Cando a partir do 2007 comezou a escalada de prezos do petróleo os diversos xornais puxeron a vista na enerxía nuclear. Entre eles La Coz, onde de xeito indirecto, en novas ou artigos de opinión, ou directo a través de verbas de Don Santiago, se posicionaba a favor con matices. Os matices cambiaban sempre os argumentos permanecían constantes: "Galicia no puede perder su primacía en la producción de energía" ergo que nos chanten aquí unha nuclear. Total os encoros xa asolagaron os vales e mataron os ríos, as térmicas contaminaron a atmosfera e os eólicos desfixeron os montes... Que máis da unha nuclear? E que mellor sitio que Xove? A fin de contas as lamas tóxicas de Alcoa poderían ser empregadas para soterrar os residuos xa que conteñen a radioactividade.
Todo o anterior mostra as claras a idea de Galicia que ten La Coz e o seu dono, así como que algo moi malo lles deberon facer os de Xove. Por certo por se alguén non o lembra, era en Xove onde estaba previsto facer unha nuclear e onde ao final nos libramos polos pelos. Agora que Fukushima segue de actualidade non ven mal lembrar como nos libramos. Déixolle a palabra a Manuel Rivas que o conta mellor ca min nun artigo de fai unhas semanas. Porén antes de deixarvos con el un par de reflexións: unha sobre o nuclear e outra sobre a democracia en Galicia.
- sobre o nuclear hoxe estou seguro que non nos libramos. Na Galiza que vendeu a alma o 1 de Marzo xa estou vendo as pancartas de " Por un Xove con futuro, por un Xove nuclear"
Sen máis déixovos con Manuel Rivas.
"Os Profetas do Non
MANUEL RIVAS 18/03/2011
O 24 de agosto de 1976, os medios de comunicación informaban dun acordo da Dirección Xeral de Enerxía pola que se concedía a autorización previa para a instalación dunha central nuclear no lugar de Regodola, na beiramar do concello de Xove, na Mariña luguesa. Naquel intre había en España tres centrais activas e tres en construción. A de Xove era unha máis nun ambicioso plano expansivo que contemplaba o funcionamento de 24 centrais, no camiño da hexemonía nuclear na produción enerxética.
Contra o proxecto de central nuclear foi fundamental o labor das Comisións Labregas
O franquismo fórache de sempre moi atómico. O ditador soñara con ter a bomba das bombas. E dalgún xeito tívoas, como unha broma macabra, cando o episodio de Palomares e foi Fraga dar o espectáculo en meyba. Pero o feitizo nuclear era partillado por moitos, á marxe da ideoloxía. Meteuse, por dicilo así, no núcleo da ortodoxia do progreso concibido como un crecemento ilimitado. Nos últimos tempos vimos como a superstición atómica rexurdía como gran solución, defendida por un lobby de poder esmagador fronte ao David ecoloxista.
Mais estabamos en 1976. En Xove. A velas vir.
A resolución autorizando a central de Regodola non pillou de novas en Galicia. A idea deixara de ser rumor anos antes e xa dende 1973 o proxecto convertérase en noticia. Ao primeiro, pois, como unha boa nova. Mesmo unha nova máxica que ía transformar a economía e sacar do atraso a esa bisbarra varada. Mais o suposto agasallo comezou a ser cuestionado, como moitas outras cousas, naquel tempo de mudanza.
Houbo moita propaganda a prol da central. Moita opinión favorábel, apodíctica, aquela dos entusiastas, pagados ou non, que non admiten a resposta crítica, que decote escarnecen e satanizan a disidencia. Mais tamén houbo unha teimosa información alternativa. Foi fundamental o labor de organizacións entón clandestinas, en especial as Comisións Labregas e a desaparecida Asamblea Nacional-Popular Galega. Mais as siglas non son nada se non as avivecen persoas tecedeiras de esperanza, como foron daquela Penchas Santasmarinas e Ramón Muñiz de las Cuevas, axentes da chamada Extensión Agraria, por citar dous imprescindíbeis que logo tiveron diferente traxectoria política. O que eles e outros criaron foi un novo medio ambiente mental que propiciou a pacífica revolta contra o Xove nuclear. E así convocaron, co concurso de asociacións culturais, a científicos, economistas, sociólogos, avogados, pioneiros ecoloxistas, que foron quen de transmitir a enerxía alternativa de dicir non a aquela obra máxica que agora, con perspectiva dabondo, vemos como o que podía ter sido: unha maldición.
