Amosando publicacións coa etiqueta Politica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Politica. Amosar todas as publicacións

martes, 7 de febreiro de 2012

E de quenes estamos a falar?

Ao fin parece que os do Encontro Irmandiño van marchar este domingo, ou non? A estas alturas un xa sabe se están de troula ou simplemente non teñen nin idea de nada. Para aclararnos un pouco as cousas Xopau fai un Quen é quen do BNG. Certo que estaba pensado para a semana pasada de aí o comezo do texto, e certo tamén que esquece o PNG-PG o único representante da dereita dentro do BNG, porén o que di segue sendo válido. No caso do PNG-PG tampouco importa moito, leva anos sen facer máis cousa que existir e servir de argumento para xustificar que o BNG é a casa común do nacionalismo. Por certo eles tamén están pensando en marchar. Respecto o do PSOE só podo dicir que todo segue o guión previsto fai moito, sen que a labazada do 20 N, maior do previsto, cambiase nada. En fin deixovos con Xopau. Dado que a anotación é moi longa poñovos o pdf para que o descarguedes.quenestnobng-120130152818-phpapp02

Tamén en Galizauberalles

martes, 31 de xaneiro de 2012

O tres en raia ou as catro esquinas?

E pasou a feira e todo segue igual. Quen lea as reflexións da prensa escrita, papel  ou dixital, escoite os programas de televisión… sacará en limpo que a U volveu gañar e segue a ser moi mala e abraiarase da atención mediatica cara BNG fronte o silencio habitual, iso si o ton despectivo e manipulador segue omnipresente. A única nova que se sae do guión é a que fala da tricefalia imposible: Aymerich, Jorquera, Vázquez. Eu que podo dicir? Creo que atinei bastante o venres, non era difícil. Por outra banda concordo no da tricefalia que pode pasar a cuarteto se incluímos a Beiras volto a cargo institucional e coa bala de prata de marchar na recamara sen atreverse a disparala. Eu espero pouca cousa. Ningún dos catro me gustaba antes da Asemblea e despois da Asemblea non cambiei de opinión.  Coma sempre quédame a sensación de que os da U son uns resesos e ao mesmo tempo os únicos que teñen un proxecto nacionalista e son de fiar. Para a minoría que coma min se define en primeiro  lugar e ante todo coma nacionalista chega. Para a inmensa maioría dos votantes do BNG que son de esquerdas ante todo non. Imos mal. Podemos esperar algunha mellora? Iso depende das ilusións de cada un, eu non espero ningunha. Porén do mesmo xeito que o venres dicía cal sería o resultado que a min me gustaría agora elucubro sobre o que podería saír dese cuarteto se… vivísemos nun mundo de fantasía e ilusión:

-    Vázquez debería montar nun coche e comezar a percorrer cada recuncho do país de agrupación en agrupación. A campaña das autonómicas comezou o 21 de novembro do ano pasado e hai moito que facer. Reconstruír o partido e darlle pulo en tódolos lugares de Galiza debería ser o seu traballo desde xa.

-    Jorquera debería dimitir en Madrid e montar noutro coche para percorrer o país. Porén el non debería ir a ver os do partido, el debería falar con todos os que están fóra. Asociacións de veciños, de empresarios, xente nas feiras etc. Hai que escoitar, que falar e non prometer imposibles. E por suposto nunca debería coincidir no espazo con Vázquez.

-    Aymerich debería aceptar que o seu tempo xa pasou e lanzarse a xugular de Feijoo en cada intervención parlamentaria. As súas mensaxes deberían ser unha corrente de transmisión da dos dous anteriores.
-    Beiras debería ser un comodín dos dous primeiros e aproveitar o seu carisma para tentar recuperar os que marcharon ou nunca estiveron.

Por suposto os catro deberían estar coordinados coma un reloxo de precisión tanto nas verbas coma na posta en escena. E nunca coincidir no espazo salvo para momentos realmente importantes. Por que? Catro voces falando en catro lugares distintos máis dicindo o mesmo reforzan a mensaxe cubren espazo e obrigan os medios a tratar o tema. Claro que todo isto é ficción como o era a miña idea de Asemblea.

Remato cunha cousa que me abraiou do resultado da Asemblea, o ruxerruxe sobre se algúns máis centristas estarían dispostos a fundar un partido de dereitas. Sería a parvada definitiva, xa temos cinco partidos de dereita nacionalista. Se de verdade viron a verdade tras anos de” Galiza ceibe, poder popular” que non mareen máis: o que buscan xa existe, chamase Converxencia XXI.

Tamén en Galizauberalles

venres, 27 de xaneiro de 2012

Resesos e perroflautas

A verdade é que estiven pensando moito tempo se ía escribir esta anotación, e no caso de facelo que que ía dicir que non se teña dito xa. En fin alá vou e perdoen os lectores pola reiteración de contidos. De feito para complementar o que segue recomendo ler (1,2) anotacións anteriores que tratan aspectos do mesmo tema: a Asemblea do BNG e que vai saír dela.

Desde outubro de 2010 ata hoxe tiven a oportunidade de falar con moitas persoas do BNG. Persoas que eran simples militantes de base e que pertencían na inmensa maioría dos casos o colectivo máis numeroso de todos, os non adscritos a sigla ningunha. Ademais había tamén xente da UPG, non atopei ningún Irmandiño, nin de Máis Galiza. O que indica simplemente a correlación de forzas nos lugares nos que me movín, que ninguén saque conclusións erradas. A todo iso debo sumar unha lectura atenta de moitos artigos, desde os de “La Puta Coz” os desaparecidos “Galicia Hoxe”, “Xornal de Galicia” e un bo feixe de blogues.

O trazo común de todo o anterior pode resumirse en dous conceptos: refundación e todo é culpa da UPG. O problema, ao meu modo de ver, é que por moito que se esforcen todas as fontes só transmiten unha loita polo poder. Das miñas conversas cos non upegallos non saquei ningún proxecto en limpo máis aló de que é preciso acabar co mandato da UPG. As razóns para elo foron sempre “así non se pode seguir”. Ante a miña pregunta de si tan claro o tiñan porque non daban derrotado unha organización que pese a ser maioritaria non o é en termos absolutos, a resposta foi : “ti non sabes como son os da U”. O pedir máis aclaracións os interlocutores explicáronme cousas como as seguintes:
é que os da U van sempre as Asembleas, a todas, e votan sempre
os da U cambian a data da Asemblea para cando temos outros compromisos etc.
Referíanse a Asemblea local e o compromiso que lle impediu ir votar foi levar o fillo o partido de fútbol. Resultado, de  10 membros (cifra ficticia para reflectir a composición no lugar onde me falaban), foron votar os 4 da U e 2 dous outros. Os derrotados, enfadados “por que ti non sabes como son os da U” non fixeron campaña nas locais e mesmo algún segundo os rumores a fixo a favor da lista do PSOE.

Se nos cinguimos as novas dos media o máis parecido a un proxecto alternativo é o dos Irmandiños, volcados nunha especie de “perroflautismo” que non é máis que o mesmo da U porén acaído os novos tempos e moi enfadado porque os da U gañan as Asembleas.

Pola contra cando falei cos da U estes si estaban organizados, e contaban/contan cun proxecto claro: o dos anos 70. Vamos reseso de todo. Ademais claro de estar fartos de que os demais lles boten a culpa de todo, cando a hora da verdade son eles cando acaban facendo todo o traballo.

E así estamos desde o 2001. Polo tanto eu non espero nada da Asemblea. Sobre todo porque non vai pasar o que eu considero clave: distinguir entre os problemas do nacionalismo e os da estrutura do BNG.

