mércores, 29 de febreiro de 2012

De todo un pouco

Imos con varios anuncios:
- Público pechou a súa edición en papel. De momento sobrevive a versión dixital. Se a iso lle sumamos a absorción de "La Sexta" por Antena3, que se fará efectiva en Xuño, o frente mediatico progresista ou progre queda reducido a "El País" e a SER.
- Hoxe nace Dioivo novo dixital en galego. Que teña sorte!
- Converxencia XXI informa: A Conferencia Política que terá lugar o vindeiro sábado 3 de marzo no Centro Sociocultural de Conxo, Santiago de Compostela, terá coma obxectivo fixar uns posicionamentos políticos específicos en diversos eidos.

Os relatorios presentados por diferentes afiliados de Converxencia XXI, que poden ser emendados e serán sometidos a votación na Conferencia, versan sobre os seguintes temas:
- Os principios liberais da nación aplicados a Galicia
- Política enerxética
- Protección social
- Cultura
- Relacións internacionais
- Universidade
- Política agraria
- Reforma administrativa para Galicia
- Política ambiental
- Política no ensino
- Sanidade
- Urbanismo
- Deportes e política deportiva
- Hoxe fai tres anos da desfeita do 1 de marzo do 2009. Si, non estou errado, como este ano é bisesto o 1 de marzo desprazase un día co que non corresponde co cabodano. Non creo que se poida dicir máis do que xa se leva dito, aquí e noutros sitios. Como reflexión so podo engadir que o segundo mandato de Feijoo vai ser moito peor, sobretodo se a desfeita da oposición combinada con D´Hont fanlle chegar os 50 deputados que precisaría para "reformar" o estatuto el so. Perspectiva que pode pasar. A fin de conta por aí andaBeiras dicindo que as eleccións non son unha prioridade para el e os que se unan a el. Xa o vexo poseído polo extase "perroflautista" chamando a abstención. En fin cousas veredes. Como un cento de partidiños novos. Os ruxe-ruxes din que ao mellor ata se anima Cuiña Jr.
- Como veríades isto vai moi despazo nas súas actualizacións. Ben o quid é que eu, Lannister, non estou tendo tempo, xa que este curso esta sendo "peculiar", como tampouco vou telo no futuro xa aviso que eu limitarei a manter activa a sección de avisos e dúas anotacións: a de San Patricio e a despedida de curso. Quen queira colaborar xa sabe: galizaprimeiro@gmail.com Iso si quen mande  cousas sepa que as publicarei cando poida: retrasos de entre unha semana e dez días poden ser habituais.

Un saúdo os que seguides a pasar por aquí.

martes, 7 de febreiro de 2012

E de quenes estamos a falar?

Ao fin parece que os do Encontro Irmandiño van marchar este domingo, ou non? A estas alturas un xa sabe se están de troula ou simplemente non teñen nin idea de nada. Para aclararnos un pouco as cousas Xopau fai un Quen é quen do BNG. Certo que estaba pensado para a semana pasada de aí o comezo do texto, e certo tamén que esquece o PNG-PG o único representante da dereita dentro do BNG, porén o que di segue sendo válido. No caso do PNG-PG tampouco importa moito, leva anos sen facer máis cousa que existir e servir de argumento para xustificar que o BNG é a casa común do nacionalismo. Por certo eles tamén están pensando en marchar. Respecto o do PSOE só podo dicir que todo segue o guión previsto fai moito, sen que a labazada do 20 N, maior do previsto, cambiase nada. En fin deixovos con Xopau. Dado que a anotación é moi longa poñovos o pdf para que o descarguedes.quenestnobng-120130152818-phpapp02

Tamén en Galizauberalles

venres, 3 de febreiro de 2012

O que esconden as cifras da EPA

Heder envíanos unha anotación que nos axuda a comprender mellor a realidade escondida tras a cifras da EPA. Por certo, e antes de deixarvos con Heder, outra cifra económica: o IPC ou inflación acumulada do periodo 2000-2010 foi do 31,8% para que despois digan que os recortes dos soldos non son para tanto que temos unha inflación moderada. Sen máis, Heder:

"Creo que resulta interesante saber qué significa exactamente ter unha taxa de paro do 21.52% e case cinco millons de parados según a enquisa de poboación activa ( que é de onde se quitan as cifras oficiais).

