi ela. Pode ter certos atenuantes polo visto anteriormente. Porén a responsabilidade última é dela e so dela. Desde o comezo non se plantexou outra alternativa que non fose volver o de antes, a ser posíbel purgando a todos cantos se atreveran a cuestionar a orde natural das cousas. Di moito de como era o feito de que para eles os partidos republicanos, considerando o que xa dixen deles, fosen igualmente dignos de ser purgados por radicais. Tentou a volta atrás con Sanjurjo e conseguiuno con Mola e Franco.

Certo que para comprender todo o período hai que ter en conta: a crise do 29; o enfrontamento entre fascismo, comunismo e democracia; ou o anticlericalismo español e os seus excesos. Certo mais todos son atenuantes que non eximentes da culpabilidade de quen a ten. Sen eles a República non tiña porque acabar como acabou.

Tras esta longa exposición das características da República chegamos o asunto que nos ocupa:o federalismo.

Desprestixiado o concepto de república federal polo fracaso da Primeira República e cos republicanos federalistas en minoría todo parecía indicar que o novo réxime sería centralista. Aquí e onde intervén o feito de que os partidos nacionalistas non españois formaran parte dos acordos que fixeron posíbel a chegada da República. Dado que había que "contentalos" inventarase a formula dos estatutos de autonomía. É dicir, unha ampla descentralización administrativa e política que non toque o tema fundamental da soberanía, que continuara a ser patrimonio de España, e o que se deriva dela: indisoluble unidade do Estado e carácter reversible de canto este ceda. O primeiro estatuto foi o catalán e provocou unhas reaccións semellantes o actual so que multiplicadas polas características da época. Tras este comezaran a redactarse outros moitos sendo paralizados durante o Bienio negro, reactivados co triunfo da Fronte Popular e eliminados coa guerra civil.

De todo o anterior quedaron dúas ideas clave: era posíbel unha certa descentralización política e administrativa sempre que os partidos nacionalistas non españois fosen capaces de arrincarlla o maioritario sentimento xacobino. E un estado federal entra no terro da utopía por ser "demasiado radical" para o español medio.

A longa noite de pedra do Franquismo.
O franquismo constituíu o réxime mais centralizado e autoritario da historia de España. Todo o que fose diferente as ideas reitoras: centralismo-unidade, con Madrid como único lugar a ter en conta; castelán como único idioma, e a reacción como única idea política foi perseguido e eliminado. Será precisamente o franquismo o que en aras desa centralidade potencie o papel económico de Madrid ata convertelo no monstro que é hoxe. Unha cidade que vive e se expande a costa de chuchar os recursos de todo que ten o seu redor: xa sexa Guadalajara ou Galiza. A idea, lograda, era unir poder político e económico restándolle protagonismo os dous motores económicos existentes hasta o momento: Euskadi e Catalunya.

As ideas federais e nacionalistas non españolas sobreviviron no exilio e na clandestinidade. Porén, será o franquismo , da man dos tecnócratas, quen a medida que o desenvolvemento económico mostre os limites do centralismo o que cree unha idea "nova": as rexións. As rexións franquistas pretendían agrupar diversas provincias para aplicar determinadas políticas económicas e racionalizar a administración. Non terían ningunha capacidade política sendo simplemente entes administrativos. E por que teñen importancia? Pois por dous motivos:

- unha vez morto o ditador, no franquismo sen Franco que pretendían as leis do réxime o seu papel iría en aumento. Incluso nalgúns libros de texto, que non chegaron a entrar en vigor e que subsisten como reliquias nalgúns departamentos de ciencias sociais onde puiden ver un, se falaba da necesidade de potenciar o sentimento rexional. Sentimento que sería o alicerce do sentimento nacional, da nación única: España, e que se diferenciaba claramente do separatismo o cal axudaba a combater.
- porque pese a que todas as súas atribucións nunca entraron en vigor si estaban pensadas e plasmadas en textos de todo tipo.

Súmense os dous puntos anteriores e pese as diferenzas no mapa terase a orixe do "café para todos"

Continuara...