Do primeiro, alén de que está claro que nacionalistas hai poucos e que a maioría dos votantes do BNG son de esquerdas e non nacionalistas pouco máis podo dicir. Precísanse mentes máis brillantes ca miña para tentar atopar solución.

Respecto o segundo para min a solución sería unha refundaición de verdade: deixarse de caralladas resesas e “perroflautas”e partir de 0. Desde a UPG aos Irmandiños todos os partidos e correntes de opinión deberían disolverse e integrarse nun BNG que, agora si, fose un partido. Recoñecer que ó ser un partido de esquerdas é imposible que sexa a casa común do nacionalismo e polo tanto tender a man, de xeito simbólico, a que alguén faga un partido forte que sume pola dereita. Deixar o proceso Asembleario que so serve para unha eterna guerra de puñaladas polas costas e para atrasar a toma de decisións nun contexto, o da democracia mediatica na que vivimos, que precisa golpes de efecto e reaccións rápidas. E por último, e so por esta vez o tratarse dunha refundación, unhas primarias para escoller candidato a Xunta  e Voceiro. Primarias o estilo americano no que o primeiro paso sería agrandar o censo de participantes. Cunha campaña intensa e prolongada por cada vila do país, aberta a todos e con debates (a ver se así saía un proxecto) . Nin que dicir ten que non vai pasar nada do dito.

Entón podemos augurar calquera destas cousas:
A U gaña coma sempre e os outros seguen co de “ti non sabes como é a U”, porque marchar non van marchar.
Gañan os outros e invértense os papeis coa U adicándose a torpedear canto fagan os novos. (Por certo, para min estaría perfectamente lexitimada tendo en conta o que leva aguantado desde o 2001)
Gaña a U e os outros por fin liscan. Para min o mellor resultado posible. Desde o 2001 mantense a unidade como un fin en vez de como un medio. O obxectivo ter máis vixiados os inimigos. Igual o romper uns e outros pensan nalgo máis que nas siglas e nas persoas e sacan un proxecto que mereza a pena.



Tamén en Galizauberalles

venres, 20 de xaneiro de 2012

Primarias

Unha das cousas máis simpáticas das teimas progresistas no vello continente é abominar de todo o americano para despois copialas veñan ou non a conto. A copia favorita nos últimos tempos é o das primarias. Claro que o resultado sempre resulta catastrófico polo mero feito de que as primarias en Europa non teñen sentido. Para entender porque hai que ver que son as primarias en USA.
As primarias son unha das múltiples reminiscencias que quedan no sistema político usaco de cando non eran unha democracia senón un sistema liberal. Nese contexto de pensamento político liberal e non democrático encaixan  feitos como o complexo sistema de elección presidencial ou que os dous partidos, por moito que se empeñen as progresías europeas, teñan a mesma base ideolóxica. Isto debese a que nas 13 colonias orixinais non houbo que desmantelar o Antigo Réxime, por non existir, co que as tendencias políticas eran mais practicas ca teóricas. Debían debater sobre como organizar o poder non sobre as bases deste. Debido a isto, ata o día de hoxe, os partidos políticos americanos son meras plataformas electorais cuxa finalidade é facilitar o proceso electoral e non presentar unha argumentación ideolóxica de cómo debe ser o poder. Así os demócratas do sur poden ser moito máis conservadores ca os republicanos da costa leste e ao mesmo tempo estar en partidos distintos.
As primarias son o corolario lóxico do anterior. Nun país recen creado e con distancias enormes, pensemos que estamos no XVIII, o único xeito de que os candidatos fosen coñecidos era estruturar un sistema que os obrigase a percorrer o país para gañar apoios. E iso son as primarias. Co tempo quedou o asunto englobado dentro dos partidos. Partidos que comezan a existir de xeito activo co proceso en cuestión. Así as primarias serven para mobilizar o electorado no senso máis literal: conseguir que se inscriban no censo. Lembremos que o censo electoral USA é distinto do administrativo. Para figurar no censo electoral hai que inscribirse nel. As primarias buscan crear un censo favorable e convencer a xente de que finalmente faga o esforzo de ir votar o martes que toca.
Por outro lado os candidatos non so se dan a coñecer senón que van perfilando as súas propostas. Algo moi útil dado que a diferenza dos partidos europeos nos que se sabe mais ou menos o que defende cada un, en USA todo depende do candidato.  Pese a todo co paso do tempo a pureza orixinal foise diluíndo porque as campañas custan millóns e os intereses en xogo son moitos. Isto fai que na medida do posible se busque clarificar e acurtar o proceso para non favorecer o rival e aforrar custos. É dicir evitar o risco de división do partido que pode facer que os derrotados queden na casa ou voten o outro partido o ser derrotado o seu candidato nas primarias. De aí os apuros demócratas no 2008 o non chegarse a un acordo Clinton-Obama, e teimar ámbolos dous en pelexar ata o final.
E precisamente este ultimo punto o que nos permite enlazar coas primarias europeas. Os partidos europeos teñen unha base ideolóxica  clara que fai que o programa estea claro desde o comezo e non dependa dos asuntos do candidato. Ergo o único que logran as primarias e debilitar o potencial electoral do partido dado que as diferenzas van acabar sendo persoais caéndose na división do electorado. Sobre todo porque as primarias non son tan abertas como as USA dado que o factor de elaboración do censo electoral non existe. De aí que as experiencias europeas ata o momento resulten fallidas. Quere dicir isto que é imposible traspasar o modelo? De xeito literal claro que si a non ser momentos excepcionais de crise absoluta e refundación desde cero do partido. Non sendo así a única opción sería unha reflexión seria que permita cambiar o modelo. Se se quere claro. A min persoalmente non me gusta o proceso americano así que tampouco vou dar ideas.
Tamén en Galizauberalles

martes, 10 de xaneiro de 2012

SOBRE ZAPATERO. IN MEMORIAM

Voltamos tal e como dixemos, a Deus grazas e a San Patricio tamén.  Comezamos cunha anotación de Xopau, pensada para o pot 20N, porén segue sendo valida, pese o adiamento na publicación. Sen máis deixovos con Xopau:

"Ter militancia política activa permite algunhas veces cousas que doutro xeito non se poderían facer. É moito máis fácil para unha persoa significada politicamente falar ben doutra da oposición que para a maioría dos votantes. Eu  nunca fun socialista nin apoiei a Zapatero pero moitos dos que onte foron ás urnas a tombar o seu partido si creron nel  e por iso hoxe teñen un especie de silencio moral sobre as súas cabezas.

Desde a óptica nacionalista vaise o único presidente do goberno de España que creo que chegou a entender as reivindicacións históricas de certas comunidades e que representou a un PSOE verdadeiramente con vocación federal. Só desde esta óptica se entende en todo o seu conxunto a entrega das armas por parte de ETA ou a experiencia do tripartito en Cataluña. Tamén se entende así a saída de Paco Vázquez para o Vaticano co fin de propiciar un bipartito en Galiza que non estivese permanentemente minado polas opinións dun personaxe tamaño. É certo que en Euskadi o PSOE se aliou co PP pero ese paso tamén era alí necesario se se quería que logo chegasen outros. Para un nacionalista son actos insuficientes pero que marcan distancia con respecto aos anteriores presidentes de goberno e moito me temo que marcarán abismos cos que están por chegar.

