venres, 29 de xaneiro de 2010

REFLEXIÓNS ENCOL DA LINGUA (SE É QUE ALGO FICA POR DICIR)

AVISO: Por problemas coa conta de correo de contacto deste blogue vinme na obriga de cambiala por outra. Na descrición do blogue xa esta cambiada. O novo enderezo electrónico é:  galizaprimeiro@gmail.com. Se alguen nas dúas últimas semanas mandou algo a conta antiga recomendolle que o envíe de novo a nova conta.
Respecto a agresión a Roberto Blanco repito o que xa dixen aquí, cambien Gloria por Roberto e todo o dito vale.


E AGORA SI A COLABORACIÓN DE XOPAU:

" Hai algo que detesto profundamente desde hai cousa duns quince anos, e é falar sobre a cuestión lingüística. Algunhas acérrimas discusións familiares e con amigos na adolescencia fixeron que vise que só se pode dialogar, no verdadeiro sentido do termo, con xente algo próxima a ti. Nos posteriores cinco anos dediqueime entón a falar de lingua cos meus, é dicir, cos falantes conscientes. Centrouse entón o tema na cuestión normativa, e podédesme crer: quen saia de aí sen danos sicolóxicos graves está en condicións de acadar os máis grandes logros nesta vida terrea. Ergo, abandonei case totalmente a discusión lingüística, co que creo que fixen un enorme favor aos que me arrodeaban e ao meu país. Evidentemente penso para min, pero calo.

A inactividade na que estou esta tempada faime ter algún que outro remorso polo que rompín esta especie de pacto tácito comigo mesmo e decidín enviar ao blogue unha colaboración nin máis nin menos que sobre lingua. Un tema certamente innovador.

A primeira cuestión que debemos aclarar é que, ou se é un superdotado, ou sobre lingua neste país está todo dito. Isto é claramente un problema, e dificulta moitísimo certos entendementos que non estarían de máis. Outra vez o minifundismo penetrou tamén nestes campos e a fórmula terrorífica que non conseguimos eliminar é a de “un falante consciente, un lingüista”. Por desgraza como falantes conscientes non é que sexamos moitos,  pero como lingüistas sobramos case todos.

O anterior ten que ver con algo grave que lle sucede a este país e que poderiamos calificar de logocentrismo nacional. A lingua ten, por tradición histórica, demasiado peso, e sería desexable que a xente se preguntase se non haberá moitos outros rasgos nacionais que merecerían a convocatoria dunha manifestación multitudinaria. Pensemos que a lingua leva en seis meses tres, e do deterioro paisaxístico desta nación nin case se fala. Un pobo diglósico é un pobo diglósico en todas e cada unha das súas facetas sociais e culturais, e está por demostrar que a lingua teña preponderancia obxectiva sobre calquera das outras.

As reflexións que a continuación irei debullando están no meu máis puro estilo inconexo e de fluir mental, pero teñen un único fío condutor: o debate para min só existe en termos de política lingüística. É dicir, non creo, para esta nación, nin case para ningunha, no que se pretende desde certos sectores nacionalistas e filolóxicos de desvincular a reivindicación da lingua da reivindicación política.

Que fas logo, Xopau, coa xente do PP e do PSOE que foi á manifestación?
Son nacionalistas, e a especial idiosincrasia deste país, cun único partido de extrema esquerda liderando o nacionalismo, fai que militen nos grupos estatais. A ver se algún iluminado que pon o exemplo de Cataluña se enteira dunha vez que alí o PSOE é máis nacionalista que aquí o Bloque, e rematamos con esa trapallada de despolitizar a lingua, cousa imposible dabondo.

Desvincular a lingua da política como medio de captar falantes é un argumento falaz e o que é pior, universitario. Quero dicir con isto que nace do mesmo espírito que, por exemplo, o debate normativo: non hai que traballar, compañeiros, porque Doraemon ten un peto máxico. Solucións que diría o Señor de las Habichuelas “Made in Abundio”. Unímonos á lusofonía e a vivir, facemos unha normativa dialectalizada e próxima ao pobo e listo, non nos asociamos co nacionalismo e veña a gañar falantes aínda para alén das nosas modestas fronteiras…Seriedade señores, seriedade…Como se vai a desvincular unha lingua dunha ideoloxía política que foi a única que fixo algo por ela nos últimos 150 anos? Como pode crer a xente que unha única e unilateral solución pensada nos cafés universitarios deste país vai invertir a tendencia suicida desta nosa xentiña?

