venres, 9 de outubro de 2009

Algunhas claves para o futuro do nacionalismo ???

Colaboración de Xopau

"Despois de case 20 anos de definirme como nacionalista galego hai cousa de dous ou tres deume por plantexarme a/as gran/des pregunta/s: como entrei nisto, cando e para que? Estas preguntas só as fai unha mente forxada no marco ideolóxico do cristianismo ao que, evidentemente, non renuncio. Son, claro está, preguntas finais e, como tal, teñen difícil contestación. Moitas persoas negarán mesmo a necesidade de facelas pois a ideoloxía debe ser dialectica e respostar a cousas máis concretas e atrapadas nun tempo determinado.

Todo este cuestionamento acrecentouse e medrou en tempos do bipartito e sobretodo coa posterior derrota e traduciuse noutra cuestión tanto ou máis difícil que se podería expresar como segue:a conciencia crítica permanente que comparto con moita xente do meu ámbito ideolóxico pode realmente ser traducida a algo coerente e positivo. Ou dito doutro xeito: é posible articular un discurso alternativo ao do BNG, sexa este alternativa ou simplemente transformación?

Esta colaboración é unha reflexión que se move entre o puramente ideolóxico e cousas máis ou menos concretas. Non é algo axiomático e pechado senón que busca ser contestado, modificado,… e de aí o titulo interrogativo.

A primeira necesidade que parece ter o nacionalismo é a de teorizar. As teses levan anos estancadas con xente que anda regalando libros dos anos 70 aos seus amigos polo aniversario (de Lôpez Suevos, O Atraso económico…) e os que defenden unha burocratización permanente e unha resposta nacionalista que non soborde nunca o cotidiano. O movemento que nos últimos anos se operou nos partidos estatais creando as súas respectivas fundacións e fábricas de ideas debería chegar como xustificante da necesidade de crear algo parecido.

Se se analizan as causas da desteorización do nacionalismo un encontra algo que, senón é, parécese moito a MEDO. É normal nun partido que aglutinou xente tremendamente dispar, que non se queira preguntar á militancia por un proxecto común a longo prazo. Xa chega coas loitas intestinas entre a UPG e o resto (que dito sexa de paso eu vexo como teóricas e non como a loita entre corruptos e decentes que é o que pretenden estes últimos). Por outra banda defendo que, se a militancia se fai as preguntas coas que comecei este artigo, o 80% descubriría que non é nacionalista. Alguén se pode preguntar quen son eu para dicir que é nacionalimo e quen é nacionalista. Ás veces as cousas definense mellor pola vía da sinxeleza: xente de procedencia ideolóxica diversa que antepoñan a todo iso a idea de Galiza. Así o definían os do Partido Galeguista e a min segue chegándome. O 80% ten unha prioridade clarísima e irrenunciable que non é Galiza: proletariado, muller, ecoloxismo,… Obviamente o nacionalismo ten que beber destas ideoloxías pero nunca deberían ser as rectoras da loita política. Con certa dureza e sendo unha das miñas teimas persoais: o nacionalismo debe buscar os votos desta xente pero nunca a militancia activa ( foron en parte os que colaboraron a afundir o bipartito). Máis duro aínda: a esquerda universalista-españolista non pode seguir usando os mecanismos credos polo nacionalismo para militar nas súas ideoloxías sen ningún tipo de pensamento de país nen compromiso con el.

Na liña do que estamos a expoñer compre explicar á militancia que a revolución non vai chegar e que o nacionalismo galego concretado nas siglas dun partido aspira a gobernar coas miserias que isto supoña. En relación a isto o BNG non pode seguir sendo unha vangarda permanente da esquerda en loita diaria consigo mesmo. Da miña estadía en Compostela saín coa idea de que D. Manuel Fraga era un santo comparado coa xente coa que tiñamos que lidar diariamente nos círculos nacionalistas. En consonancia con isto, e sendo ou non verdade, sería necesario potenciar entre a militancia a idea de que se un movemento non se consolida despois de 100 anos de existencia a culpa é en exclusiva del. Vivir co balón permanentemente en teito alleo non axuda a mellorar. Por outro lado a oposición pode e debe criticar o que fai o goberno pero non crelo individualmente. O 90% dos nacionalistas cren que o PP fai TODO mal e isto danos un ton de iluminados que está en relación directa cos nosos fracasos electorais.