Os amigos do simbólico débenlle un acto sen precedentes na democracia española: o cumprimento da súa promesa electoral de retirar as tropas de Iraq con todo o que iso supuxo. É un acto de autoridade do Estado Español que nunca fará o PP por moito que presuma de nacionalista español e de defender os intereses patrios. O patriotismo do PP é tan pobre e chabacano que coma o de toda a dereita española de sempre remata en Euskal-Herria e en Catalunya. É un patriotismo de charanga e pandeireta, de zarzuela e chotís, de señorito andaluz vido a menos…
Nunca fun, por outro lado, grande defensor de facer unha política baseada en exclusiva nos dereitos civís, cousa que non quere dicir que non me parezan importantes. Semella triste que un presidente dos EEUU gañe as eleccións cun programa que se basea nun 50% no feito de ser negro, o mesmo sucedía con Hillary Clinton cando competiu  na carreira á Casa Branca empregando o argumento de ser muller. Non en tanto, e se un se move por internet, parece que a maioría da xente nova de esquerdas entende esta ideoloxía só coma feitos deste tipo. É dicir pesa o feito de ser muller, gay, non andar en coche oficial, baixarse o soldo e cousas así. Non chego a entender os odios a Zapatero de xente deste teor despois da Lei do Aborto, da Lei que regula o matrimonio entres persoas do mesmo sexo e tantos outros feitos simbólicos que desenvolveu e que foron moitas veces proporcionais aos problemas estruturais do seu goberno.

Sobre a crise que o tombou fixo os xestos que faría calquera gobernante nun primeiro momento. Cando se di que negou a crise o que non se explica é que o sistema capitalista e o que mellor o encarna, a Bolsa, móvense por algo tan lene e variable como a confianza. Se Zapatero dixese que o país ía entrar en recesión a cousa adiantaríase pero isto non indica que se fose a saír antes nin que a crise actuase con menos virulencia.
En fin, Zapatero foi mal presidente por moitas outras cousas: permitir que a Unión Europea e os mercados afogasen a autoridade dos gobernos, deixar seguir medrando a especulación urbanística, non converter a España nun estado Federal, banalizar coas ministras na revista Vogue, usar os dereitos civís para encubrir os seus erros de xestión, non colocar as linguas do Estado como intocables nos territorios onde se falan, modificar a constitución conchabándose co PP e facer unas campañas baseadas en marketing puro e duro (aquilo de ZP).

Agora ben, ninguén dos que non votaron socialista o 20-N lle pediron nunca nada diso e ademais sempre estiveron en contra de medidas dese tipo, tamén hai catro anos cando lle deron a maioría. Por iso eu teño o beneficio da crítica e eles non. Por iso eles non foron votar o Domingo optando por esconderse nas casas e pola abstención e por iso, ao fin, o BNG nunca rendabiliza os votos socialistas que se perden. É o mesmo que dicir que moitos votantes socialistas de Galiza son infinitamente peores que Zapatero para a nosa nación. Noxo me dá cando me din que con eles nos temos que aliar.

Coa caída de Rodríguez Zapatero volta o PSOE máis cerril, centralista e xacobino ,como  de feito xa se viu na campaña. É un PSOE que en Galiza e nalgúns concellos da Mariña coñecemos ben.Ese PSOE que durante os próximos dous ou tres anos vai firmar co PP, por falso patriotismo, todas as medidas que este adopte  e que nos devolverán territorialmente ao nivel competencial dos anos 80. Medidas, fique claro, que nadan teñen que ver coa solución da crise pero que van ir no lote.

Eu nunca fun de ZP e por iso dixen."

martes, 8 de novembro de 2011

venres, 21 de outubro de 2011

RUB-AL-KAABA

Este verán, tras a convocatoria das eleccións xerais, houbo un breve momento no que en Intereconomía deixaron de lado os insultos e falaron do futuro. Dedicáronse a pormenorizar todo o que ao seu xuízo debería ocorrer para que España volva a ser o que foi. Nese breve intre sen insultos falaron de Rajoy e de Rubalcaba. Do primeiro dixeron o que a dereita leva dicindo desde o 2004: fáltalle carácter e non se fían de que faga o que hai que facer. Do segundo falaron moito máis tempo.

Obviamente o comezo das súas disquisicións sobre Rubalcaba xirou sobre o seu aspecto malvado: sospeitaban dun pacto con ETA ou dunha manobra estilo 11-M. Lembremos que para eles quen puxo as bombas nos tres foi o propio Rubalcaba disfrazado cunha melena. Agora ben, o interesante comezou unha pasados os dous minutos de rigor concedidos a conspiranoia. Durante cerca dunha hora analizaron as virtudes de Rubalcaba que é un bo candidato socialista e para España se non se deixa vencer polo lado escuro. Esquizofrenia? Menos da que parece. Os seus argumentos coinciden grosso modo coa miña análise así que aquí vai unha mestura de ambos.

Rubalcaba foi convertido en candidato non so para evitar o estado de disgregación do PSOE ante a debilidade de Zapatero, a desfeita das municipais e a previsible desfeita maiúscula das xerais. Non so é de feito as razóns citadas son unha mera cortina de fume para o verdadeiramente importante: o triunfo definitivo da ala xacobina (española en termos intereconomicos) fronte os elementos federais superviventes (separatistas en termos intereconomicos). Rubalcaba pertence a vella garda, o felipismo ou como lle queramos chamar. Lembremos as declaracións de Guerra, Bono, ou Paco Vázquez sobre o estado autonómica e as linguas diferentes o castelán. Lembremos o estatuto da aldraxe tirado a dúo pola UCD e o PSOE. Lembremos a LOAPA de Gonzalez… Zapatero por necesidade ou convicción representaba a corrente contraria de aí que desde o mesmo ano 2000 lle medraran os ananos por todas partes. En resumo a función de Rubalcaba comeza o 21 de Novembro cortando as cabezas federais/separatistas e apoiando en virtude da razón de Estado tódolos recortes/modificacións do estado autonómico e da Constitución que fagan falla. Por exemplo esa aquiescencia a debater sobre a redución do número de deputados a 300. Claro que todo isto ten un inconveniente: precisa ter un resultado que lle salve a cara para non ser varrido polas consecuencias da desfeita do 20-N. Os intereconomicos confiaban no seu bo facer para elo, ou se non era posible que se esfondase de todo porque moito mellor que un PSOE xacobino é un PSOE inexistente.


Arriba o malvado Rub -al Kaaba fai uso do poder do lado escuro


O dito anteriormente pode ser identificado coa paranoia deles e mais a miña. Porén a medida que se achegan as eleccións as voces que din que o verdadeiro traballo de Rubalcaba comeza o 21-N poñendo orde no PSOE aumentan. Como o mesmo tempo o esfondamento do PSOE nas enquisas non recunca senón que se agranda a preocupación dos “opinadores “ profesionais polo PSOE aumenta. E con estas chegamos o debate, en realidade dous monólogos fronte a fronte se se repite a formula do 2008. Rajoy non o precisa para nada. De feito é unha parvada que acepte. Porén se o que quere é evitar o esfondamento total do PSOE como din algúns todo cobra sentido. Un só debate ao comezo da campaña por mal que lle saia non pode cambiar o resultado final das eleccións. Pode, e supoño que por aí van os tiros, darlle aire a Rubalcaba. Con moita sorte para mellorar o seu resultado.



En calquera caso o único claro é que moi poucas cousas van sobrevivir a desfeita do 20N.