Os que queren que a lingua soborde o nacionalismo fano porque cren firmemente que a lingua está “por riba de todos” (logocentrismo) e a súa perda suporá un dano irreparable. Este último argumento é tamén falaz por dous motivos. Primeiro, por estarse a identificar lingua e sociedade tradicional. A nosa riqueza lingüística feneceu (maiormente o léxico) coa morte da sociedade agraria e mariñeira. Está todo recollidiño no ILG e  noutras institucións, pero está morto, enterrado ou a piques de morrer. A nosa lingua é, nos novos falantes, pobre, pobrísima, tremendamente semellante ao castelán se é que non o é. As actualizacións de léxico non se fixeron ou non triunfaron, e o corpus de palabras, xiros, expresións dun falante de idade nova é patético. Hai filólogos que alucinan coas palabras dos dicionarios e cada falante consciente desta lingua tivo unha gravadora e andivo de recollida. Moi idílico, mais o infinitivo conxugado non se lle pegou tan ben coma a colocación do pronome átono á castelá…

O segundo argumento é que estas mesmas persoas que din que a perda da lingua é irreparable, logo, e atendendo á súa ideoloxía maiormente de esquerdas, definen a nación desde un ponto de vista democrático e non histórico-cultural-decimonónico. Pois ben, desde a democracia a lingua non ten máis valor que a choiva, que sexamos unha zona costeira, cun relevo irregular, casiñas de tella ou pizarra, etc… Ou se está con todo ou con nada. Esta nación existirá sen lingua por máis que lles doa aos do PP e ao Reiniño…

Resumindo, temos unha lingua que vale o mesmo que o “guaje” ou o “ye” dun asturiano. E, crédeme, non é pouco: se queremos, danos un lugar no mundo. Agora ben, non é tampouco máis para a maior parte dos utentes. Deixaremos unha excepción na literatura e nos literatos. A eles, nos próximos anos, lles toca desdialectalizar isto que chamamos galego e que é, coma o Virxilio da Divina Comedia, “unha sombra”. É o que tivo que facer a literatura alemá coa súa lingua despois da Guerra dos Trinta Anos, e que tiveron que repetir despois do nacismo (cóntao ben o Gunter Grass en Encontro en Telgte).

Resulta anecdótico o que ocorre coas oposicións e os exames de galego. O nacionalismo sempre defendeu a idea de que fosen eliminatorios e pretendeu que o pobo se sumase a esta idea con aquilo de que “así non che quitan as prazas os de fóra”. A xente nunca tragou, porque nunca entendeu que os de Pedrafita para alá non teñan nada que ver con eles, que sexan de fóra. Esta é a ideoloxía, e a lingua apoia a diferencia e aos diferentes (existentes que diría Risco) pero, ao resto, que nin lla nomeen. A xenerosidade do pobo galego con España está a proba de bombas. Ese can de palleiro que aspira a poder entrar na casa do amo algún día. (Por certo, falarei outro día sobre a Guerra de Independencia en Galiza despois de ler o libro de Barreiro. O moito que nos axudaron e o ben que nolo agradeceron…sen adxectivos).

Analicemos os grupos de falantes deste país e vexamos que se pode facer con eles:

1. Xente maior abondantísima e completamente diglósica. Para min deixaron de contar hai tempo. Son o silo de votos do PP e defenderían o castelán sempre que este lles mandase. A meirande parte deles descoñecen que teñen unha lingua, onde remata, quen a fala. Desde a óptica lingüística poden morrer.

2. Falantes de mediana idade con fillos en idade escolar de núcleos cativeiros do país. Son coma os vellos, pero en vez de votar pola farola ou a carretilla de grava pensan que son libres e, o que é pior, que teñen unha ideoloxía porque son capaces de enunciar a mítica frase de café: “a min non me parece ben”. Todo o que o PSOE traballou nestes anos está aí reflexado: cada un é libre de escoller e facer o que queira, e non se lle pode coartar. Unha das maiores imbecilidades que pode chegar a pensar o xénero humano, e moito máis nos tempos da era da información. Moitos déronlle a lingua aos fillos por comodidade, porque entre a parella falaban en galego e non ter que cambiar. Pódese, sempre con cautela, invertir algo neste grupo.

