xoves, 7 de abril de 2011

30 anos de estatuto

O 6 de Abril de 1981 aprobouse definitivamente o estatuto de autonomía de Galicia. Polo tanto, onte cumpríronse 30 anos do devandito feito. Nestes días coma xa sucedera co 25 aniversario sucédense os artigos nos xornais onde se repasa a longa loita pola autonomía e se pon o estatuto como exemplo de unidade. Eu non pretendo darlle leccións os sesudos comentaristas de opinión dos xornais senón dar miña visión destes trinta anos. Visión que difire un pouco da unanimidade publicada.

En primeiro lugar hai que falar como non do estatuto da aldraxe de 1979. Sempre se nos di que a saída a rúa da xente impediu a aldraxe e nos puxo o nivel de Catalunya e Euskadi. Falso, logrouse que o recorte non fose tan obvio. Porén houbo recorte. Por outra banda a idea de que Galiza era a terra boa en comparación as outra dúas e que debía marcar o camiño da españolidade, nace aí e segue a ser marca dos populares e dos socialistas galegos por moito que se lles encha boca de galeguismo.

En segundo lugar debemos falar do estatuto tal e como evolucionou nestes anos. E a verdade é que digan o que digan o cambio experimentado por Galiza nos últimos anos ten pouco que ver coa autonomía. Influíron máis as grandes decisións do goberno central e as correntes económicas xerais que o peso que puidesen ter os órganos autónomos. Non porque menosprece o feito ata agora ou renegue da autonomía, porén hai que recoñecer que os 24 anos de gobernos populares adicáronse sobre todo a consolidar o dito no apartado anterior, crear redes clientelares e defender os intereses de partido en vez de traballar polo país. Os seis anos e pico de gobernos non populares pouco puideron facer para mudar esta situación. Aínda máis se temos en conta que se dividen en dous períodos distintos separados por 20 anos e nos que a súa caída os populares desfixeron canto non lles gustou.

En terceiro e último lugar queda o debate do futuro e do incerto segundo estatuto de autonomía. Aquí inflúe profundamente o dito nos dous apartados anteriores, sumándolle un dato moitas veces esquecido: o estatuto, unha vez conqueira a autonomía, é un medio non un fin. De pouco serve reformalo ou non se os gobernos non o van usar. O exemplo de Feijóo é paradigmático disto. Non precisou o recorte do que falan en Madrid para rebaixar o mínimo a actuación do goberno galego. Este é un mero conclave de xestión administrativa de intereses particulares que so saca músculo político para esmendrellar todo o que queda de Galiza. Polo tanto de pouco serve ter un estatuto como o catalán se os encargados de darlle vida so aspiran a ser gobernadores civís dunha deputación grande e ministros en Madrid, onde sempre serán, por moito que intenten ser outra cousa, "gallegos y gente de provincias".

Para concluír podemos dicir que o estatuto merece ser conmemorado como alicerce que é da pequena autonomía da que disfrutamos. Non merece ser celebrado dado que as súas realizacións son escasas, se ben non é culpa súa que o deixen durmir en espera de tempos mellores ou de que durma para sempre.



Ningún comentario:

Publicar un comentario