Nota final: pasado ese momento de cordialidade Intereconomía creou o nome de Rub-al Kaaba para dirixirse o candidato socialista. Un dobre xogo de palabras relacionado tanto coa presunta orixe árabe do apelido como polo feito ser el o que, mochila o lombo, puxo as bombas nos trens botándolle a culpa o terrorismo islamita. Tamén comezaron a buscar relacións de todo quisque con el. Así apareceron familiares cántabros del que eran gatoadictos etc. Por certo nesta teima de buscar relacións con el eu tamén podo xogar. Resulta que o tratante de gando que lle vendía as vacas a me avó tamén llas vendía o avó de Rubalcaba. Unha gran persoa, o avó, non este. Segundo me dixo o devandito tratante.



ADDENDA: non ten relación porén é importante dicilo. Non esperaron a fin de ano. Xornal xa non esta na rede, non queda nada del. Por suposto da Nosa Terra tampouco.







martes, 18 de outubro de 2011

Voto útil

Tendo en conta estes egrexios representantes do PSOE















QUE NON TE ENGANEN CO VOTO ÚTIL
Xa sabes cal é o útil, vota:






Tamén en Galizauberalles

venres, 17 de xuño de 2011

There can be only one: Quen?

A canle de Unidad Editorial, propietaria de El Mundo, Veo7 vai ser reestruturada debido os problemas financeiros. Isto sumase a desaparición da canle de Prisa, CNN+ o 28 de Decembro pasado.
E que conclusións podemos sacar disto? Dúas, unha económica e outra política.
  • No primeiro caso pode parecer hasta divertido ver como das malas novas de Prisa nos enteramos polo Mundo e das de Unidad Editorial por el País. En calquera caso o problema de fondo é que os grandes medios de comunicación de España están todos en pésima situación económica. As debedas son millonarias e o seu modelo de negocio constitue unha fuxida cara adiante a ver que pasa. Neste senso o primeiro en "caer" foi Prisa. Acuciada polas debedas e resentida con Mediapro e o goberno acabou vendendo o negocia televisivo en aberto, Cuatro, a Telecinco. E ampliando capital cun fondo de inversión estranxeiro que a partir do ano vindeiro dira como queda na practica a liña editorial (promesas de seguir sendo de centro-esquerda a parte). Unidad Editorial capea a crise porque pertence a un grupo italiano, quen o fartarse de perdas deu orde de meter man en Veo7.
    Vocento non vai moito mellor e de feito a súa canle La10 xa reduciu programación. E Intereconomía ven de pedir axuda os seus espectadores, mentres Mario Conde pensa se invertir ou non. En definitiva como o ladrillo a televisión foi un dos campos da especulación que teoricamente ía rematar nun negocio millonario coa TDT e na practica quedou como estaba: endeudado e pendente dos ventos políticos agás Telecinco que converte en ouro todo o que toca.

  • Desde o punto de vista politico o mal estado económico dos membros do TDT Party so vai acentuar a sáu verborrea. A fin de contas se La10, ten un 0,4% de audiencia, Veo7 un 0,9% e 13TV un 0,3%... Intereconomía ten 1,6% cunha media de espectadores en "El Gato al agua" de 450.000. Polo tanto seguiran erre que erre coas súas teimas. De feito o da desaparición/privatización das canles autonómicas responde non so a ideoloxía senon tamén a necesidade: se estas se privatizan non so a publicidade caera nas súas mans senon as mesmas canles. A presión ira en aumento para conseguir favores politicos do mesmo xeito que Prisa e Mediapro loitaron polos favores do PSOE. Ao fin, co Rubalcabato, gañou Prisa. Por certo esta victoria puxo en apuros a La Sexta que probablemente acabe en mans de Antena3, propiedade de Planeta tamén dona de La Razón. Co cal deixando a un lado que o mellor é xestionar a través da internet o que un ve, o quid é: se todalas canles de televisión acaban en mans da dereita, hai posibilidade de gañarlle unhas eleccións?

Non falei de Galiza porque aquí o único cambio respecto a situación xeral é o grupo de La COZ. E xa sabemos que esta non ten problemas económicos: a fin de contas son unha consellería máis e raro é o día que o DOG non lles de uns cartiños.

P:D: Co fin de ver como estaban antes as cousas non ven mal releer estas dúas anotacións anteriores: Envía SS e Cousas da TDT




venres, 20 de maio de 2011

En vísperas do primeiro de tres luns negros

Un dos problemas que sempre presentan as eleccións autonómicas e municipais e que sempre son enfocadas como primeira ou segunda volta das xerais segundo coincida o clima político de cada momento. No caso de Galiza, que ten a capacidade de convocar eleccións autonómicas motu proprrio, a situación non cambia limitándose a trocar o concepto de volta das xerais polo das autonómicas. Isto leva a que as campañas electorais teñan sempre o foco posto en que vai ser o presidente do goberno central que no que ocorre realmente en cada lugar. Alomenos a nivel de prensa.

Estas eleccións constitúen o mellor exemplo do dito anteriormente. Os chamamentos para botar a Zapatero duns van acompañados dos de parar a dereita doutros. Curiosamente os ciclos de renovación das 13 autonomías de réxime común responden mimeticamente a estes plantexamentos tan aberrantes. Eu non entendo que terá que ver quen senta ou sentará o cu na Moncloa con que o vai sentar en Baleares por exemplo. Cousas de ser un malvado nacionalista, supoño.

Outra das cousas que implica esta campaña-volta das xerais é que as propostas máis importantes sempre son para cando se chegue a Moncloa ou que viran delas. Parece como se autonomías e concellos non pintasen nada. Bueno, na mentalidade do PP e da metade do PSOE que aspira a que Zapatero desapareza canto antes para liquidar o pouco de federalista que queda no partido así é. Os alcaldables son os únicos que as veces fan algunha proposta orixinal. Claro que as desta campaña son unha loita por ver quen di a verdade demagóxica mais grande: por exemplo esta promesa repetida por todos de que os impostos non van subir senón que baixaran, que a austeridade xa o amaña todo.

Aquí en Galiza as perspectivas non son mellores. Estamos entre dúas opcións lamentables:
  • que os bipartitos repitan e continúen nesa agonía eterna que so lle da folgos os socialista
  • que os Negreira, Porro, Conde Roa, Telmo Martín e compañía gañen e barran o pouco galego que queda nas cidades e consoliden o PP para sempre.

Por último alguén dira que debo falar dos de Democracia Real Ya. Teño pouco que dicir. Eu non vou ir de listo, como agora os xornalistas, dicindo que se vía vir. Eu non o vía. En que quedara todo e se vai influír nas eleccións? Non o sei. So espero que non se cumpra a norma histórica que se repite en España cada vez que sae unha mobilización deste tipo: a esquerda esfarelase, a dereita mobilizase aínda máis e gaña dun xeito ou doutro para anos e anos.

Para rematar déixovos co que parece o manual de campaña de PP, PSOE e algúns dos portavoces dos de Democracia Real Ya:
1. Principio de simplificación y del enemigo único. Adoptar una única idea, un único símbolo. Individualizar al adversario en un único enemigo.2. Principio del método de contagio. Reunir diversos adversarios en una sola categoría o individuo. Los adversarios han de constituirse en suma individualizada.3. Principio de la transposición. Cargar sobre el adversario los propios errores o defectos, respondiendo el ataque con el ataque. «Si no puedes negar las malas noticias, inventa otras que las distraigan».4. Principio de la exageración y desfiguración. Convertir cualquier anécdota, por pequeña que sea, en amenaza grave.5. Principio de la vulgarización. Toda propaganda debe ser popular, adaptando su nivel al menos inteligente de los individuos a los que va dirigida. Cuanto más grande sea la masa a convencer, más pequeño ha de ser el esfuerzo mental a realizar. La capacidad receptiva de las masas es limitada y su comprensión escasa; además, tienen gran facilidad para olvidar.6. Principio de orquestación. La propaganda debe limitarse a un número pequeño de ideas y repetirlas incansablemente, presentarlas una y otra vez desde diferentes perspectivas, pero siempre convergiendo sobre el mismo concepto. Sin fisuras ni dudas. De aquí viene también la famosa frase: «Si una mentira se repite suficientemente, acaba por convertirse en verdad».7. Principio de renovación. Hay que emitir constantemente informaciones y argumentos nuevos a un ritmo tal que, cuando el adversario responda, el público esté ya interesado en otra cosa. Las respuestas del adversario nunca han de poder contrarrestar el nivel creciente de acusaciones.8. Principio de la verosimilitud. Construir argumentos a partir de fuentes diversas, a través de los llamados globos sondas o de informaciones fragmentarias.9. Principio de la silenciación. Acallar las cuestiones sobre las que no se tienen argumentos y disimular las noticias que favorecen el adversario, también contraprogramando con la ayuda de medios de comunicación afines.10. Principio de la transfusión. Por regla general, la propaganda opera siempre a partir de un sustrato preexistente, ya sea una mitología nacional o un complejo de odios y prejuicios tradicionales. Se trata de difundir argumentos que puedan arraigar en actitudes primitivas.11. Principio de la unanimidad. Llegar a convencer a mucha gente de que piensa «como todo el mundo», creando una falsa impresión de unanimidad

Por
Joseph Goebbels (1897-1945), Ministro de Propaganda del gobierno de Adolf Hitler.




Tamén en Galizauberalles




xoves, 19 de maio de 2011

Un venres 13

O veneres da semana pasada, 13, blogger non funcionaba e non puiden publicar a entrada que segue(aquí en Galizauberalles). Vai con retraso porén por unha vez non foi cousa miña.


Comezo falando de Bildu, ou mellor dito, da estraña transformación do TC segundo o PP: onte heroe demócrata nacional por tumbar o Estatut e hoxe fato de galiñas e viláns por deixar que Bildu se presente as eleccións. Que se pode dicir que non se dixera xa: o PP esta involucionando cara o feudalismo mais pleno, ou mais atrás. A fin de contas no feudalismo aínda se recoñecía a nivel teórico, ao menos, certos dereitos os demais. O PP so recoñece o dereito de obedecer. Respecto a Bildu en si, tendo en conta que abomino da lei de partidos, estou moi contento porque de momento poida presentarse. Respecto o TC remítome o xa dito.

A campaña ten dúas ópticas diferentes se a analizamos a nivel xeral ou galego. No primeiro caso presentase como unha primeira volta das xerais e ao mesmo tempo como o momento histórico no que o PP pode varrer o PSOE na meirande parte de España. Algo necesario para combinado co seu suposto triunfo nas xerais reverter todo o seu estado natural: ¡ESPAÑA UNA, GRANDE Y LIBRE!. O quid da cuestión non é que non se sepa ou que o PP o oculte: senón que todo o mundo parece resignado a que así sexa. Algo no que a incapacidade dos demais partidos para artellar unha alternativa. Ademais claro da desfeita dos medios de comunicación non alineados no TDT Party.

En Galiza, onde a liberación Popular xa chegou, o asunto é se a liberación chega as aínda cativas cidades e deputacións rebeldes co que o futuro do país será o PRI; ou se os bipartitos resisten. E tamén, xa para os fans dos asuntos pequenos coma min, quen vai ser a cuarta forza. No 2007 foi Tega. Claro que agora os independentes e "cabreados" agrupados baixo esas siglas marcharon en masa de volta para o PP recrutados polos bos oficios de Feijoo e Louzán. De feito no partido so queda o alcalde de Narón. E se falamos de Tega e de Narón hai que lembrar a Xuan Gato e a escisión que protagonizou en Tega. Tras ser derrotado nos tribunais Gato volve con Converxencia Galega. Onde, dado que a páxina é un calco da extinta terragalega.org, estará acompañado por parte dos que os seguiron na escisión. E se falamos de escisións aí esta o Partido Galeguista Democrata, escindido do Partido Galeguista. E como non a miña favorita Converxencia XXI, que non vai ser cuarta forza porque so se presenta en Santiago, Coruña, Vigo e Tui.
Ata aquí falo dos que se definen como "galeguistas". Porque esta claro que quen ten máis posibilidades de ser cuarta forza é un misterio. Nas autonómicas foi UpyD. Agora presentase en: Santiago, Ferrol, Ourense, Nigrán. Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Baiona.

Remato porque ultimamente os MEU volven estar de moda. Na Tempos Novos de marzo ven un eloxio dos mesmos. Eu que os sufrín de cerca non comparto ningún deses eloxios. De feito o mellor que podo dicir deles e que deron o paso de irse dos CAF, porque estaban controlados pola malvada U. A pena é que despois todos eses quedan no BNG. Respecto os novos MEU e a outra escisión recente da que non lembro o nome concordo plenamente co comunicado que sacou AGIR no seu día analizando esas espantadas que saen pola porta para entrar pola venta: marchade dunha vez! Ou deixade de molestar.




Na imaxe inferior dous afoutos galegofalantes enfrontan as hordas galiciabilingüistas.

mércores, 4 de maio de 2011

Nostalxia de Mayor Oreja

Onte entrevistaron en "La noche en 24 horas" a Rosa Díez. A súa intervención centrouse na nación, a necesidade dun goberno forte que goberne, o sentido común, o feito de ser o único partido nacional dada a cesión sen tregua que PSOE e PP fan os separatistas e demais cousas dese estilo. O que me chamou a tención e que para entrevistador e contertulios todo estaba ben. Cando Mayor Oreja, ou Aznar, din o mesmo sempre hai alguen que salta en defensa das autonomías e a pluralidade. Porén UPyD non alarma a ninguen. O dito, nostalxia de Oreja que polo menos identificano como o que é, mentres Díez segue contando con inmunidade.

Por outra banda, a fin semana Converxencia XXI presentou os seus candidatos.


xoves, 7 de abril de 2011

30 anos de estatuto

O 6 de Abril de 1981 aprobouse definitivamente o estatuto de autonomía de Galicia. Polo tanto, onte cumpríronse 30 anos do devandito feito. Nestes días coma xa sucedera co 25 aniversario sucédense os artigos nos xornais onde se repasa a longa loita pola autonomía e se pon o estatuto como exemplo de unidade. Eu non pretendo darlle leccións os sesudos comentaristas de opinión dos xornais senón dar miña visión destes trinta anos. Visión que difire un pouco da unanimidade publicada.

En primeiro lugar hai que falar como non do estatuto da aldraxe de 1979. Sempre se nos di que a saída a rúa da xente impediu a aldraxe e nos puxo o nivel de Catalunya e Euskadi. Falso, logrouse que o recorte non fose tan obvio. Porén houbo recorte. Por outra banda a idea de que Galiza era a terra boa en comparación as outra dúas e que debía marcar o camiño da españolidade, nace aí e segue a ser marca dos populares e dos socialistas galegos por moito que se lles encha boca de galeguismo.

En segundo lugar debemos falar do estatuto tal e como evolucionou nestes anos. E a verdade é que digan o que digan o cambio experimentado por Galiza nos últimos anos ten pouco que ver coa autonomía. Influíron máis as grandes decisións do goberno central e as correntes económicas xerais que o peso que puidesen ter os órganos autónomos. Non porque menosprece o feito ata agora ou renegue da autonomía, porén hai que recoñecer que os 24 anos de gobernos populares adicáronse sobre todo a consolidar o dito no apartado anterior, crear redes clientelares e defender os intereses de partido en vez de traballar polo país. Os seis anos e pico de gobernos non populares pouco puideron facer para mudar esta situación. Aínda máis se temos en conta que se dividen en dous períodos distintos separados por 20 anos e nos que a súa caída os populares desfixeron canto non lles gustou.