Así que o feitizo tomou a forma dun pesadelo. O que a xente comezou a imaxinar na beiramar xa non tiña o trazo dun deseño futurista senón dun espectro ameazante.
O seu non nuclear era un si. Un movemento que soubo encarnar o que Stéphane Hessel formula agora co xa célebre Indignádevos!: "Crear é resistir e resistir e crear".
E todo comezou a cambiar de verdade o día en que ese non se manifestou como unha caligrafía humana na terra. As autoridades gobernativas prohibiran unha manifestación. Mais o 10 de abril de 1976 a xente púxose en marcha. Un detrás doutro. A pé, máis de tres horas. Tanta xente que a historia decidiu non levarlle a contraria.
Durante un tempo fixo fortuna, na prensa conservadora, a expresión "Os profetas do non". A caricatura acadou, en gran parte, o seu propósito. Aínda hoxe me estraña que non saíra ningún grupo punk ou de ironía poética con ese nome feito para o escarnio de todo aquel que non se conformase co estabelecido. Era un sambenito paralizante. Intimidatorio.
-E ese quen vén sendo?
-Un Profeta do Non!
Non, non é que quixeras protexer o medio natural, procurar a igualdade de homes e mulleres, asociar os labregos nunha central leiteira que defendese os seus dereitos, procurar un ensino público que fornecese á grande maioría de coñecementos e pensamento libre, darlle azos aos recursos culturais como o sermos berce dunha lingua universal... Non, todo iso desaparecía. O que existía nese discurso tan proveitoso para o poder conservador era unha especie de estirpe malhumorada, adoecida, ancorada nun anacrónico saudosismo, pechada ao mundo. Era unha caricatura con dose de arsénico que tivo un efecto tóxico: os Profetas do Non, que tanto querían a Galicia, eran os seus inimigos. Non a deixaban medrar. Mais viñeron os Profetas do Si e Galicia nunca tanto achicou. Como ben explicou Albert Camus en L'homme revolté, en determinadas circunstancias, o dicir non é condición necesaria para o si. Un non á inxustiza histórica e dicir un si humanista. Un non á destrución do medio ambiente é dicir un si á vida.
Así que Galicia foi quen de dicir non en intres en que pairaba un si ameazante. E non unha soa vez. Verbo da ameaza radioactiva, houbo outro movemento no que este país mesmo xogou o papel de abanear as conciencias do mundo enteiro. Refírome á prohibición do vertido de residuos radioactivos no mar. O almacenamento de residuos nucleares segue a ser un dos problemas que os profetas atómicos, dispensando, aínda non resolveron de xeito convincente. Mais o que non ten nome era a irresponsabilidade de arroxar o lixo nuclear ao mar. Esa decisión non a tomaban piratas sen escrúpulos ou tolos. Dende os anos sesenta, toneladas de lixo nuclear foron chimpadas ao mar con autorización de gobernantes e burócratas que teñen como primeira obriga garantir a seguridade da xente.
Foron os Profetas do Non, desta vez da man da desaparecida Esquerda Galega, os que pararon semellante aldraxe contra a humanidade e o planeta. E todo comezou en 1981 con aquela expedición ao "corazón da escuridade", á Foxa Atlántica, dun pequeno palangreiro chamado Xurelo.
Moito lembrei estes días os Profetas do Non. Aínda hei rezar por eles eu que non teño quen rece por min."
Ningún comentario:
Publicar un comentario