martes, 28 de xuño de 2011

600.000 funcionarios, o peche de Galicia Hoxe e despedida


Agora que a marea azul avanza cara a consumación dos tempo retomei a lectura de "El Mundo" e da columna de Don Federico. Durante os anos de universidade era o xornal que primeiro lía. Seguiu sendo así ata outubro de 2004, cando ata o meu peculiar sentido do humor dixo basta, ao non aturar a enésima reviravolta da teoría de que o 11M era cousa de Rubalcaba e uns amigos.

Voltei a "El Mundo" para ir preparándome para o que ben. E xa que leo semellante cousa, algo saco en limpo. Ultimamente andan moi entretidos co seguinte argumento: en 1977 había 600.000 funcionarios, en 2011 3.200.000. Todo culpa das autonomías, porque a administración xeral do estado ten 600.000 funcionarios. Menten? Por suposto.

Para comezar meten no mesmo saco tódolos tipos de empregados públicos: funcionarios, persoal laboral, asesores, traballadores dos chiringuitos, policías, gardas civís, soldados.... e din que todos son funcionarios.

En segundo lugar voltemos a 1977. Había 600.000 funcionarios, certo. Porén non os escandaliza que unha administración que debería ser mínima coma a central siga tendo os mesmos funcionarios? Non porque todo esta mellor en Madrid. Por outro lado se empregamos a mesma falacia que en 2011 habería que incorporar policías, gardas civís, persoal dos organismos autónomos e os 700.000 traballadores dos distintos órganos do "El Movimiento Nacional" que foron incorporados entre o 76 e 78 a administración do estado como parte da transición. Vemos que os números medran que da gusto.

En terceiro e derradeiro lugar a maior parte dos empregados públicos son traballadores dos distintos servizos de saúde e educativos. Son moitos máis ca en 1977 porque agora a sanidade si cubre a todo o mundo, e educación aumentou o período de escolarización obrigatoria e si inclúe a todo o mundo. En 1977 por poñer un exemplo os integrantes do Réxime agrario da seguridade social non estaban incluídos no sistema de saúde. O devandito réxime só daba dereito a unha pensión os 65 anos. Da educación mellor non falamos.


O obxectivo final esta claro: privatizar. Todo dentro dunha campaña de linchamento publico o estilo da dos controladores para que cando chegue o momento sexan os "malvados funcionarios" os culpables de todo.






Remato con dous apuntes: hoxe é 28 de Xuño, aniversario do Estatuto do 36, e hoxe pecha Galicia Hoxe. (1,2,3)No acto da semana pasada preguntabámonos a quen lle tocaría caer este ano, despois do Xullo negro do ano anterior. Por desgraza xa temos resposta.


En fin aquí remata o curso. Se Deus quere e San Patricio axuda vémonos o 16 de Setembro. Moito me temo que teremos novas desfeitas das que falar.


Tamén en Galizauberalles

Ningún comentario:

Publicar un comentario