En terceiro e último lugar queda o debate do futuro e do incerto segundo estatuto de autonomía. Aquí inflúe profundamente o dito nos dous apartados anteriores, sumándolle un dato moitas veces esquecido: o estatuto, unha vez conqueira a autonomía, é un medio non un fin. De pouco serve reformalo ou non se os gobernos non o van usar. O exemplo de Feijóo é paradigmático disto. Non precisou o recorte do que falan en Madrid para rebaixar o mínimo a actuación do goberno galego. Este é un mero conclave de xestión administrativa de intereses particulares que so saca músculo político para esmendrellar todo o que queda de Galiza. Polo tanto de pouco serve ter un estatuto como o catalán se os encargados de darlle vida so aspiran a ser gobernadores civís dunha deputación grande e ministros en Madrid, onde sempre serán, por moito que intenten ser outra cousa, "gallegos y gente de provincias".

Para concluír podemos dicir que o estatuto merece ser conmemorado como alicerce que é da pequena autonomía da que disfrutamos. Non merece ser celebrado dado que as súas realizacións son escasas, se ben non é culpa súa que o deixen durmir en espera de tempos mellores ou de que durma para sempre.



venres, 25 de marzo de 2011

Que facemos cos musulmáns?

A longa serie de anotacións sobre o islam viña a conto dun debate na extinta CNN+, producido durante o verán, no que os representantes mais progres falaban da necesidade dunha consideración especial cara os musulmáns. Pola contra o representante da esquerda mais tradicional avogaba pola simple igualación de todos ante a lei e procurar un estado laico.
A verdade e que ámbalas dúas opcións reflicten os dous modelos, fracasados, de integrar na sociedade occidental a amplísima vaga de inmigrantes de distintas procedencias e fe musulmá que chegaron a Europa desde os anos 50.

O modelo británico optou por conceder, ou desentenderse deles segundo outros, unha ampla capacidade organizativa os inmigrantes. Dese xeito xurdiron comunidades plenamente autónomas nos seus asuntos internos nos que se mantiveron a lingua, os costumes e mesmo as leis dos países de orixe. Quinteiros enteiros e mesmo cidades convertéronse en copias de lugares de Paquistán a India, Bangla Desh.... O resultado foi bo a curto prazo: escasa conflitividade, aforro de recursos para o Estado ao deixar en mans das propias comunidades a meirande parte dos servizos, e, se nos poñemos mais intolerantes, todos os inmigrantes nun mesmo sitio ben lonxe da mirada do inglés medio. O fallo produciuse a partires dos anos 80 o constatar que o nulo contacto provocaba, vaia sorpresa, que as novas xeracións seguisen a ser fundamentalmente o que eran seus pais sen crear fortes lazos coa Gran Bretaña.
O modelo francés optou por aplicar as leis da República a todo o mundo. En Francia so pode haber franceses. Porén se desde o punto de vista político os acabados de chegar foron sometidos a todos os mecanismos de integración da República o compoñente económico e de choque cultural volveu crear quinteiros exclusivos destes grupos. O resultado foi bo unha vez mais no curto prazo. Sobre todo porque moitos, se non a maioría, tiñan a aspiración de volver para os seus países nalgún momento. Obviamente a partires dos 80 e coas xeracións nadas en Francia xurdiron os problemas. Pode que a ollos da República todos foran franceses, de feito o francés é a súa lingua en maior medida que o árabe, porén para os franceses eran outra cousa.

Como vemos o fracaso de ámbolos modelos ten moito mais que ver con factores dos propios países de acollida, desidia e prexuízos sobre todo, que coa maldade intrínseca do islam. Visto isto chegamos o estado español onde ninguén e racista e os únicos intolerantes son os malvados nacionalistas periféricos que oprimen os pobriños castelán falantes. Como esta a cousa?

En primeiro lugar estamos na primeira fase do proceso. A inmigración e moi recente e os problemas, se os hai, xurdiran dentro de 20 anos ou así.
En segundo lugar, como en tantas outras cousas, aquí ninguén ten claro se hai un modelo que aplicar. A progresía esta no da consideración especial, agás no do Burka por aí si que non pasan, en parte por esta teima hispana de que todas as relixións son boas menos a católica. E a dereita carece de calquera idea mais aló do aproveitamento electoral ou para vender xornais. De antoloxía os comentarios a raíz da revoltas árabes dalgúns deles. Parece que Tariq acabe de poñer pe en Tarifa.

É dicir que aquí como en todo esperarase a que pase algo para sacar un bo feixe de leis: restritivas, farragosas e antidemocráticas. Ogalla me trabuque.

Por último cal é a miña proposta?
O estado laico, a igualdade de todos ante a lei, e o recoñecemento de todos aqueles elementos culturais, como a lingua, que non atentan contra os dereitos dos demais. Empezar por deixarlles construír mesquitas sería un bo primeiro paso.



martes, 15 de febreiro de 2011

Falemos de Madrid

Unha das anotacións pendentes é unha sobre como Madrid se converteu nese cancro que ameaza a todos, incluídos os españois que non se dan conta do que fixeron e defenden. Como a estas alturas esta claro que non vou dar escrito todas esas anotacións déixovos coa tradución (feita por min) dun artigo de Antón Baamonde. Artigo no que por unha coincido e serve para cubrir o oco da devandita anotación.

"Ao final de "Casi unas memorias" (Ed. Península, 2007) Dionisio Ridruejo, o que fose amigo persoal de José Antonio, e, máis tarde, opositor ao réxime de Franco, escribe, falando dos anos corenta do pasado século, cando estaba confinado nun pequeno pobo catalán: "Porén en contrapartida Barcelona -e en xeral Cataluña- resistiu ben a unha política que lle era intencionalmente adversa. Refírome sobre todo aos esforzos visibles do Goberno central, e en particular do ministro Suanzes, por arrebatar a Barcelona a capitalidade económica de España. Desa política naceu o Madrid industrial que coñecemos e que me parece un dubidoso ben e non só por razóns hixiénicas e estéticas".

Se hoxe Madrid é o que é, non se debeu a un azar, ou aos bos auspicios dos emprendedores hoxe mitificados polos manuais de economía e as revistas de barbaría. Ao contrario, a perseveranza do Goberno central en facer de Madrid o centro non só xeográfico ou político, senón tamén o económico e espiritual, foi constante e reiterada. Só co que se investiu na T4 -6200 millóns de euros- poderíase refacer Vigo de novo, e aínda sobraría un pico. Xa, nin falemos de todo o demais. Dos quilómetros de metro, dos sucesivos cintos viarios e de tantos outros investimentos. Aínda que Cataluña leva a fama, Madrid leva a auga... e Galicia queda a dúas candeas. En gran medida, é certo, pola nosa propia culpa, pola nosa incapacidade para forxar obxectivos claros derivada do noso provincianismo.

A creación, en 1964, do Gran Madrid, unha área metropolitana de 22 municipios, determinou o Gran Salto Adiante, a rampla de despegamento da enorme concentración de poder industrial e económico da capital española. Ningún goberno posterior, incluídos os do período democrático, deixou de promover o seu crecemento como unha cuestión de Estado. E Madrid, que se toma a si mesmo por España, déixase financiar coma se iso constituíse a natureza mesma das cousas. O gran pufo do Concello -7100 millóns de euros de débeda, outra nadería- só saíu á luz nas condicións inmisericordes da actual crise.

