venres, 25 de febreiro de 2011

O ISLAM VII ( e final): O ISLAM COMO RELIXIÓN MUNDIAL


O islam é xunto ao cristianismo e o budismo unha das tres relixións que demostraron unha capacidade expansiva máis notoria e as circunstancias políticas e militares foron determinantes neste extraordinario auxe. Xa na primeira xeración tras a morte de Mahoma (que corresponde aos catro primeiros califas; 632-661) o poder árabe e a relixión musulmá expandíronse por Arabia, Exipto, Libia, Palestina, Siria, o Cáucaso, Mesopotamia e Irán. Baixo a dinastía omeia (661-750) consolidouse a expansión occidental co control do Magreb e a Península Ibérica e a oriental ao alcanzar o val do Indo e o Asia central. Cos abásidas (750-1258) profundouse a penetración na chaira ganxética, Anatolia, África perisahariana, a desembocadura do Mar Vermello e o Corno de África. Os emperadores mongoles en China (1279-1368) potenciaron os contactos coa Asia occidental e a penetración de poboacións musulmás a través das rutas centroasiáticas nos territorios fronteirizos occidentais e ao longo da Ruta da Seda. Os seus descendentes completamente sinizados aínda manteñen a súa relixión na China actual (hai ao redor duns 18 millóns de fieis). Na Asia sudoriental a penetración islámica comezou a partir do século X e consolidouse nos séculos XV-XVI, perdurando até a actualidade, resultando a poboación de relixión musulmá maioritaria tanto en Malaisia como en Indonesia (o país con maior número de musulmáns do mundo, con máis de 180 millóns). O caso da India presenta un interese particular posto que os resultados da islamización son aínda hoxe en día causa de enfrontamentos graves. O momento culminante na islamización do subcontinente indio produciuse baixo a dinastía mogola, que presentou dúas facetas, a primeira representada pola tolerancia relixiosa e o intento de creación dunha síntese multicultual (nun enorme imperio panindio) baixo o reinado do emperador Akbar (reinou de 1556-1605) e a segunda coa intransixencia islamizadora de Aurangzeb (1658-1707). O problema islámico na India, que as autoridades coloniais inglesas pasaron por alto, expúxose en toda a súa crueza no momento da independencia: en 1947 o Paquistán («país dos puros») separouse da India e configurouse como un estado musulmán do que fuxiron 4 millóns de hinduístas e ao que volveron 6 millóns de musulmáns indios. En 1971 e tras unha violenta guerra, Bangladesh, o Paquistán oriental, consolidouse como estado independente pero cunha minoría hinduísta destacada. Pola súa banda os musulmáns que optaron por manterse na India e que forman unha minoría numerosa (máis de 120 millóns), especialmente ao sur de Delhi e ao redor das fronteiras paquistaní e de Bangladesh e sufriron esporádicas persecucións por parte dos seus compatriotas hinduístas contra os que, en ocasións responderon coa violencia.

Dúas das zonas de maior dinamismo potencial no islam actual son a África subsahariana e centro-oriental e a Asia central. Os datos sobre as repúblicas musulmás do Asia Central (e en particular do gran estado musulmán do Kazakhistán) parecen indicar que o islam actúa como un medio de consolidar a identidade nacional, aínda que sen a homoxeneidade que presenta noutras zonas (o número de non-relixiosos e ateos é notable). Na África subsahariana, e en especial en Nixeria (con máis de 50 millóns), Malí, Níxer e Guinea hai unha forte implantación musulmá e destaca en Senegal un islam moi dinámico grazas ao papel desempeñado polas confrarías relixiosas. A partir do baluarte somalí e o foco sudanés, o islam segue a súa secular penetración nas zonas costeiras de Tanzania e Mozambique e mesmo no interior (por exemplo en Malawi). Configúrase deste xeito un islam non árabe numericamente importante (lembremos que soamente en Paquistán hai máis de 135 millóns de musulmáns, máis que en todos os países árabes xuntos ou que en Irán hai máis de 62 millóns) e en forte crecemento.

Un fenómeno aínda máis recente é o xurdimento de minorías musulmás nos países occidentais, tanto como consecuencia de emigracións desde os antigos territorios coloniais, como sobre todo pola chegada de traballadores inmigrantes. As maiores concentracións sitúanse en Francia (con máis de 3 millóns), Alemaña (con preto de dous millóns dos que as 3/4 partes son turcos) e Gran Bretaña (con case 900.000, especialmente paquistanís e de Bangladesh); en Italia ou Holanda roldan os 700.000 e en España o medio millón. O islam converteuse para estas minorías nun baluarte de identidade que contrasta profundamente cos modos de vida laicos e homoxéneos europeos, nalgúns casos a relixión serviu para manter modos de comportamento segregacionistas (minimizando o intercambio de mulleres e a asimilación e preconizando o desprezo, sobre todo entre os integristas, cara á cultura occidental) o que potenciou contra-actitudes xenófobas (que en todo caso resultan inxustificables) e a marxinalización.

O caso estadounidense é especialmente relevante posto que o islam, ademais de ser unha relixión tradicional de poboacións inmigradas, converteuse nunha alternativa relixiosa identificadora de certos grupos de cor, o movemento «Black Muslims» (bilaliyyun) fundado en Detroit en 1931 consolidouse grazas a figuras prominentes e controvertidas como Malcolm X (morto en 1965), Elijah Muhammad (morto en 1975) ou na actualidade L. Farrahan, cuxa marcha dun millón de homes en 1995 demostrou o peso do islam negro en Estados Unidos: multiplicáronse as conversións de tal modo que na actualidade o número de musulmáns negros norteamericanos estímase que se achega aos 2 millóns (algo menos da metade dos máis de 4 millóns de musulmáns que hai en Estados Unidos). 


Nota 1: Se ben a "ortodoxia" dos "Black Muslim" é dubidosa como mostra a propia evolución de Malcom X.
Nota 2: toda esta serie de anotacións contitue a tradución de diversas fontes. Se alguen se sinte ofendido nos seus dereitos de autor rogo se poña en contacto comigo antes de pecharme o chiringuito.


Ningún comentario:

Publicar un comentario