3. Os da manifestación. Primeiramente, temos que saber cantos somos. É facil: cada un debería saber que xente coñece que podería estar alí e por motivos diversos non estivo. Eu polo baixo contei dez persoas. Isto é 30000 por dez . Uns 300000 falantes conscientes e cos usos cultos da lingua. Nun país onde a metade ten o pé na tumba non é tan mala cifra. A política é para estes, non para andar facendo proselitismo nos outros que logo nos van botar a cicuta na cervexa. Segregación nas aulas, dereito a unha vida íntegra en galego, etc. E nós, referencia cultural, deportiva, de nivel de vida…deixar dunha santa vez de defender aos pailáns que votan PP e manter un distanciamanto en certo xeito aristocrático. No fondo somos nós os que sabemos inglés, fumos nós os que conectamos a este país con Europa, os universalistas…Isto non o dixo o Callón. Queremos inglés e eu, se houbese unha escola íntegra en inglés ou en alemán, mandaría aos meus fillos, claro que si. Son eles os que van atentar contra o galego coa universalidade de miles dos seus votantes que nunca na vida sairon do país. Eu, co Obradoiro cheo, quero outros discursos, e se hai que contentar a algún acomplexado é mellor que marche.

4. Hai esperanza nalgúns castelanfalantes, e ao mellor moita máis que nos grupos 1 e 2. Eu sei o difícil que é dar un cambio lingüístico unha vez pasada a adolescencia, pois teño xente na familia á que case lle levou dez anos. Cando o conseguiu, afiliouse ao BNG e á CIG. Outros disque van despolitizar… Neste grupo, todos os esforzos. Son facilmente identificables: son aqueles que, falando castelán, cando falan contigo intentan facelo en galego…eu creo que cada día máis.

Hai luz, pero nós somos nós, e non eles. E somos mellores, e non dicíndoo coa boca pequena de facer politiquiñas, senón de verdade.

Eu ben vin estar o moucho
             Enriba daquel penedo
Non che teño medo moucho
Moucho non che teño medo."


