martes, 15 de febreiro de 2011

Falemos de Madrid

Unha das anotacións pendentes é unha sobre como Madrid se converteu nese cancro que ameaza a todos, incluídos os españois que non se dan conta do que fixeron e defenden. Como a estas alturas esta claro que non vou dar escrito todas esas anotacións déixovos coa tradución (feita por min) dun artigo de Antón Baamonde. Artigo no que por unha coincido e serve para cubrir o oco da devandita anotación.

"Ao final de "Casi unas memorias" (Ed. Península, 2007) Dionisio Ridruejo, o que fose amigo persoal de José Antonio, e, máis tarde, opositor ao réxime de Franco, escribe, falando dos anos corenta do pasado século, cando estaba confinado nun pequeno pobo catalán: "Porén en contrapartida Barcelona -e en xeral Cataluña- resistiu ben a unha política que lle era intencionalmente adversa. Refírome sobre todo aos esforzos visibles do Goberno central, e en particular do ministro Suanzes, por arrebatar a Barcelona a capitalidade económica de España. Desa política naceu o Madrid industrial que coñecemos e que me parece un dubidoso ben e non só por razóns hixiénicas e estéticas".

Se hoxe Madrid é o que é, non se debeu a un azar, ou aos bos auspicios dos emprendedores hoxe mitificados polos manuais de economía e as revistas de barbaría. Ao contrario, a perseveranza do Goberno central en facer de Madrid o centro non só xeográfico ou político, senón tamén o económico e espiritual, foi constante e reiterada. Só co que se investiu na T4 -6200 millóns de euros- poderíase refacer Vigo de novo, e aínda sobraría un pico. Xa, nin falemos de todo o demais. Dos quilómetros de metro, dos sucesivos cintos viarios e de tantos outros investimentos. Aínda que Cataluña leva a fama, Madrid leva a auga... e Galicia queda a dúas candeas. En gran medida, é certo, pola nosa propia culpa, pola nosa incapacidade para forxar obxectivos claros derivada do noso provincianismo.

A creación, en 1964, do Gran Madrid, unha área metropolitana de 22 municipios, determinou o Gran Salto Adiante, a rampla de despegamento da enorme concentración de poder industrial e económico da capital española. Ningún goberno posterior, incluídos os do período democrático, deixou de promover o seu crecemento como unha cuestión de Estado. E Madrid, que se toma a si mesmo por España, déixase financiar coma se iso constituíse a natureza mesma das cousas. O gran pufo do Concello -7100 millóns de euros de débeda, outra nadería- só saíu á luz nas condicións inmisericordes da actual crise.

O recente libro de Germá Bel "España, capital París" (Ed. Destino. 2010) pode constituír unha introdución a esa relación entre Madrid e o Estado. A historia que nel se conta é a de como se foi configurando a idea e a realidade dunha España vertebrada polo seu capital seguindo o modelo borbónico. É un relato que ten un dos seus momentos climáticos en 1716 cando o mapa de postas de Filipe V fixa o esquema radial das seis estradas xerais. Non é a racionalidade económica a que decide ese esquema, senón a vontade centralista, tomada do exemplo francés. De entón a hoxe choveu moito, pero trens, estradas e avións seguiron os camiños que ditaron os decretos. O disparate recente máis enorme: o AVE para todos.

Son cousas que talvez hai que lembrar cando os mesmos que cebaron a Madrid con fins políticos -a costa, entre outros, dos galegos- alzan a voz para cuestionar o Estado das Autonomías. O Aznar que puxo á fronte do BBVA a Francisco González, de Tabacalera a César Alierta, e de Telefónica a aquel vividor do que só se volveu a saber nas revistas do corazón e nas de fútbol. Aquel Aznar que, a golpe de BOE, tanto Estado amortizou, e até esquilmou, é o que tenta culpar ás institucións de autogoberno de malgasto. Os que acirran en Galicia esa visión, o Círculo de Empresarios de Vigo, doces cordeiros no ronsel da FAES, deberían reivindicar, de paso, non só a desaparición das deputacións e a fusión dos concellos, tamén a desaparición de diversos ministerios e a localización das sedes de axencias do Estado en diversos lugares, como sucede na EE UU: o enfraquecemento do Estado central. Non caerá esa breva.

A Galicia veulle ben a autonomía. Sen ela estariamos aínda máis atrás. Veulle ben mesmo a pesar da falta de cabeza que se rexistra no país para pensar de forma conxunta o sistema de transportes, a estrutura económica, a dinámica social, o ethos público, a atmosfera cultural e lingüística. A descapitalización intelectual dos tres partidos é enorme, a falta de articulación e cortedade de miras das nosas elites, lendaria. Tamén se poderían dicir un par de cousas sobre os empresarios e as ubres da administración. No actual Goberno da Xunta quen dá a talla? Nin o propio presidente, un político máis ambicioso que imaxinativo. Non é pesimismo. É a verdade. O día en que teñamos un goberno serio e unha sociedade que saiba por que apostar e fágao con coherencia, as posibilidades serán enormes. Mentres, Galicia seguirá mirando os touros, cada vez máis lánguidos, desde a barreira."







Tamén en Galizauberalles

Ningún comentario:

Publicar un comentario