A teoría fixa ideas e encadea, algo que pode non ser moi positivo. Teño en mente o tema das piscifactorías, esas que desde Castelao no Sempre en Galiza o nacionalismo se encargou de ir metendo á xente polos ollos. Meteullas polos ollos cando pescaba todo o mundo e sácallas dos ollos cando a pesca tradicional está en crise e iso por que xa estamos noutro lado: no ecoloxismo Post-Seattle. Hai que apeitar con certas ideas que se defenderon e moito máis se a palabra TRABALLO anda polo medio. Temos todo o dereito do mundo a equivocarnos e a facer algo mal sen que isto sexa a encarnación do MAL, que son cousas diferentes.A militancia do PP e o PSOE MILITA moito mellor que a nosa.

O punto anterior garda unha certa relación co tema do nacionalismo snob compostelano. Cómpre caer na realidade, sair de Compostela, vivir nos sitios e coñecelos. Vamos a Santiago os nacionalistas de aldea cando estamos depres coma os cataláns van a Andorra pero a realidade non é esa. Temos unha brecha que pechar entre o nacionalismo compostelán e o de Vigo e o resto que estamos no rural. Se o nacionalismo dera para atrais unha piscifactoría no meu concello de tres mil habitantes eu botaría meses sen atreverme a saír da casa. Somos moi poucos, a xente sabe quen somos e é tremendamente inquisitiva. A xente normal é inquisitiva na medida en que é analfabeta. O tema pode explicarse pero necesitaria un mes cun auditorio atento. Por outra banda isto afecta a toda a ideoloxía nacionalista: ao non ser un sentimento vivo na xente necesitas unha persoa de certa cultura para explicarlle quen somos e que queremos. En fin xa sabemos cal é a base electoral do BNG…

O esforzo teórico debe ter como principal finalidade ser capaz de fixar uns obxectivos a medio e longo prazo. Para isto hai que intuir, predicir ou como se lle queira chamar o futuro…cousa verdadeiramente difícil. No caso de non atinar moitas veces é mellor conservar o discurso que cambialo a última hora. Unha sociedade de vellos coma a nosa nega e critica os cambios…non hai peor que un virachaquetas…Neste sentido a postura do nacionalismo en temas coma o das piscifactorias, o das infrastruturas ou o das clases sociais é esquizoide. Metade (ou máis) da militancia segue con plantexamentos marxistas que imposibilitan calquer achegamento real e eficaz ao mundo das pemes, pasamos de criticar as autovías a pedirlle a Madrid que cumpra os prazos, o noso modelo produtivo para Galiza está sen definir e calquer problema remata coa manida frase de “máis axudas das administracións”.

Este movemento teórico que vimos de perfilar debe estar completado por un movemento inverso de achega ás políticas municipais. O PP goberna Galiza porque manda nos concellos e calquera que aspire á Xunta nun país analfabeto politicamente deberá facer o mesmo. Os nacionalistas coñecemos os grandes debates da política internacional (sobretodo aqueles que máis lle interesan á esquerda: Palestina, Cuba…), tamén falamos nos bares dos grandes problemas do país (enerxía, lingua, etc) pero somos nefandos perfilando programas municipais en concellos de menos de dez mil habitantes. Nas próximas eleccións irei nas listas do BNG do meu concello e teño un papel na porta do refrixerador para ver se me inspira e poido apuntar algo…algo diferente ao PP, claro…que logo na cotidianidade do rural non son tantas as cousas diferentes que se poden facer…

Creo que chegados a este punto vou algo longo de máis así que adoptarei un estilo máis telegráfico enumerando algunhas cousas. A meirande supoñen un cambio de mentalidade na propia militancia pois eu sempre crin que 100 persoas ben aliñadas son capaces de liberar un país mentres que as revolucións populares xeran caos e unha contrarreforma terrorífica.

Eis os puntos que faltan:

1.Temos que crer na importancia do simbólico fronte ao factible á hora de facer política. Non parar a Cidade da Cultura foi denigrante, non reprobar a Magdalena Álvarez (simbólico) por certos beneficios para Galiza (entelequia) forma parte da Historia da Infamia…

2.Hai que incidir na idea de que Galicia será nacionalista. Os tres grupos políticos levan flores á tumba de Castelao. A historia deste país é só a nacionalista; a outra ocúltase. Temos a superioridade moral.