xoves, 28 de xaneiro de 2010

Territorialidade, imposición e verdades incomódas

AVISO: Por problemas coa conta de correo de contacto deste blogue vinme na obriga de cambiala por outra. Na descrición do blogue xa esta cambiada. O novo enderezo electrónico é: galizaprimeiro@gmail.com. Se alguen nas dúas últimas semanas mandou algo a conta antiga recomendolle que o envíe de novo a nova conta.
Por outra banda tras fracar miserablemente na conversión dos videos mandados por Xopau, renuncio a subilos. Porén os fans de Xopau están de noraboa. Maña teremos unha colaboración súa.
ANOTACIÓN:
Primeiro de todo recomendo ler este artigo de vieiros como posta en situación do que vou falar.
Nos últimos tempos o novo non son os ataques contra a lingua e a cultura galega senón o roupaxe co que se visten a liberdade e a imposición. Sendo falsos eu atopo que moitas veces non son refutados axeitadamente. Obviamente non me creo na posesión da verdade absoluta e coma sempre o que pretendo co que segue e sumar e non restar, aportar novos argumentos.
Para comezar habería que facer fincapé nun elemento clave que poucas veces se menciona: a territorialidade. Desde a fin do Antigo Réxime e a creación dos réximes liberais primeiro e dos réximes democráticos despois a territorialidade é un elemento clave do mundo en que vivimos. Isto quere dicir que as leis non poden ser persoais senón que están vinculadas a un territorio concreto onde afectan a todo o mundo. Ergo como as leis acoutan que o territorio para o galego é Galicia a liberdade individual non existe para a elección de idioma. De aí arranca a necesidade do PP de trocar as leis e mesmo en mendar a Constitución pois do contrario o seu arrebato anti- todo o que non sexa castelán non se sostén. A liberdade non é mais ca unha mascara habilmente empregada.
Respecto a imposición, temos que partir que esta certamente existe no senso de que todos aqueles que non teñen o galego como lingua nai ven como un fastío o ter que aprender outra lingua que realmente non precisan. En Galicia pódese vivir sen saber galego mentres é imposible o contrario. Este feito é coñecido por todos e mesturado co da imposición e a liberdade empregado como ariete contra nos. Cantas veces non escoitamos en tódolos sitios e de tódalas persoas (mesmo galegofalantes) a frase: Tú entiendes perfectamente el castellano, ¿Por que molestas/insistes/no te da igual? Frase empregada para caracterizarnos como radicais e negarnos o noso dereito o galego. É aí no do dereito individual onde hai que situar a clave das nosas reivindicacións sumándolle o da liberdade. Recorrer os dereitos colectivos é algo que vai en contra nosa. A liberdade dun remata onde comeza a doutro. Polo tanto se somos iguais e a miña liberdade e dereito me garanten o uso do galego, este debe ser real en tódolos eidos. O que inclúe que a outra parte poida usar o castelán sen negarme a min o galego. O que implica que nas administracións publicas se dirixan a min oral e por escrito en galego e que no ensino os demais deban aprender galego non por imposición nin limitación da súa liberdade senón por respeto a miña. De non ser así, se cada vez que me atopo con alguén teño que empregar o castelán si ou si porque o outro amparándose na súa liberdade non aprendeu galego, onde están os meus dereitos? Onde esta a miña liberdade? Por aí é por onde debemos ir. Non podemos deixarlles o monopolio dos conceptos de dereito e liberdade. Conceptos que eles perverten.
As verdades incomodas:
- Feijóo non creou o conflito lingüístico. O conflito lingüístico existe desde o século XIV coa chegada dos primeiros nobres casteláns e os seus séquitos. Desde entón o castelán non fixo mais que avanzar e o galego recuar. A transición e a autonomía non cambiaron ese feito senón que o disfrazaron baixo a falsa aparencia do consenso das distintas leis e planos de normalización. Consenso doado de acadar porque o PP era consciente de que non se ían cumprir e ninguén se ía molestar porque non se cumpriran. Foi ese motivo e non que as leis fosen malas ou insuficientes o que fixo que o galego seguise a recuar. Na situación actual ningún decreto por bo que sexa é garantía de nada, porén non porque a normalización desde o punto de vista do ensino non sexa eficaz senón porque no momento en que podía selo non se aplicou.
-Feijóo sabe ben o que fai. A fin de contas sumou dous e dous e chegou a conclusión que era mellor exterminar o que quedaba de galego e colleitar os réditos políticos, que sentar a esperar que morrera de morte natural como fixera Fraga (Nisto inflúe que Feijóo é mortal non como o León de Vilalba que non pode morrer). Sabe que conta co apoio de todos os descendentes xenéticos ou culturais dos conquistadores orixinais que como todo conquistador non soportan que se poña en dubida o seu dereito de conquista. Ademais da gran cantidade de persoas que tras baixar do monte a cidade desde os anos 50 en diante e mudaron para o castelán coa esperanza de recibir o mana celestial, agora ben como non so non hai mana senón que tal vez todos os seus esforzos foron de balde. A carraxe e a vergoña que aniña nos seus corazóns fai que sexan os mais ultras dos ultras.
- O PSdG non é de fiar, é o elo feble da cadea. Divido entre o localismo e o xacobinismo mais radical, único resaibo de verdadeira esquerda que lle queda, o PSdG esta disposto a deixar a lingua tirada a menor ocasión. So precisa un pacto apañado de mínimos e xa esta. De feito é o que agarda. A fin de contas como forza de esquerdas e polo tanto "internacionalista" dálle igual se goberna Galicia agora ou dentro de 20 anos. Se ademais alguén lle fai o traballo suxo de liquidar o que non lle gusta mellor.
- A nosa propia dispersión xoga na nosa contra. Nun sistema político baseado na territorialidade, unha zona galegofalante de verdade, é dicir que fose consciente da lingua e do que esta significa, serviría tanto como para tentar recompoñer a situación a nivel de toda Galiza como no caso de non ser posible consolidar unha zona propia o estilo do Val de Aran ou as comarcas de Navarra onde se fala éuscara.
Ademais estamos divididos de xeito case irreconciliable entre lusistas e isolacionistas, entre nacionalistas e non nacionalistas, entre dereita e esquerda. Como non espabilemos e cheguemos a un acordo aquí non hai nada que facer.
- Aínda estamos convencidos de que imos gañar o vello estilo. Neste senso concordo cos que din que no fondo GB e o decretazo foron o mellor que nos puido pasar porque nos espertou desa idea de que todo ía ben e xa estaba gañado. E obviamente non so non estaba feito nin esta gañado. E temos que gañar dun xeito distinto.
Non imos conseguir botar para atrás o decreto e aínda que así fose este non garante nada. Temos que asumir que non imos voltar a ter unha Galiza monolingüe en galego. Temos que asumir que non nos imos quitar o cualificativo de radicais/perigosos/intransixentes na vida. E por riba de todo temos que asumir que se queremos salvar o galego mais aló dunha lingua de museo, o que eu me refiro con gañar, temos que ser capaces de artellar un mundo en galego con ou sen as institucións.
Aquí remato, animo a ler maña a colaboración de Xopau que clarifica o que eu esbozo aquí.
P.D: na ligazón unha mostra da pluralidade informativa da auspiciada pola Xunta.(Nota_CPI_Tomás_De_Lemos)
A mesma anotación en Galizauberalles

mércores, 27 de xaneiro de 2010

¿Alberto Núñez Feijóo, héroe de la patria?