O recente libro de Germá Bel "España, capital París" (Ed. Destino. 2010) pode constituír unha introdución a esa relación entre Madrid e o Estado. A historia que nel se conta é a de como se foi configurando a idea e a realidade dunha España vertebrada polo seu capital seguindo o modelo borbónico. É un relato que ten un dos seus momentos climáticos en 1716 cando o mapa de postas de Filipe V fixa o esquema radial das seis estradas xerais. Non é a racionalidade económica a que decide ese esquema, senón a vontade centralista, tomada do exemplo francés. De entón a hoxe choveu moito, pero trens, estradas e avións seguiron os camiños que ditaron os decretos. O disparate recente máis enorme: o AVE para todos.

Son cousas que talvez hai que lembrar cando os mesmos que cebaron a Madrid con fins políticos -a costa, entre outros, dos galegos- alzan a voz para cuestionar o Estado das Autonomías. O Aznar que puxo á fronte do BBVA a Francisco González, de Tabacalera a César Alierta, e de Telefónica a aquel vividor do que só se volveu a saber nas revistas do corazón e nas de fútbol. Aquel Aznar que, a golpe de BOE, tanto Estado amortizou, e até esquilmou, é o que tenta culpar ás institucións de autogoberno de malgasto. Os que acirran en Galicia esa visión, o Círculo de Empresarios de Vigo, doces cordeiros no ronsel da FAES, deberían reivindicar, de paso, non só a desaparición das deputacións e a fusión dos concellos, tamén a desaparición de diversos ministerios e a localización das sedes de axencias do Estado en diversos lugares, como sucede na EE UU: o enfraquecemento do Estado central. Non caerá esa breva.

A Galicia veulle ben a autonomía. Sen ela estariamos aínda máis atrás. Veulle ben mesmo a pesar da falta de cabeza que se rexistra no país para pensar de forma conxunta o sistema de transportes, a estrutura económica, a dinámica social, o ethos público, a atmosfera cultural e lingüística. A descapitalización intelectual dos tres partidos é enorme, a falta de articulación e cortedade de miras das nosas elites, lendaria. Tamén se poderían dicir un par de cousas sobre os empresarios e as ubres da administración. No actual Goberno da Xunta quen dá a talla? Nin o propio presidente, un político máis ambicioso que imaxinativo. Non é pesimismo. É a verdade. O día en que teñamos un goberno serio e unha sociedade que saiba por que apostar e fágao con coherencia, as posibilidades serán enormes. Mentres, Galicia seguirá mirando os touros, cada vez máis lánguidos, desde a barreira."







Tamén en Galizauberalles

mércores, 9 de febreiro de 2011

Vaia semaniña

Con dúas semanas de retraso, debido a problemas varios, publico unha colaboración de Xopau.



VAIA SEMANIÑA!!!

Esta semana estamos de despedidas. Dicimos adeus á liberdade en Internet e adeus á Nova Caixa Galega antes de nacer.

Os culturetas e artistiñas estarán de noraboa pero os que entendemos o feito artístico coma unha profesión igual que as demais non podemos asistir máis que con desolación ao desmantelamento das descargas en Internet.

Hai anos que a cultura se tornou mercancia e son os mercados os que din que cadros custan 10 millóns de euros, que libros serán best-sellers ou que un músico cobrará sempre máis que un poeta...todo isto sen explicacións racionais, sen argumentos...só pola inefable lei da oferta e a demanda que como xa se sabe nunca é tal.

Foi internet o instrumento máis eficaz para descapitalizar a arte, pois son precisamente os contidos máis consumistas e máis inseridos na dinámica capitalista os que sofren o maior número de descargas. Así se explica a alegría de Alejandro Sanz e de tanta outra xente que para seguir acumulando as súas abusivas fortunas tiveron nestes anos que tirar do directo e voltar as orixes mesmas do feito artístico. Están de parabéns. Seguiremos manténdolles os jets privados, as casas en Beverly Hills, etc...

A miña ilusión sempre foi non atinar. Unha conciencia negativa do devir humano, o feito de vivir nun país cunha historia sen grandes euforias nos últimos quiñentos anos e un certo caracter pesimista fan que os meus vaticinios encarrilen, sen case querelo, cara ao negativo. Así foi no tema das caixas onde desde o comezo non vin con claridade que a fusión fose a solución de nada e onde as apertas co PP soaban como a trampa de seguro.

Varias cousas me parecen evidentes neste tema:

Se dúas entidades con enormes activos contaminados se fusionan os activos contaminados tamén se fusionan e non desaparecen como por arte de maxia. En total entre as dúas chegamos a 30603 millóns de euros no sector inmobiliario un 55% do seu capital.

Á marxe da política, se estas dúas entidades viven e se benefician do diñeiro prestado pola banca estranxeira é normal ( e non arte do demo) que esta estexa un tanto preocupada e queira garantías de que vai cobrar. Igual que a NCG quere garantía dos particulares ou empresas aos que deixa diñeiro.

Se toda a vida defendimos que as caixas funcionaban moi mal e eran como bancos, por que carallo nos asusta agora a bancarización?

Podemos ter un banco galego e con obra social... o Pastor xunto coa fundación Barrié xa o é. Eu creo que os esforzos deberían ir por aí.

Por último teño duas teimas. Sempre se vai mellor co PP que co PSOE e neste últimos dous anos se fica alguén que non lle quede claro,ademais de por motivos sentimentais, que explique por que. Eu son dos que quero saber a onde vou mesmo cando vou a precipitarme polos cantís. Non teño palabras para o que leva feito o PSOE., A segunda certeza é que na economía capitalista gaña o que xoga coas regras da economia capitalista e non o que vive nun lamento permanente por aquilo que se perde.

Por certo irei á folga da CIG...outro enorme lamento por algo que con catro millóns de parados xa non interesa a ninguén. A xente pregúntase como cotizará para cobrar...dá o mesmo 35 que 40 anos."


Sinto o retraso e que moito do que di perdera algo de actualidade.


mércores, 26 de xaneiro de 2011

Folga e tempos novos

Maña hai folga. Participaremos catro gatos, supoño. En fin desde aquí animo a xente a participar.


Por outro lado e sen ter nada que ver quen poida ler a editorial de Tempos Novos deste mes, edición impresa non esta na dixital, debería facelo. Incide de xeito moito máis atinado ca min e con mellor escrita no que xa dixen aquí. 







Tamén en Galizauberalles

xoves, 13 de xaneiro de 2011

Do 5%

Quen lea o informe Galicia 2010 atopara datos contrastados que confirman a impresión xeral de desfeita en tódolos eidos no na que vive instalada o país desde hai séculos. Porén nesta anotación vou centrarme nun deses eidos, o político. 

O informe incide no que nunca se poderá saber o 100% mais parece claro nestes intres o 90%. A intensa campaña mediatica desatada contra o bipartito desde o 2007 e aumentada na campaña foi clave na súa derrota. En primeiro lugar porque o bipartito non fixo nada por contrarrestala, en segundo porque cando as cousas comezaron a pintar mal desatou no PSdG un "non é culpa miña e destes malvados cos que me vexo obrigado a gobernar" que era tanto como recoñecer que a única opción valida era o PP, e en terceiro e último lugar, e máis importante, mantivo permanentemente mobilizado o electorado do PP mentres provocou a desmobilización do contrario. Este apartado final foi clave no electorado nacionalista que non so se desmobilizou, co resultado da perda do escano pola Coruña, senón que fixo seus os argumentos da campaña e segue empregándoos como arma arroxadiza en cada conclave xeral ou de facción en que derivou o actual BNG. O quid da cuestión xa non é ese e que o efecto continua e non se ve alternativa ningunha o PP. Sobre todo por culpa do 5% necesario para sentar o cu no Hórreo. E disto último do que quería falar.

