mércores, 20 de outubro de 2010

Petición de Axuda fronte a GB, e ciencia en galego.

Petición do colexio de Cuntis ante os ataques e mentiras de Galicia Bilingüe:
- Manifestedes a vosa solidariedade nos comentarios ao comunicado no blog
- Reenviádelle o enlace e a petición de apoio aos vosos contactos.
Unha aperta moi forte e moitas grazas, por aquí de momento estamo tranquilos.

E ciencia en galego:

Prezados/as amigos/as,
A CGENDL convídavos a sumarvos dende os vosos centros á Xornada pola Ciencia en Galego, unha xornada que, en colaboración cos colectivos de docentes de matemáticas, ciencias e tecnoloxía e outras entidades, se dirixe dende o ensino a toda a sociedade co obxectivo de expresarmos que o galego é unha lingua adecuada para a transmisión do coñecemento científico e tecnolóxico e para divulgar experiencias científicas escolares pensadas e desenvolvidas en galego.
A xornada celebrarase o próximo xoves 4 de novembro e vós, o profesorado, xunto co voso alumnado, podedes participar organizando libremente unha actividade de divulgación adaptada á vosa realidade e aos diferentes niveis educativos. Trátase de transmitir ao alumnado e ao seu contorno os obxectivos da xornada cunha clase divulgativa que, segundo as posibilidades de cadaquén, pode desenvolverse na aula, no salón de actos ou no patio, e mesmo fóra do centro para quen poida cooordinarse con outros centros.
Atoparedes máis información na páxina www.coordinadoraendl.org/cienciaengalego, que se actualizará con información sobre o desenvolvemento da xornada, propostas de actividades, etc. Dende este web, xa podedes descargar e imprimir o cartel do evento (formato PDF e con espazo para inserir o logo do voso equipo e centro) e cubrir o formulario de participación, que permitirá compartir as vosas ideas con máis centros de toda Galicia.
Enviámosvos nos arquivos anexos unha descrición máis detallada da iniciativa e o cartel (formato imaxe).
Saúdos normalizadores
Consello Directivo
CGENDL
Formularios para adherirse á CGENDL como equipos ou docentes colaboradores/as:
 
 
 

martes, 19 de outubro de 2010

O Modelo Burela triunfa no altar


Bernardo manda isto sacado da Coz para que non todo sexan malas novas:

9/10/2010

A parella de bureleses formada por Zahara Peinó e Fernando Eijo casou onte segundo o ritual das vodas de antano e coa lingua e a música galega como actores destacados
A igrexa parroquial parroquial burelense acolleu onte unha voda feito seguindo os parámetros do Modelo Burela. A cerimonia foi un éxito rotundo e tanto a parella, formada polos burelenses Zahara Peinó e Fernando Eijo, como os convitados gozaron dun rito moi ben preparada e que se saíu dos parámetros habituais.
Os mozos foron ataviados cun traxe tradicional galego preparado especialmente para o casamento e, como é tradición, a noiva fixo esperar na igrexa un bo tempo ao seu prometido. Xunto a eles, tamén portaron esta vestimenta os padriños, os nenos das arras e moitos dos convidados, ademais dos músicos da Banda de Gaitas Dambara, á que pertence Zahara.
A intención da parella é que a voda foise moi participativa e abofé que o conseguiron, gracias tamén á participación do párroco Ramón Marful, que colaborou en que a cerimonia gañase en espontaneidade. Ata cinco persoas (o director da banda, amigos e familiares) leron durante a misa e os convidados pouco tardaron en romper a aplaudir estas intervencións, cargadas todas elas de emotividade.
Tanto na misa como no banquete, a música tradicional galega e a lingua do país tiveron un papel preponderante, xa que tanto os aspectos propiamente litúrxicos como aqueles outros que engloba un casamento foron recitados en galego.
No apartado musical sobresaíu unha composición interpretada a dúas voces de xeito maxistral por Guillermo e Elia, o arranxo do canon de Pachebel para gaita e O meu amor , unha peza tradicional da illa lusa de Madeira cantada a capela e que serviu de despedida.
Á saída da cerimonia, no adro do templo escenificouse unha regueifa bailada, a cargo de dous solistas.



