VAIA SEMANIÑA!!!
Esta semana estamos de despedidas. Dicimos adeus á liberdade en Internet e adeus á Nova Caixa Galega antes de nacer.
Os culturetas e artistiñas estarán de noraboa pero os que entendemos o feito artístico coma unha profesión igual que as demais non podemos asistir máis que con desolación ao desmantelamento das descargas en Internet.
Hai anos que a cultura se tornou mercancia e son os mercados os que din que cadros custan 10 millóns de euros, que libros serán best-sellers ou que un músico cobrará sempre máis que un poeta...todo isto sen explicacións racionais, sen argumentos...só pola inefable lei da oferta e a demanda que como xa se sabe nunca é tal.
Foi internet o instrumento máis eficaz para descapitalizar a arte, pois son precisamente os contidos máis consumistas e máis inseridos na dinámica capitalista os que sofren o maior número de descargas. Así se explica a alegría de Alejandro Sanz e de tanta outra xente que para seguir acumulando as súas abusivas fortunas tiveron nestes anos que tirar do directo e voltar as orixes mesmas do feito artístico. Están de parabéns. Seguiremos manténdolles os jets privados, as casas en Beverly Hills, etc...
A miña ilusión sempre foi non atinar. Unha conciencia negativa do devir humano, o feito de vivir nun país cunha historia sen grandes euforias nos últimos quiñentos anos e un certo caracter pesimista fan que os meus vaticinios encarrilen, sen case querelo, cara ao negativo. Así foi no tema das caixas onde desde o comezo non vin con claridade que a fusión fose a solución de nada e onde as apertas co PP soaban como a trampa de seguro.
Varias cousas me parecen evidentes neste tema:
Se dúas entidades con enormes activos contaminados se fusionan os activos contaminados tamén se fusionan e non desaparecen como por arte de maxia. En total entre as dúas chegamos a 30603 millóns de euros no sector inmobiliario un 55% do seu capital.
Á marxe da política, se estas dúas entidades viven e se benefician do diñeiro prestado pola banca estranxeira é normal ( e non arte do demo) que esta estexa un tanto preocupada e queira garantías de que vai cobrar. Igual que a NCG quere garantía dos particulares ou empresas aos que deixa diñeiro.
Se toda a vida defendimos que as caixas funcionaban moi mal e eran como bancos, por que carallo nos asusta agora a bancarización?
Podemos ter un banco galego e con obra social... o Pastor xunto coa fundación Barrié xa o é. Eu creo que os esforzos deberían ir por aí.
Por último teño duas teimas. Sempre se vai mellor co PP que co PSOE e neste últimos dous anos se fica alguén que non lle quede claro,ademais de por motivos sentimentais, que explique por que. Eu son dos que quero saber a onde vou mesmo cando vou a precipitarme polos cantís. Non teño palabras para o que leva feito o PSOE., A segunda certeza é que na economía capitalista gaña o que xoga coas regras da economia capitalista e non o que vive nun lamento permanente por aquilo que se perde.
Por certo irei á folga da CIG...outro enorme lamento por algo que con catro millóns de parados xa non interesa a ninguén. A xente pregúntase como cotizará para cobrar...dá o mesmo 35 que 40 anos."
Sinto o retraso e que moito do que di perdera algo de actualidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario