martes, 23 de marzo de 2010

Dous avisos.

En primeiro lugar comunicar que o vindeiro Xoves 25 hai convocada unha manifestación pola: Plataforma en defensa da Sanidade Pública de Vigo. Esta manifestación saíra as 20 horas da Vía Norte.
E en segundo lugar a sentenza sobre o caso Arteijo (1,2), que corrixe algo semellante desfeita. Podese consultar aquí, en Vieiros.

Tamén en Galizauberalles

luns, 22 de marzo de 2010

A hora da verdade

Dada a miña tardanza en tratar o asunto do proxecto_decreto_plurilinguismo teño un bo feixe de ligazóns sobre o asunto. Porén o final decidin centrarme so nos seguintes:  o de Fermin Bouza, o de Anton Baamonde,e o de Ferradura en transito. Desde o noso lado e desde o outro nas palabras do Ponselleiro, do martir, e da señora esa.

Ben e que podo aportar eu? Pouca cousa. O decreto novo (a falta de ser o definitivo) mellora o anterior na forma sen cambialo para nada no fondo. Este cambio de faciana pretende seguir incidindo no caracter radical e impositor dos que o combaten. Non hai mais que ler o Ponselleiro e o martir, que menten coma cabróns que son e agachan outras cousas. De feito aí esta a súa perigosidadade mediatica, mentres a practica residen en dúas palabras e un feito: xeral, predominante e que os escolares teñan libros en castelán se lles peta. Porque por moito que leo o decreto os termos xeral e predominante (combinados coas familias) dame a posibilidade (legal ou alegal) de que haxa centros onde todo vaia en castelán e listo. O dos libros é o mais grave, pois eu que nunca obriguei a falar/escribir en galego a ninguen pese a que a miña materia é das que se dan en galego dou fe que os rapaces non mutaron e por economia se o libro esta en galego = galego nos exames e preguntas en galego sobre a materia asi falen entre eles en castelán. Como todo o mundo o sabe de aí a teima en darlles liberdade oral, escrita e de libro.

A perigosidade mediatica radica en que sobre o papel parece equilibrado. Ergo moitos dos que se subiron o carro da lingua recentemente, mentres botan pestes contra os nacionalistas que poderína trabucarse porén sempre estiveron aí, van baixar en aras do equilibrio e do consenso. O que faga o PSdG e o seu entorno vai ser clave.

Esta é a hora da verdade por:
- o decreto vai saír si ou si.
- vai haber que artellar a supervivencia da lingua coa escola en contra coma nos vellos tempos.
- e veremos cantos quedamos o final nesta trincheira, se os que sempre estivemos ou alguen mais.

Tamén en Galizauberalles

mércores, 17 de marzo de 2010

Feliz día de San Patricio!

A todos os que estudamos en Santiago o día de San Patricio fainos un tilín especial. Para moitos era unha escusa mais para ir de chea. Para outros, perturbados nacionalistas coma min, era un día para ademais de ir de chea brindar polos irlandeses e cagarnos nos ingleses publicamente tanto para festexar a illa esmeralda como para evitar suspicacias nos sitios onde íamos. Calquera lector avispado pode deducir doadamente que irlandeses e ingleses servían como tapadeira do que queríamos dicir realmente. Ademais claro esta, dese cariño especial que desde o galeguismo histórico ata hoxe, desperta entre nos unha nación capaz de diagnosticar os seus problemas e poñerse a solucionalos por todos os medios.

A que ven isto. Pois que cando me tocou revisar o arquivo do blogue para enlazar datos da desfeita do ano pasado coa análise do primeiro aniversario da mesma dinme conta que a primeira anotación do blogue foi un 17 de marzo, día de San Patricio, ou sexa que hoxe fai un ano da apertura deste sitio. Feito que aproveito para por o blogue baixo a protección do santo irlandés e para cumprir esa tradición dos blogues de facer análise do ano.

- En primeiro lugar dicir que non estou contento. Sei que o habitual nestes casos é comezar dicindo o feliz que te fai o proxecto en cuestión, como che deu un montón de alegrías e como pensas seguir adiante. Porén no meu caso non é certo. Este blogue naceu como medida terapéutica para superar a desesperación da desfeita. Cumpriu o seu obxectivo pasando ,eu, do baixón anímico o mero baixón intelectual. Agora ben non estou contento nin poderei estalo mentres a desfeita continúe. E este ano de blogue non parou de traer novas desfeitas.

- Agora tocaría presumir do grande número de visitas, do número de anotacións, e de cal foi a mais visitada.
De visitas non podo presumir en canto a número. Creo que si en canto a fidelidade (8 é a media diaria). A todos grazas, e especialmente a Caralladas e Duar os mais asiduos dos que non coñezo persoalmente (os que si grazas tamén porén podemos debater diante dun café).
Respecto o número de anotacións ata hoxe hai 157, 158 con esta, algo doado tendo en conta que a meirande parte delas son comunicados, anuncios e pegado de ligazóns. A máis visitada foi a editorial de "La Vanguardia" con 35 visitas. E ten truco, pois "La Vanguardia" detecta quen liga as súas novas e lígaas a súa vez co cal chegou un montón de xente desde alí. Respecto a que anotación estou mais orgulloso, a entrevista a Antón Losada, mais que nada porque se dignou contestar a diferenza doutras que lancei pola internet.

- Por último tocan as perspectivas de futuro.
Cumprida a función principal de erguerme o animo non sei moi ben se continuar ou non. A fin de contas se isto fose un medio de pago habería que considerar o peche, o cambio de liña editorial ou a fusión con outro medio. De momento e ata fin de tempada, en Xuño, imos seguir abertos. E a liña editorial non vai cambiar.
Un saúdo a todos e Feliz día de San Patricio!



P.D: e si estamos informados do decretazo bis, porén  iso vai o venres ou o luns.
Tamén en Galizauberalles

venres, 12 de marzo de 2010

AO PASAR POR AQUÍ: PENSAMENTOS SOBRE A CRISE. (final)



"Pasemos aos traballadores. Neste tema fóra as visións paternofiliais e sindicais. Nun país coma Galiza sen apenas inmigración, con algunhas zonas onde hai traballo, cun certo apoio das casas mantendo unha estrutura familiar tradicional, non se pode permitir que a xente continúe a comportarse como na Inglaterra decimonónica sen abrir a boca, con auténticas pelexas por facer horas extras, colaborando na explotación e na degradación máis absoluta. Neste sentido gustaríame saber que fixo a xente nos últimos e esplendorosos anos de puxanza económica para intentar blindar os seus postos de traballo e as súas condicións laborais. Maiormente nada ou mellor dito poñer a man para recoller sobres a final de mes ben cargados de diñeiro e que moitas veces se restregaban ao veciño formado que tiñan máis perto.

Unha persoa á que o sistema educativo ofreceu un agrupamento, logo un programa de diversificación, logo un exame ridículo para ingresar nun módulo de FP e os rexeitou todos, merece que algún organismo se siga interesando por el?

Un operario que leva vinte anos sen un cursiño de formación nen de reciclaxe está en condicións de demandar algo?

Un operario que manda o seu curriculum nun radio de acción da súa casa de vinte quilómetros mentres a xente con formación bota media vida peregrinando ata que se pode asentar, merece ter un traballo digno?

Por último, o funcionariado. Pois estamos coma o proletariado, pero con menos horas. Asentados, con pouca formación real, e cun índice de produtividade baixísimo (por certo, se a produtividade é baixa, alguén sabe por que hai problemas de paro?). O único bon é que como man de obra cualificada somos irrisoriamente baratos (tiven unha discusión con alguén sobre isto fai pouco). Chega con ver as condicións dun médico aquí ou en Portugal. Evidentemente, e por moito que lle doa á clase política, os chiringuitos de non funcionarios hai que pechalos. Dan moitos votos (a nós non…vaia por Deus, que gustar gustábannos) pero hai que pechalos ou meter a xente que realmente sexa necesaria no funcionariado e con oposición seria.

Solucións

Non pensarán por un momento que teño a solución, verdade? Non, está claro. Mais vexo que os discursos se atarabelan entre o máis próximo e tendencioso e as grandes frases sen concreción. Algunha idea que fique no medio debo ter:

a. Xa foi dito: o primeiro, multiplicar os mecanismos de control e poñer a funcionar os que xa hai. Isto chámase convocar oposicións a determinados organismos deses que a xente non quere nin oir nomear. Isto xa saiu no Blogue co de Anasagasti.

b. Aliarse coa patronal no tratamento que esta pretende dar ao lumpen ao mesmo tempo que se arrincan condicións favorábeis reais para a man de obra cualificada. Ao mesmo tempo artellarase un sistema de bolsas para que calquer traballador poida cada dez anos disfrutar dun de formación co fin de sair dese lumpen. O ensino nocturno e o achegamento das clases traballadoras ás escolas de idiomas, escolas de FP, etc ten que facerse xa. É anacrónico nun país europeo seguir dividindo a vida en periodo de formación e periodo laboral.

Por outro lado os módulos de FP teñen que seguir un principio de territorialidade e axustarse á demanda laboral dos lugares nos que están instalados.

c. O Estado ten que ceder parte da formación ás empresas, e que estas poidan expedir titulacións como ocorre en Franza e noutros países europeos.

d. Mentres a FP continúe a ser o refuxio dos fracasados dun sistema educativo feblísimo nas súas esixencias, seguirá sendo un desastre. Tanto a FP como a xente que forme. Isto é coñecido polo empresariado, que tratará esa man de obra en concordancia con isto.

e. As institucións deben facer un esforzo na formación do consumidor. Realmente as xeracións novas deste país parecen xentiña do Bloque Soviético: compradores compulsivos que están comezando a disfrutar do capitalismo

f. Por desgraza en Galiza hai un problema xusto á inversa do anterior. Como vamos a convertir en compradores a unha terceira parte do país que continúa, practicamente, na economía de subsistencia?. Cunha risa nos beizos sempre digo que se os vellos gastasen os seus cartos de repente, este país poñíase por diante das grandes potencias mundiais.

g. Hai que intentar ter un sector servicios cada vez máis diversificado, e para iso é necesario crearlle outras necesidades á xente para alén de coche e casa, que é onde se vai o 90% do diñeiro dunha gran parte dos galegos. Vese que non son comunista, claro.

h. Coas autovías rematadas, temos que comezar a ver Galiza como cidade global e funcionar coma tal á hora de buscar traballo.

i. O diñeiro de pechar os chiringuitos ten que ser destinado integramente á ciencia e a traer toda a xente que tivo que marchar deste país no campo da investigación.

l. Se os emigrantes teñen que esperar para cumprir o punto i, que esperen, que xa levan fóra tempo.

m. Hai que dicir a verdade do que vai pasar cos sectores produtivos dunha santa vez, e saber que tanto por cento da poboación pode vivir (non malvivir) disto. Isto é pedir unha análise económica seria e pagala.

n. Relacionado co turismo, estamos ficando fóra dun gran momento da cociña no Estado, e por desgraza a paletada dos restaurante PP cocedeiros de marisco aínda non rematou. Vai sendo moita hora de que remate.

Hai que dinamitar o que está construído fóra da lei e con rapidez, maiormente na zona costeira. A Estación de esqui en Penatrevinca é dunha necesidade incontestable e os ecoloxistas que se encadeen se queren. As axudas para pintar casas, restaurar e poñer vexetación que peche os desastres deben ser continuas e obrigadas.

ñ. Nen unha soa axuda ao turismo de comprar un piso aquí. A meirande parte das construtoras foron e son de fóra, e ese turismo só frecuenta as sardiñadas gratis.

o. Cargar contra o Xacobeo só se lle ocurre aos esquerdosos enfermos. Grazas a el somos coñecidos en Europa, e é das poucas veces que chega alguén que non sexa o madrileño de turno.

Son unhas poucas ideas que considero reais e de fácil execución e que sen dúbida podían ter consecuencias ben positivas para o noso país.

E as caixas???

Ben, as caixas son un tema de tantos nos que a política quere suplantar a realidade… Se Caixa Galicia tivese invertido os seus activos doutro xeito… se Galiza tivese un potencial financeiro enorme…se, se, se…pero non; o que quere dicir que non poden absorber a ninguén e que serán absorbidas. Eu dáballas a La Caixa
que polo menos fode aos de Madrid.




Saúdos."

ENGADIDO: Rematei de etiquetar todas as colaboracións antigas en Galizauberalles. O clickar en Xopau e Heder, en Galizauberalles,  saen todas as colaboracións destes, incluidas as anteriores a pausa do verán.


xoves, 11 de marzo de 2010

AO PASAR POR AQUÍ: PENSAMENTOS SOBRE A CRISE.

Mentres se suceden as novas económicas de máis distinto signo e con elas as analises (1, 2, 3, 4) Xopau envía a s3eguinte colaboración sobre economía:

" Poida que non haxa pior cousa que un home de letras metido a economista e sobretodo coa que está caíndo. Porén, por isto último é precisamente polo que moitos vamos ocupando unha parte cada vez máis importante do noso tempo en matinar na manida crise. Cercados pola multitude de datos e opinións, escasamente damos articulado un discurso coerente o que, con todo, non nos impide ollar a realidade cotiá e repensala á luz do que acontece. Son pois os que seguen xuízos sen valor científico pero que en canto parten da realidade terán que ser ou confirmados ou negados.

Moitos actores e difícil conxunción de todos eles. Irei debullando unha serie de reflexións e preguntas que creo se corresponden co que pensa unha parte importante do que poderiamos chamar a clase media  intelectual máis ou menios de esquerdas, máis ou menos nacionalista. Non se olvide o lector de que eu falo sempre dende a periferia da periferia, acó no Norte.

 Por orde cronóloxica de aparición en escena, e despois das folgas da semana pasada, poderiamos comezar cos sindicatos. Un obsevador foráneo creo que principiaría por preguntarse por que no Estado hai dous sindicatos se dan até as roldas de prensa xuntos. Todo parece indicar que se intenta ocultar o feito de que un sistema democrático europeo é tremendamente deficitario se o panorama sindical se reduce a unha única opción, porén esta é a realidade de facto que hai en España. Se ademais esta organización é vertical, pois moito pior, e non creo que un sindicato que con catro millóns de parados non convocou unha folga xeral poida merecer outro apelativo. Aquí vén un dos meus temas preferidos que se pode resumir como segue: neste Estado as partes incumplen manifestamente a tarefa para a que están creadas, e se isto sucede así o suposto diálogo é sempre falso pois carece de tensión. Non temos  un presidente do goberno dirixindo a UXT, pero todo chegará. O tan traído e levado diálogo social e esta pax permanente dos últimos anos non se corresponde coa realidade de moitos traballadores que todos coñecemos a cotío. Existe no Estado Español un desfase enorme entre a puxanza económica e a súa incidencia na mellora social. Despois de case quince anos de mellora económica ininterrumpida, a miña xeración segue, a nivel económico e de protección social, sendo deficitaria a respecto da de meus pais. Tamén é curioso que a patronal pida o mesmo en situación de crise que cando o Estado disfrutaba dun dos momentos de maior puxanza económica, ao igual ca os sindicatos, o que sen dúbida fala dunhas políticas fosilizadas e alonxadas das dinámicas económicas reais.

 Sigamos co papel da oposición e do goberno. En España o único pacto posible é o antiterrorista e o resto é sempre unha cortina de fume. Cando un goberno apela ao pacto é porque está perdido electoralmente, co que a oposición (a de verdade, isto é, a que o vai sustituir) é imposible que firme nada nesas circunstancias favorábeis. O pacto de ZP tiña que ter sido ao comezo da lexislatura e non agora. En canto ao PP, non ofertou absolutamente nada, nen o vai facer mentres as enquisas lle dean unha vitoria folgada. De conseguir gañar sen programa estariamos ante un goberno cun cheque en branco para catro anos e cun clima onde xa todo o mundo aceita que a recuperación pasa polo recorte social e polo recorte territorial (redución das competencias autonómicas baixo a trampa dunha suposta redución funcionarial). O debate sobre o cambio de modelo produtivo está xa case ausente, e son dos que opina que de darse seriamente pasaría por cousas tan desagradábeis para a xente coma a enerxía atómica, etc. A nivel galego o espectáculo non pode ser máis lamentable: un goberno que gañou as eleccións coa promesa demagóxica de solucionar a crise (cousa imposible) non artellou neste primeiro ano nen unha soa medida de calado económica. Evidentemente, e a risco de semellar teórico do Partido Popular, aquí cómpre unha reflexión sobre o papel das Autonomías e do Estado cando os seus gobernos non coinciden. O sistema, ou se artella federalmente e se botan adiante as competencias, ou permite un escudarse permanente no outro que non beneficia a nada nen a ninguén, salvo aos que se presentan ás eleccións. Neste senso son tremendamente gráficos algúns discursos de Xaime Pita ou de Feijoo dignos do mellor independentista de Euskal-Herria.

 O seguinte grupo que traerei a colación é o dos autónomos. Esa inmensa maioría nos países ricos, clase moitas veces de referencia social e que no caso galego presentan características que eu considero endémicas, aínda que a visión que através do cinema e da literatura teño do triunfador americano fai que encontre entre ambos enormes semellanzas. Sen dúbida o noso capitalismo tende por desgraza ao modelo anglosaxón e non ao renano. O principal problema que se presenta cunha gran parte dos autónomos é o da súa implicación e imbricación no sistema do Estado, e isto moitas veces vén derivado dunha formación intelectuial e empresarial pobrísima da meirande parte deles. Neste senso, a súa aspiración é a de estar fóra do sistema estatal, pero non no sentido neoliberal senón no sentido que poden ter as clases do rural. Que un señor como Adolfo Domínguez, que vive exclusivamente da clase media, poida pensar que a solución da crise pasa por medidas que o único que fan é reventar esa clase media só pode ser clasificado de patético. Igualmente patético é que xente que xa comeza a mover capitais máis ou menos considerábeis a nivel local non sexa capaz de ver as consecuencias que a macroeconomía e as políticas estatais e mundiais puideron ter sobre o seu negocio, e continúa a reducir todo á súa unívoca e inquebrantable vontade de traballo (fan excepción cos gobernos do PP pero maiormente renegan da política). A cousa, se se analiza en termos máis serios, trae consecuencias patética,s como que a única medida diversificadora do capital que coñece a meirande parte do empresariado galego é a inmobiliaria coas consecuencias que agora se ven, un depender permanente das xestorias, unha desconfianza xeral dos mecanismos macroeconómicos, subvencións, etc, que impiden a moitas empresas seguir medrando… Nun ton algo máis simpático poderiamos dicir que o pior foi para os fillos destes autónomos, a moitos dos cales non se lles deu opción nen de escoller carreira: dereitiños para Compostela facer Empresariais…

 Continuando con estes temas encontrámonos ademais cunha clase moi pouco flexible. A deflación nunca chega a Galiza, os pisos continúan sen baixar e hai unha sensación de que a idea é: “a crise págala ti”, isto é, a menos clientela, aumento de prezos en moitos sectores (non me vou encerillar co da inflación porque o que está claro e que non se corresponde co que o consumidor ve todos os días). Esta flexibilidade traerá moitos problemas a medio prazo coa xeralización das compras por Internet e a pouca pericia dos autónomos locais para competir en prezos, mantendo unhas marxes que permitiron levantar patrimonios dunha certa entidade nun tempo record partindo, por exemplo, dunha única zapataría.

 Relacionado co anterior poderiase falar dunha falta de creatividade sen parangón. Os rapaces do noso país montan bares e as rapazas peluquerías: no meu concello de 3000 habitantes, seis de mulleres e unha de homes…

 Nas vilas do noso país hai ademais unha sensación de que a burguesía non é tal senon máis ben unha continuidade da fidalguía caída no XIX. Son unha clase tremendamente estable que raramente se precipita á nada nunha xeración, o que fala de inversións moi pouco arriscadas e innovadoras. Probablemente o batacazo no sector inmobiliario que sofremos sexa o primeiro grande problema ao que se enfronta toda a burguesía galega, pois toda enfocou o seus capitais a eses sectores. As reflexións e posteriores feitos que se deduzan disto poden ser o movemento social máis interesante de seguir nos próximos anos.

 Sorprende asimesmo ver como as empresas que máis ou menos foron prosperando nos últimos anos non traduciron ningunha das súas melloras ao plano social, mantendo a xente en condicións de lumpen: sen vacacións, xornadas de máis de dez horas, sobres con diñeiro negro para pagar, contratos de prácticas perpetuados no tempo, etc. Non quixera deixar de notar que todo isto conta coa pasividade dos sindicatos, as inspeccións de traballo e facenda e a xestión eficaz das Asesorías deste país que se están chinando e son quen sustitúen en último termo a sindicatos e patronal. Cando falo fáigoo de prácticas xeralizadas en empresas que aínda que son familiares están xestionando capitais nada despreciables.

 Na cuestión do diñeiro negro cómpre aínda falar de que moitas destas empresas fornecen traballo aos seus empregados que logo son autónomos en negro durante as fins de semana. Xente toda ela preocupadísima polos soldos dos funcionarios, mais instalada na fraude permanente. É tamén tarefa de todos que estes casos saian á luz e as deducións fiscais para os que denuncian deberían ser importantes." CONTINUA MAÑA...