 O punto que precisa aclaración é qué estamos contando como parado. Moita xente pensa que os datos de paro se refiren ao paro rexistrado (persoas inscritas como demandantes de emprego) ou incluso a persoas en idade de traballar que non teñen un contrato oficial. Quenes así pensan, cren que habería que descontar destas cifras de desemprego as persoas que traballan "en negro", sexa en traballos por conta allea sen contrato, sexa en pequenas actividades autónomas (clases particulares, limpezas en fogares...).

 Pero a enquisa de poboación activa non se refire a ningún destes dous conceptos cando fala de persoas desempregadas. O regulamento que define o concepto de desemprego é o seguinte:
http://www.ine.es/epa02/reg1897_2000.pdf

Compre salientar algúns puntos clave deste regulamento:
1º- Para estar desempregado non é requisito estar rexistrado como demandante de emprego.
2º- Os tres requisitos que se deben cumplir son:
* Non ter traballado nin sequera 1 hora a cambio de remuneración en metálico ou en especie durante a semana anterior á de referencia ( se traballas 1 hora e te dan algo a cambio estás ocupado)
* Ter feito algunha xestión activa para buscar emprego nas últimas 4 semanas ( renovar a inscripción na oficina de emprego NON é unha xestión activa, e as persoas que non fixeron xestions de busqueda nas últimas catro semanas son inactivas)
*Estar dispoñible para empezar a traballar nun prazo de 2 semanas ( as persoa que por responsabilidades familiares, estudos, incapacidade transitoria ou calquera outro motivo non poidan empezar a traballar como máximo en 2 semanas son inactivas)

Observemos que as preguntas refírense á realización de traballo e non ao feito de ter un contrato. Contra o que moitas persoas pensan, en xeral os informantes SI recoñecen ter actividades polas que non cotizan e incluso ter empregos por conta allea sen contrato.

Por todo o anteriormente dito, as cifras de desemprego no caso do estado español son absolutamente dramáticas, xa que habería que engadir a elas para ter  o número de persoas que desexan traballar e non poden a aquelas que estudan para tentar ter un traballo, as que están enfermas no momento da enquisa, as que levan tanto tempo buscando que  nas últimas catro semanas non fixeron ningunha xestión de búsqueda, as que realizan pequenas actividades remuneradas claramente insuficientes para vivir, as que se encargan do coidado de familiares e non poden empezar a traballar ata buscar a alguén que os sustitua...

A maioría destes datos están dispoñibles cos resultados completos da enquisa de poboación activa, que, ademáis da taxa de paro, aporta moitísima información sobre o mundo laboral. Recomendo por tanto non quedarse cos titulares dos periódicos e buscar os resultados completos ou, incluso, os microdatos, que están dispoñibles na web do ine no seguinte enlace.
http://www.ine.es/prodyser/micro_epa.htm
O primeiro enlace da páxina explica a grandes rasgos a metodoloxía seguida e as definicións utilizadas, polo que recomendo encarecidamente a sua lectura antes de facerse unha idea dos resultados."

martes, 31 de xaneiro de 2012

O tres en raia ou as catro esquinas?