Desde que comecei a interesarme pola política deste malfadado recuncho do planeta hai tres argumentos que se repiten a cotío como verdades bíblicas para explicar a situación do mesmo: o caciquismo, a maldade da U, e o 5%. As tres néganse a desaparecer e sempre son explicación suficiente para calquera cousa. Estou a agardar a teoría que as unifique nun so discurso e xustifique por exemplo o cambio climático.

É certo que o 5% foi obra de Fraga para quen disque o modelo ideal é o bipartidista, eu penso que máis ben a quenda de partidos da Restauración. Agora ben nun país coa poboación que ten Galiza acadar o 5% non debería ser tan difícil. Por outra banda a dispersión de forzas non cambiaría nada tendo en conta o peso abrumador do PP. Se miramos outros lares, como por exemplo as recentes eleccións catalanas, onde rexe o taumatúrxico 3% proposto  sempre como solución a tódolos males de Galiza vemos que a cousa tampouco cambia tanto. Certo que grazas a iso Solidaritat Catalana esta no Parlament cun 3,28% porén tamén esta Ciutadans cun 3,40%. Para min mellor o 5% e que estes queden fóra. Así mesmo se miramos as últimas elección galegas vemos o mellor resultado dos que non entraron no parlamento foi UPyD con 23.796 votos que son o 1,43% do total.

Ben pode dicirse que o 5% se ten culpa porque fomenta o voto útil. Tendo en conta as ansias abstencionistas de moitos dos que avogan por este número máxico pouco voto útil hai.

E xa que falamos de voto útil, igual sería mellor deixar de blasfemar contra o BNG e pensar en botarlle porque non vexo eu a "El señor de las habichuelas" trocando o limite para entrar no parlamento. Que por certo xa que falamos de entrar no parlamento:

Os partidos políticos en Galiza que obteñen un escano no Hórreo receben19.000 euros por escano, 72 céntimos por voto, e 20 céntimos por envío postal, so se se obtén escano. Pola súa banda o BNG tiña a fins de 2009 unha  débeda  recoñecida con Caixanova de 2,5 millóns,  e con Caixagalicia de 2,3 millóns, segundo unhas fontes e 2.598.000 con cada unha segundo outras.

 Dada a importancia dos cartos no actual sistema político igual votar e máis útil do que parece.



xoves, 4 de novembro de 2010

Sen internet, unha desfeita e un adeus.

Ata hai uns instantes non tiven acceso a internet de aí a falta de actualizacións estes días. Días nos que destacan a constatación da desfeita permanente na que vive este país. Por que non pode considerarse doutro xeito a destución do castro que podía darnos luz sobre moitas das cousas que descoñecemos do noso pasado. (1,2). Total como diría mais dun: son pedras, e as pedras para que serven. E así con todo.

De feito case se pode relacionar co adeus de Renovar o Bng blogue que teño que recoñecer que nin lin nin seguin. Por que? Porque desde o instituto teño por norma non seguir nada do "nacionalismo oficial ou oficioso" para evitar quedar del ata os... xa sabedes onde e acabar como a inmensa maioría dos meus coñecidos: no PP ou PSdG por puro fartazgo. Porén chamoume a atención a nova de que marchaban, para voltar con outros responsableis, e linme a longa editorial de despedida ligada mais arriba (aqui nun pdf.Despedida de Renovar o BNG)

Editorial curiosa porque tendo en conta que eles suponse que están dentro e que son oficiais/oficioso coinciden en moitas cousas coas miñas analises de xente de fóra. Co que a conclusión e deslalentadora: a cousa esta moi mal e non vai mellorar. En fin maña seguirei co único que parece ter futuro estes tempo: o Islam. Sen máis:  Allah Akbar!

Tamén en Galizauberalles



venres, 8 de outubro de 2010

Lexitimas, Interesadas, lexitimas e interesadas

Cando un critica algo pode facelo desde diversos puntos de vista e con distintas motivacións. Neste último caso pode haber criticas:
-Lexitimas: cando non hai mais intención que por de manifesto un defecto, unha virtude ou expoñer unha opinión sobre aquelo que se critica.
-Interesadas: cando o que se busca non é unha mera exposición neutra senón conseguir algo respecto o que se critica.
-Lexitimas e interesadas: cando se produce unha critica lexitima e o interese esta en concordancia co interese do propio criticado. É dicir buscase que este mellore.
Desde fai anos o BNG esta a recibir un feixe de criticas dos tres tipos. Criticas aceptadas como verdade revelada polos propios nacionalistas sen pararse a ver quen fai a critica e para que. Así moitos fan súas as opinións de Roberto "mártir" e Carlos "lambecus" que levan anos esbardallando sobre a maldade da U. E que pasa se teñen razón? Preguntara algún, pois que se toma nota e se discute en PRIVADO. Porque eles militan no segundo tipo e o seu interese é a desaparición non do BNG senón do NACIONALISMO GALEGO.
É esta diferenza o que me fixo seleccionar os tres textos publicados esta semana, pese a ser xa antigos:
- O texto do País tenta disfrazarse de critica lexitima porén non pode ocultar, pese a que non minte, o seu interese de varrer paro o PSdG
- O de XGaliza entra directamente no campo de critica lexitima.
- O de Converxencia XXI é interesado porén mellor o seu interese, crear un partido nacionalista de centrodereita, que o do "mártir" e o "lambecus".
Que quero dicir con todo o anterior? Obviamente non que se renuncie a autocrítica e a critica externa, necesarias ámbalas dúas. O que quero dicir é que estas se moderen un pouco no caso dos nacionalistas. A caída do bipartito abriu un proceso de discusión sobre o accesorio no que todo parece valer mentres a sociedade asiste abraiada a unha liorta da que non entende gran cousa. Esta teima do BNG de analizar todos os seus males en clave de que todo é culpa da U, de que todo se soluciona turrando cara a a esquerda e con outra corrente interna so incide no descrédito e no cansazo dunha xente preocupada por outras cousas.
Teño a solución? Pecaría de Orgullo e soberbia se dixera que si. Sobre todo porque despois do do Bipartito e LaRoja creo que isto acabou. En todo caso creo que o debate debería centrarse en so tres posibilidades:
-Disolución. Visto o visto e o empeño que moitos, mesmo supostos nacionalistas, están poñendo en lavarlle a cara o PSdG e inventarlle un compromiso galeguista que nunca tivo nin ten... pois nada disolución do BNG e todos para o PSdG.
- Escisión: A U é malvada, a U é a suma de tódolos males, a U non deixa avanzar, a U impide a renovación... pois marchade dunha VEZ. Mellor dous partidos centrados que unha guerra eterna que dura mais de trinta anos. A ver se con dous partidos nos presentan un programa claro e sinxelo e por fin conseguen alguén que non fale con voz de cura.
- Refundación: tras a hostia das municipais, que vai ser gorda, Asemblea extraordinaria. Aproveitar o único positivo que queda: as siglas BNG e refundarse como partido. O que empolica que a U, os Irmandiños, +Galiza e todas as correntes de opinión e partidos se disolvan e comezos de novo. Unidos por fin, con mensaxe clara, e sen mais lerias asemblearias.
Estas son as miñas ideas, todos sabemos que non pasara nada do anterior. Todo seguira igual. Total so é Galiza o que esta en xogo.