Voltamos tal e como dixemos, a Deus grazas e a San Patricio tamén. Comezamos cunha anotación de Xopau, pensada para o pot 20N, porén segue sendo valida, pese o adiamento na publicación. Sen máis deixovos con Xopau:
"Ter militancia política activa permite algunhas veces cousas que doutro xeito non se poderían facer. É moito máis fácil para unha persoa significada politicamente falar ben doutra da oposición que para a maioría dos votantes. Eu nunca fun socialista nin apoiei a Zapatero pero moitos dos que onte foron ás urnas a tombar o seu partido si creron nel e por iso hoxe teñen un especie de silencio moral sobre as súas cabezas.
Desde a óptica nacionalista vaise o único presidente do goberno de España que creo que chegou a entender as reivindicacións históricas de certas comunidades e que representou a un PSOE verdadeiramente con vocación federal. Só desde esta óptica se entende en todo o seu conxunto a entrega das armas por parte de ETA ou a experiencia do tripartito en Cataluña. Tamén se entende así a saída de Paco Vázquez para o Vaticano co fin de propiciar un bipartito en Galiza que non estivese permanentemente minado polas opinións dun personaxe tamaño. É certo que en Euskadi o PSOE se aliou co PP pero ese paso tamén era alí necesario se se quería que logo chegasen outros. Para un nacionalista son actos insuficientes pero que marcan distancia con respecto aos anteriores presidentes de goberno e moito me temo que marcarán abismos cos que están por chegar.
Os amigos do simbólico débenlle un acto sen precedentes na democracia española: o cumprimento da súa promesa electoral de retirar as tropas de Iraq con todo o que iso supuxo. É un acto de autoridade do Estado Español que nunca fará o PP por moito que presuma de nacionalista español e de defender os intereses patrios. O patriotismo do PP é tan pobre e chabacano que coma o de toda a dereita española de sempre remata en Euskal-Herria e en Catalunya. É un patriotismo de charanga e pandeireta, de zarzuela e chotís, de señorito andaluz vido a menos…
Nunca fun, por outro lado, grande defensor de facer unha política baseada en exclusiva nos dereitos civís, cousa que non quere dicir que non me parezan importantes. Semella triste que un presidente dos EEUU gañe as eleccións cun programa que se basea nun 50% no feito de ser negro, o mesmo sucedía con Hillary Clinton cando competiu na carreira á Casa Branca empregando o argumento de ser muller. Non en tanto, e se un se move por internet, parece que a maioría da xente nova de esquerdas entende esta ideoloxía só coma feitos deste tipo. É dicir pesa o feito de ser muller, gay, non andar en coche oficial, baixarse o soldo e cousas así. Non chego a entender os odios a Zapatero de xente deste teor despois da Lei do Aborto, da Lei que regula o matrimonio entres persoas do mesmo sexo e tantos outros feitos simbólicos que desenvolveu e que foron moitas veces proporcionais aos problemas estruturais do seu goberno.
Sobre a crise que o tombou fixo os xestos que faría calquera gobernante nun primeiro momento. Cando se di que negou a crise o que non se explica é que o sistema capitalista e o que mellor o encarna, a Bolsa, móvense por algo tan lene e variable como a confianza. Se Zapatero dixese que o país ía entrar en recesión a cousa adiantaríase pero isto non indica que se fose a saír antes nin que a crise actuase con menos virulencia.
En fin, Zapatero foi mal presidente por moitas outras cousas: permitir que a Unión Europea e os mercados afogasen a autoridade dos gobernos, deixar seguir medrando a especulación urbanística, non converter a España nun estado Federal, banalizar coas ministras na revista Vogue, usar os dereitos civís para encubrir os seus erros de xestión, non colocar as linguas do Estado como intocables nos territorios onde se falan, modificar a constitución conchabándose co PP e facer unas campañas baseadas en marketing puro e duro (aquilo de ZP).
Agora ben, ninguén dos que non votaron socialista o 20-N lle pediron nunca nada diso e ademais sempre estiveron en contra de medidas dese tipo, tamén hai catro anos cando lle deron a maioría. Por iso eu teño o beneficio da crítica e eles non. Por iso eles non foron votar o Domingo optando por esconderse nas casas e pola abstención e por iso, ao fin, o BNG nunca rendabiliza os votos socialistas que se perden. É o mesmo que dicir que moitos votantes socialistas de Galiza son infinitamente peores que Zapatero para a nosa nación. Noxo me dá cando me din que con eles nos temos que aliar.
Coa caída de Rodríguez Zapatero volta o PSOE máis cerril, centralista e xacobino ,como de feito xa se viu na campaña. É un PSOE que en Galiza e nalgúns concellos da Mariña coñecemos ben.Ese PSOE que durante os próximos dous ou tres anos vai firmar co PP, por falso patriotismo, todas as medidas que este adopte e que nos devolverán territorialmente ao nivel competencial dos anos 80. Medidas, fique claro, que nadan teñen que ver coa solución da crise pero que van ir no lote.
Eu nunca fun de ZP e por iso dixen."
Ningún comentario:
Publicar un comentario