venres, 15 de outubro de 2010

De como vai isto

A anterior foi a última das semanas tematicas que tiña preparadas. Cando volva a ter tempo e material acumulado volvera a habelas. Mentres o blogue actualizarase os Martes coa Fonte externa, os Mercores cos avisos e anuncios e ao mellor se teño tempo os venres con algo de elaboración propia. Por outra parte dado recentes problemas co Spam vinme obrigado a volver a subir a forza do sistema anti-Spam. Aviso por se volve a dar problemas cos comentarios como ocorreu o ano pasado por estas datas.
Lembro o enderezo de contacto do blogue: galizaprimeiro@gmail.com



mércores, 13 de outubro de 2010

Implicadas, Queremos galego e Converxencia XXI

A asociación Implicadas dende o mes de outubro de 2010 ata o mes de xuño de 2011 levara a cabo a campaña 1 de 200 que se centra en dar visibilidade ao problema do infanticidio feminino na India, máis en concreto no distrito támil de Salem onde cada ano 200 nenas son asasinadas polas súas comunidades nunha forma extrema de violencia de xénero.
Son numerosas as accións que inclúe acampaña, da cal vos podedes informar en www.200implicadas.com ou en http://1de200.blogaliza.org/
  


  - CIRCO DA LINGUA.
Soutomaior 16 de outubro.
concertos, actividades para nenas e nenos, feira do libro, espectáculos de todo tipo...
Podes ver o cartaz en http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/home
e o programa en http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/actividades-2
- PEREGRINAXE POLA LINGUA.
Unha outra maneira de loitar contra o decretazo.
Desde Ourense a Santiago en catro etapas os domingos 10, 17, 25 e 31.
Programa en:http://sites.google.com/a/queremosgalego.org/queremos-galego/actividades-2



CONVERXENCIA XXI


Os días 1 e 2 deste mes tiveron lugar dous acontecementos de moita relevancia para a historia do noso movemento político e ideolóxico.

O día 2 de outubro celebrouse o noso I Congreso, onde se aprobaron unha nova versión dos estatutos e saiu elexida por unanimidade unha nova executiva que sustituia á interina, que exercia ata a data, tamén foi elexido como Secretario Xeral o fundador do partido e Secretario Xeral interino ata o congreso, Carlos V. Padín.


O día anterior, o primeiro de mes,  a GALIDEM foi admitida como membro do ELF, en reunión celebrada no Parlamento Europeo, é a primeira vez na historia de Galicia que un Laboratorio de ideas logra a sua homologación internacional.








martes, 12 de outubro de 2010

Unha nación hai 500 anos?

Para celebrar o 12 de outubro como merece deixovos cun texto sacado de Xornal de Galicia:


Xosé Mª Lema
Catedrático de Historia
26-07-2010
"O presidente da Xunta de Galicia, na súa liña de facerse querer nos círculos madrileños que tanto frecuenta, acaba de pontificar que a nación española xa estaba conformada hai 500 anos. É dicir: cos Reis Católicos. ¡Home!, iso era o que afirmaba a Enciclopedia Álvarez de Ed. Miñón (Valladolid, 1963), da miña infancia, que tamén definía España como “una unidad de destino en lo universal” e contiña gloriosas biografías de José Antonio, Ramiro Ledesma e Onésimo Redondo. Non sei se o “noso” presidente, como na lingua, tamén pretende volver ó franquismo na interpretación da Historia de España, pero teño para min que tal visión está hoxe máis que desprestixiada, e el, como presidente de Galicia, debera estar algo máis informado. De primeiras, facerlle saber que o termo ‘nación’ tal como el o entende (=Estado), naceu coa Constitución francesa de 1791 e entrou coa de 1812 en España, e aplicalo a finais do século XV é un anacronismo impropio dunha persoa da formación que a el se lle supón. Copio dun manual escolar de Historia de España –autorizado pola Xunta de Galicia (espero que non o censure ou prohiba, tamén)– no tocante á unión dinástica dos Reis Católicos: “En 1469 tivo lugar o matrimonio de dous príncipes: Isabel de Castela e Fernando de Aragón. Isabel accedeu ao trono de Castela en 1474 e Fernando herdou a Coroa de Aragón en 1479, pero a unión das dúas Coroas era unicamente un vínculo persoal e dinástico, non se fusionaron os territorios. Cada unha das Coroas mantivo a súa personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas”. Un “vínculo persoal e dinástico”, ollo; é dicir, que Isabel só mandaba en Castela e Fernando só en Aragón (o ‘tanto monta’ ía por outro lado); cada Coroa coas súas cortes, leis e idiomas: todo ben parecido a un Estado confederado, que respondía máis á verdadeira tradición española do pacto fronte ao centralismo que despois se impoñería cos Borbóns no século XVIII en base ós modelos franceses (¡vaia paradoxo!). Tan por libre se gobernaban as dúas Coroas que Castela se reservou para si a conquista e colonización de América en exclusiva, apartando dela os súbditos da Coroa de Aragón. Tan por separado ían que, tras a morte de Isabel (1504), mentres a súa filla Juana pasou a reinar en Castela, Fernando seguiu sendo rei de Aragón ata a súa morte (1516), tendo tempo de tomar nova esposa (Germana de Foix) e ter un fillo dela: se este non morrese sería o herdeiro da Coroa aragonesa, e a ver onde quedaba entón esa flamante nación española de hai cincocentos anos.
Os Austrias tamén foron respectando cos seus máis e os seus menos esa especie de confederación das dúas Coroas, que, coa incorporación de Portugal (1580) con Filipe II, se converteron en tres. E agora unha dúbida que me asalta: ¿cal era máis “nación” española: a dos Reis Católicos de hai 500 anos sen Portugal ou a de Filipe II de hai 400 co territorio peninsular completo? Por certo, que Filipe II, segundo historiadores portugueses coma A. H. de Oliveira Marques, respectou de maneira aceptable as cortes, leis e idioma de Portugal sen tentar castelanizar este reino (tome nota, señor presidente), como tamén o fixo o seu sucesor Filipe III. A continuidade da unidade peninsular frustrouse sesenta anos despois cos intentos centralizadores de Filipe IV, engaiolado polos cantos de serea do Conde-Duque de Olivares, o seu valido: “Quero dicir, señor, que non se contente con ser rei de Portugal, de Aragón, de Valencia, conde de Barcelona, senón que traballe e pense como reducir estes reinos de que se compón España ao estilo e leis de Castela sen ningunha diferenza, que se a Vosa Maxestade alcanza, será o príncipe máis poderoso de mundo”.
Nin que dicir ten que este intento centralizador provocou en 1640 unha rebelión xeneralizada, e non só Portugal e Cataluña se ergueron na procura da súa independencia política, senón tamén Andalucía, Aragón e Navarra. ¿Quen son os verdadeiros separadores, señor presidente? Portugal recuperou a súa independencia en 1668 e desde aquela, temeroso do ‘imperialismo castelhano’, endexamais quixo saber nada de novas tentativas de unión peninsular. Cataluña non se independizou, pero quedou ferida e desconfiada de Castela ‘for ever’; en 1714 impoñeríase alí pola brava o centralismo castelán seguindo modelos que os Borbóns traían de Francia. En fin, mágoa que o ‘noso’ presidente aínda teña na mente un clixé tan anticuado como enganoso da Historia de España: visigodos >> reino de Castela >> España. Todo o que se aparte desta liña recta cualifícase de separatismo. Seguimos aínda sen aprender da Historia e repetindo os mesmos erros: o centralismo intransixente de certos partidos e dirixentes acaba por provocar o efecto contrario. Hai uns días, no Congreso dos Deputados, o señor Durán i Lleida (CiU) advertía do mal que lle estaban ocasionando a España os centralistas separadores; se o ‘noso’ presidente lese o Sempre en Galiza, comprobaría que Castelao xa fixera esa advertencia setenta anos atrás."