Alberto Núñez Feijóo, presidente de la Junta de Galicia, vencedor de las hordas coaligadas de rojos, separatistas y masones en las elecciones al parlamento de Galicia de marzo del 2009. Vencedor en definitiva de los ¡liberticidas! da muestras de debilidad que impiden considerarlo un héroe de pleno derecho. No hay evidencia más clara del clima de postración moral que vive España, un síntoma más del evidente proceso de desintegración que sufre la nación española y la democracia que un político que tanto prometía ceda a la  estrategia de la imagen instaurada por el zapaterismo.  Pese a todo  aún mantiene cierta coherencia y ha dado algunos pasos en el buen camino (1,2) . Si persistiera en esta actitud y no en la debilidad sí que sería un político digno de liderar el renacimiento moral y político que ESPAÑA necesita.





Buff, credes que despois disto podo fichar por intereconomía ou liberdade dixital?

Que panda de... quedo sen palabras.
Aqui en Galizauberalles.

martes, 26 de xaneiro de 2010

Un pouco de humor.


Aqui non hai puntualizacións como en Galizauberalles, por que o comentario de duar esta na anotación do cambio de aspecto.

luns, 25 de xaneiro de 2010

Da folga do 21


Falar da folga e da manifestación do 21 implica estar a medio camiño entre a ledicia e a tristura. O primeiro polo exito de ambalas dúas e o segundo porque, ademais de non cambiar nada, manda carallo! o que temos que facer no noso propio país pola nosa propia lingua.
Respecto as analises e novas relacionadas aqui unha selección de como se deu a noticia por aí adiante. E agora unha selección de distintas reaccións e analises:
http://atrenza.blogaliza.org/2010/01/21/feijoo-humillado/
http://xmeyre.blogaliza.org/2010/01/22/onde-demostro-que-o-pp-esa-panda-de-burranzologos-nin-sabe-sumar/
http://cafenatrincheira.trincheradigital.com/?p=1026
http://cafenatrincheira.trincheradigital.com/?p=1032
http://cafenatrincheira.trincheradigital.com/?p=1036
Podería seguir porén remato con dúas analises que me gustaron especialmente: unha da furada do trasno, e outra de feijoomente. As dúas fan fincape en como podemos ter exito nas mobilizacións sen que nada cambie e Feijoo siga adiante e disfrutando desa aura de centrismo da que presume. Eu concordo plenamente con esas analises. Sobretodo estando nun centro no que so fumos a folga o 35% dos profesores, mais que os catro gatos mal contados que nos posicionamos de comezo, e un exito rotundo segundo un compañeiro tendo en conta a composición do claustro.  E xa que falamos do claustro hoxe tocou un para ver que alegacións se ían presentar o decreto na reunión de mañan coa Consellería. Falaron catro persoas. Un profesor contra a imposición do galego. Outro a prol de potenciar o inglés (para máis inri o encargado de normalización, caeulle o posto para completar horario). Unha profesora de galego para defender o obvio a volta o decreto anterior ou de elaborar un novo que siga as mesmas bases do anterior. E eu, que falei para apoiar a compañeira de galego e para no caso de que se empeñen en seguir con este que fagan o seguinte:
- 50% mínimo de materias en galego como lingua minorizada.
- Os pais non teñen nada que dicir sobre a lingua das materias. Iso so crea conflictos e complicacións administrativas. Corresponde a Consellería elaborar unha lista de materias en cada lingua.
- O s rapaces deben empregar de forma oral e escrita a lingua na que se imparte a materia pois do contrario non acadaran a debida competencia lingüística.
- E por último, se a Consellería persiste no do menú a carta para pais e alumnos, que os profesores tamen poidamos escoller lingua.
Como vedes vou facendo amigos ala por onde paso. En fin,isto vai para longo. De momento animo a todos.


 P.D: Teño pendentes dous videos de Xopau, que foi a manifestación, sobre o Obradoiro "cheo de peregrinos". O quid da cuestión é que consiga convertelos a un formato que sexa compatible co blogue.


Aquí en Galizauberalles