venres, 4 de xuño de 2010

España: o imposible soño federal III

Rematado o mes da lingua continuo co tema do federalismo. O que sigue é unha continuación directa destas anotacións: 1, 2.
Co pronunciamento de Martínez Campos comeza oficialmente a Restauración que podemos estruturar do seguinte xeito:
- Durante o reinado de Afonso XII (1875-1885), Cánovas del Castillo converteuse no home forte do rei e creou un sistema político baseado no poder compartido entre as Cortes e o Rei, e no bipartidismo.
- Elaborou a nova Constitución de 1876. O sistema electoral era deixado en mans das Cortes. O partido conservador de Canóvas prefería o voto censitario. O partido liberal de Sagasta optará polo sufraxio universal masculino na lei electoral de 1890.
Claro que bipartidismo e lei electoral non era máis que unha fachada empregada para ocultar o verdadeiro alicerce do sistema: o caciquismo. Na practica o sistema politico baseábase en:
- Non aceptación dentro do  sistema politico nin do carlismo (absolutista e católico) nin dos revolucionarios (republicanos, socialistas e anarquistas).
- Creación, grazas a intervención de Sagasta,  do partido liberal para garantir a estabilidade do sistema mediante a quenda de partidos.
- Cando Cánovas ou Sagasta eran convocados polo rei para formar goberno o obxectivo principal consistía en que o seu partido gañase as eleccións a Cortes e debía prepararse o proceso electoral en dous aspectos: 1º publicación dunha lei electoral favorable, 2º contar en cada provincia co apoio dos caciques locais e dos oligarcas para o “encasillado” e a fraude electoral.
O sistema sera polo tanto nada democratico e moi estable. Estabilidade que permitira o desenvolvemento económico e demográfico:
- España tiña 16,6 millóns de habitantes en 1877, en 1900 tiña 18,6 e en 1920 tiña 21,5.
- En 1900, España seguía tendo unha agricultura tradicional baseada na triloxía mediterránea. Pese o cal ao final do XIX, tanto as vides como as oliveiras experimentaron unha grande expansión. Desde 1900 produciuse un aumento da superficie adicada os cereais así como a expansión de novos cultivos de regadío: citricos, remolacha azucreira e algodón na península; tomate, platano e tabaco en Canarias.
- A lexislación proteccionista (arancel de 1891) beneficiou ós cerealeiros casteláns, ós industriais textiles cataláns, a siderurxia vasca e a minería asturiana. Os empresarios vascos tamén creán compañías navais e grandes bancos como o de Bilbao e o de Vizcaia.
Será precisamente a estabilidade do sistema, o moderado desenvolvemento económico e a exclusión das forzas máis conservadoras e das máis democraticas as que lle van dar pulo a ansias federalizantes. Será a Restauración cando xurdan ou se consoliden os movementos rexionalistas de Euskadi, Catalunya e Galiza. Como resultado desto os proxectos de constitucións para os distintos estados federados ou rexionais multiplícanse. O caso catalán merece salientarse porque coa creba do carlismo tras a III guerra carlista a ameaza que este implicaba para o liberalismo desaparece no principado. E sen esa ameaza a burguesía comezara a aglutinarse en torno a Lliga e actuar en política co fin de tentar o imposible: que España renuncie o seu tradicional xacobinismo furibundo.
Así as cousas, co desastre do 98 e a maioría de idade de Afonso XIII en 1902 a Restauración entra nunha segunda fase que podería tela levado a un rexime democratico e descentralizado. Porén os reformistas do rexime fracasaron unha e outra vez o tempo que as forzas de esquerda e republicanas presionaban sen descanso por ou ben a reforma ou se esta non era posible a ruptura. O fío dos acontecementos sería mais ou menos así:
-  Intentos de reformar o sistema desde dentro por parte de conservadores, Maura, e liberais, Canalejas. Posteriormente dividironse os dous partidos en varias faccións desartellando o sistema.
- En 1909 a Semana Tráxica supuxo a fin do goberno Maura e o inicio do goberno Canalejas (1910-1912). As leis progresistas deste enfrontárono os conservadores. Entrementres, os anarquistas crearon a Confederación Nacional do Traballo (CNT). Durante a 1ª Guerra Mundial España declarouse neutral e abasteceu os países belixerantes. Con isto a burguesía obtivo beneficios extraordinarios, aumentou o proletariado e foron a máis os movementos obreiros. Entre 1917 e 1923 houbo unha autentica guerra nas fabricas de Barcelona, que comezou coas folgas e manifestacións e rematou con asasinatos mutuos de patróns e obreiros. E o pistoleirismo que non vai concluir ata a intervención do exército e o golpe de Primo de Rivera.
Será neste primeiro periodo, o anterior a ditadura de Primo de Rivera, cando os rexionalismos den o paso ao nacionalismo. E tamén cando se de o primeiro intento de descentralización: a mancomunidade catalana. Todo, incluida  propia Restauración, remataría coa ditadura de Primo de Rivera:
O golpe de Estado de Primo de Rivera, capitán xeneral, foi como un dos moitos que se produciran no século anterior. A ditadura durou sete anos 1923-1930.
- Foi ben acollida e mesmo apoiada polo rei Afonso XIII. Así a Monarquía vencellaba o seu futuro o da dictadura. Cando caeu Primo en 1930 o rei non tardou en seguilo coa proclamación da Segunda República en 1931.
- A ditadura tivo éxitos e fracasos. Entre os primeiros hai que salientar o final da guerra de Marrocos, tras o desembarco en Alhucemas, e un ambicioso plan de obras publicas que dotou o pais de 7000 km de novas vías Por outra banda, foi un réxime incapaz de modernizar o liberalismo oligárquico español. Sería un réxime represivo que en ocasións  perseguiu e encarcerou a quen se opoñía a el e o contradicía: peche de xornais, encarceramento de sindicalistas e folguistas, intelectuais e estudantes.
E será precisamente a necesidade de acabar coa Restauración a que faga que as forzas de esquerda e republicanas presten oídos aos nacionalismos. Mais como a idea federal esta ligada o fracaso da I República, na Segunda invéntanse o dos estatutos de autonomía.
Continuará...