3.Nun país que fai augas economicamente por moitos sitios e cuns convenios denigrantes (o da construción deLugo…pufff) o traballo debería ser unha prioridade. Se é unha prioridade é que está por diante doutras cousas…Non parece difícil de entender, pero vamos…

4.Relacionado co punto tres e para os ecós: non vamos a poder vivir só da agricultura ecolóxica e do turismo de élite por moito que nos guste…

5.Relacionado co anterior: as áreas protexidas deben ser poucas e intocables.Non moitas e intocables, nin moitas e tocables…

6.Isto sonará a dereita (como moitas outras cousas). Non todo funciona mal. Se todo funciona mal o modelo que propoñemos será sempre intervencionista. Nun mundo marcadamente rural e conservador o intervencionismo permanente das administracións é motivo de que nos fusilen ou de perder as eleccións…recordades?

7.Se a transparencia e a limpeza se traducen nun atraso administrativo do 200% non lle interesan a ninguén…nen a min sequera.(Sobre isto e o bipartito sendo profesor e con un pai enxeñeiro que fai proxectos e ten que traballar con varias administracións podería falar moito pero non quero aburrir).

8.A percepción dos vellos (a inmensa maioría) é a dun mundo que trocou radicalmente para mellor, dese no que hai una “chea de vicio”. Chegar con discursos catastrofistas só provoca rexeitamento e aquilo de “os tolos do bng”. Todo o que se diga ten que ser no contexto das outras comunidades do Estado e non en termos absolutos.(recordo a Bieito Lobeira defendendo que o colonialismo galego era coma o dos países de África…cousiñas da xuventude).

9.Todo o anterior se pode solucionar refuxiándose no voto urbano pero creo que xa nos quedou claro o leite que dá. Ás veces é mellor o rural rural que os rurais urbanizados ou o snobismo multicultural e apolítico.Costa máis tempo pero é fiel.

10.O BNG ten que ficar liberado do PSOE e firmar cousas co PP. Non se pode dar o pacto por suposto nunca máis.

11.O Estado necesita unha prensa e uns medios en Galiza. Aínda que La Voz non estivese conchavada co goberno da Xunta tería diñeiro do Estado.Olvidemos ese tema, nunca cambiarán, teñen unha forte ideoloxía…

12.Se non somos capaces dun xornal pensemos nunha rede de radios locais, desas que dan as esquelas e os resultados do fútbol das categorías inferiores…

13.Resulta incompresíbel que non teñamos un xornal gratutíto ou varios…

14.Hai anos, en Compostela vin un documento que a comezos da democracia fixera a esquerda abertzale no que se explicaban as bases do seu nacionalismo dun xeito sinxelísimo (coma o windows para torpes…). Sempre soñei con algo así. Se se buzonea nas eleccións tamén se podería buzonear isto. Todos entendemos que o Sempre en Galiza e o Atraso… non son para todos os públicos ouh? Despois das últimas eleccións e dunhas ceas familiares de acérrima discusión con meu pai eu comecei un documento así, pois vin que nen a clase media ten nin idea. Probablemente o colgue un día…

15.Unha vez ao ano os que traballamos e temos un soldo decente temos que pagar.É fodido pero hai que pagar. Cando me din de alta no BNG puxen de cota 20 euros e chamoume o responsable local para dicirme que para onde ía que os partidos políticos xa se subvencionaban cos fondos do Estado…fiquei perplexo. Outra vez en Santiago cando falei de que a xente en Euskalherria daba moito diñeiro contestóuseme que iso era cultura da resistencia…máis perplexo. Hai que pagar e pagar para cousas concretas e definidas.

16.Acheguémonos á xente. Non temos nada que compartir con eles pero necesitamos o seu voto. Busquemos aos amigos da infancia que non seguiron o noso camiño e preguntémoslle que queren, que farían eles…Non nos fiemos do que digan as enquisas e non sexamos uns puristas ( o cirio co das bandas de gaitas é tristísimo.Hai miles de exemplos máis. Non nos gusta nada do que lle gusta á xente).

17.Faigamos un esforzo tamén na posta en escea que ás veces a xente xa sabe quen somos e que votamos sen que abramos a boca.

18.Xa non mando máis. Obrigadiño."

Ningún comentario:

Publicar un comentario