E pasou a feira e todo segue igual. Quen lea as reflexións da prensa escrita, papel  ou dixital, escoite os programas de televisión… sacará en limpo que a U volveu gañar e segue a ser moi mala e abraiarase da atención mediatica cara BNG fronte o silencio habitual, iso si o ton despectivo e manipulador segue omnipresente. A única nova que se sae do guión é a que fala da tricefalia imposible: Aymerich, Jorquera, Vázquez. Eu que podo dicir? Creo que atinei bastante o venres, non era difícil. Por outra banda concordo no da tricefalia que pode pasar a cuarteto se incluímos a Beiras volto a cargo institucional e coa bala de prata de marchar na recamara sen atreverse a disparala. Eu espero pouca cousa. Ningún dos catro me gustaba antes da Asemblea e despois da Asemblea non cambiei de opinión.  Coma sempre quédame a sensación de que os da U son uns resesos e ao mesmo tempo os únicos que teñen un proxecto nacionalista e son de fiar. Para a minoría que coma min se define en primeiro  lugar e ante todo coma nacionalista chega. Para a inmensa maioría dos votantes do BNG que son de esquerdas ante todo non. Imos mal. Podemos esperar algunha mellora? Iso depende das ilusións de cada un, eu non espero ningunha. Porén do mesmo xeito que o venres dicía cal sería o resultado que a min me gustaría agora elucubro sobre o que podería saír dese cuarteto se… vivísemos nun mundo de fantasía e ilusión:

-    Vázquez debería montar nun coche e comezar a percorrer cada recuncho do país de agrupación en agrupación. A campaña das autonómicas comezou o 21 de novembro do ano pasado e hai moito que facer. Reconstruír o partido e darlle pulo en tódolos lugares de Galiza debería ser o seu traballo desde xa.

-    Jorquera debería dimitir en Madrid e montar noutro coche para percorrer o país. Porén el non debería ir a ver os do partido, el debería falar con todos os que están fóra. Asociacións de veciños, de empresarios, xente nas feiras etc. Hai que escoitar, que falar e non prometer imposibles. E por suposto nunca debería coincidir no espazo con Vázquez.

-    Aymerich debería aceptar que o seu tempo xa pasou e lanzarse a xugular de Feijoo en cada intervención parlamentaria. As súas mensaxes deberían ser unha corrente de transmisión da dos dous anteriores.
-    Beiras debería ser un comodín dos dous primeiros e aproveitar o seu carisma para tentar recuperar os que marcharon ou nunca estiveron.

Por suposto os catro deberían estar coordinados coma un reloxo de precisión tanto nas verbas coma na posta en escena. E nunca coincidir no espazo salvo para momentos realmente importantes. Por que? Catro voces falando en catro lugares distintos máis dicindo o mesmo reforzan a mensaxe cubren espazo e obrigan os medios a tratar o tema. Claro que todo isto é ficción como o era a miña idea de Asemblea.

Remato cunha cousa que me abraiou do resultado da Asemblea, o ruxerruxe sobre se algúns máis centristas estarían dispostos a fundar un partido de dereitas. Sería a parvada definitiva, xa temos cinco partidos de dereita nacionalista. Se de verdade viron a verdade tras anos de” Galiza ceibe, poder popular” que non mareen máis: o que buscan xa existe, chamase Converxencia XXI.

Tamén en Galizauberalles

venres, 27 de xaneiro de 2012

Resesos e perroflautas

A verdade é que estiven pensando moito tempo se ía escribir esta anotación, e no caso de facelo que que ía dicir que non se teña dito xa. En fin alá vou e perdoen os lectores pola reiteración de contidos. De feito para complementar o que segue recomendo ler (1,2) anotacións anteriores que tratan aspectos do mesmo tema: a Asemblea do BNG e que vai saír dela.

Desde outubro de 2010 ata hoxe tiven a oportunidade de falar con moitas persoas do BNG. Persoas que eran simples militantes de base e que pertencían na inmensa maioría dos casos o colectivo máis numeroso de todos, os non adscritos a sigla ningunha. Ademais había tamén xente da UPG, non atopei ningún Irmandiño, nin de Máis Galiza. O que indica simplemente a correlación de forzas nos lugares nos que me movín, que ninguén saque conclusións erradas. A todo iso debo sumar unha lectura atenta de moitos artigos, desde os de “La Puta Coz” os desaparecidos “Galicia Hoxe”, “Xornal de Galicia” e un bo feixe de blogues.

O trazo común de todo o anterior pode resumirse en dous conceptos: refundación e todo é culpa da UPG. O problema, ao meu modo de ver, é que por moito que se esforcen todas as fontes só transmiten unha loita polo poder. Das miñas conversas cos non upegallos non saquei ningún proxecto en limpo máis aló de que é preciso acabar co mandato da UPG. As razóns para elo foron sempre “así non se pode seguir”. Ante a miña pregunta de si tan claro o tiñan porque non daban derrotado unha organización que pese a ser maioritaria non o é en termos absolutos, a resposta foi : “ti non sabes como son os da U”. O pedir máis aclaracións os interlocutores explicáronme cousas como as seguintes:
é que os da U van sempre as Asembleas, a todas, e votan sempre
os da U cambian a data da Asemblea para cando temos outros compromisos etc.
Referíanse a Asemblea local e o compromiso que lle impediu ir votar foi levar o fillo o partido de fútbol. Resultado, de  10 membros (cifra ficticia para reflectir a composición no lugar onde me falaban), foron votar os 4 da U e 2 dous outros. Os derrotados, enfadados “por que ti non sabes como son os da U” non fixeron campaña nas locais e mesmo algún segundo os rumores a fixo a favor da lista do PSOE.

Se nos cinguimos as novas dos media o máis parecido a un proxecto alternativo é o dos Irmandiños, volcados nunha especie de “perroflautismo” que non é máis que o mesmo da U porén acaído os novos tempos e moi enfadado porque os da U gañan as Asembleas.

Pola contra cando falei cos da U estes si estaban organizados, e contaban/contan cun proxecto claro: o dos anos 70. Vamos reseso de todo. Ademais claro de estar fartos de que os demais lles boten a culpa de todo, cando a hora da verdade son eles cando acaban facendo todo o traballo.

E así estamos desde o 2001. Polo tanto eu non espero nada da Asemblea. Sobre todo porque non vai pasar o que eu considero clave: distinguir entre os problemas do nacionalismo e os da estrutura do BNG.

Do primeiro, alén de que está claro que nacionalistas hai poucos e que a maioría dos votantes do BNG son de esquerdas e non nacionalistas pouco máis podo dicir. Precísanse mentes máis brillantes ca miña para tentar atopar solución.

Respecto o segundo para min a solución sería unha refundaición de verdade: deixarse de caralladas resesas e “perroflautas”e partir de 0. Desde a UPG aos Irmandiños todos os partidos e correntes de opinión deberían disolverse e integrarse nun BNG que, agora si, fose un partido. Recoñecer que ó ser un partido de esquerdas é imposible que sexa a casa común do nacionalismo e polo tanto tender a man, de xeito simbólico, a que alguén faga un partido forte que sume pola dereita. Deixar o proceso Asembleario que so serve para unha eterna guerra de puñaladas polas costas e para atrasar a toma de decisións nun contexto, o da democracia mediatica na que vivimos, que precisa golpes de efecto e reaccións rápidas. E por último, e so por esta vez o tratarse dunha refundación, unhas primarias para escoller candidato a Xunta  e Voceiro. Primarias o estilo americano no que o primeiro paso sería agrandar o censo de participantes. Cunha campaña intensa e prolongada por cada vila do país, aberta a todos e con debates (a ver se así saía un proxecto) . Nin que dicir ten que non vai pasar nada do dito.

Entón podemos augurar calquera destas cousas:
A U gaña coma sempre e os outros seguen co de “ti non sabes como é a U”, porque marchar non van marchar.
Gañan os outros e invértense os papeis coa U adicándose a torpedear canto fagan os novos. (Por certo, para min estaría perfectamente lexitimada tendo en conta o que leva aguantado desde o 2001)
Gaña a U e os outros por fin liscan. Para min o mellor resultado posible. Desde o 2001 mantense a unidade como un fin en vez de como un medio. O obxectivo ter máis vixiados os inimigos. Igual o romper uns e outros pensan nalgo máis que nas siglas e nas persoas e sacan un proxecto que mereza a pena.



Tamén en Galizauberalles