VIVIR O GALEGO, VIVIR EN GALEGO: COMPROMISO CIDADÁN POLA LINGUA
Como cidadán galego, como cidadá galega, comprométome publicamente a:
- Usar o galego en todas as conversas nas que tome parte, sen mudar de lingua a menos que o interlocutor non a entenda.
- Educar e falar sempre cos nenos e as nenas en galego, promovendo o orgullo da nosa lingua e a tolerancia a respecto doutras.
- Apoiar na medida das miñas posibilidades –como lector(a), espectador(a), oínte, colaborador(a), subscritor(a), accionista...– os medios de comunicación que empregan e defenden o uso do galego.
- Non consumir medios de comunicación que teñen unha liña editorial agresiva cara ao galego.
- Mercar un libro en galego e asistir a unha representación teatral en galego polo menos unha vez ao mes e ir ao cine sempre que se exhiba unha película en galego.
- Esixir o atendemento en galego, oralmente e por escrito, por parte de todas as administracións públicas (concellos, deputacións, Xunta, goberno do Estado, Xustiza) e das corporacións prestadoras de servizos ao público que operan na nosa terra.
- Consumir preferentemente nos comercios e superficies comerciais que teñen unha actitude positiva co galego, evitando mercar productos e/ou servizos de empresas belixerantes contra o galego.
- Combater as discriminacións por razón de lingua, expresándome sempre con firmeza e cortesía.
- Denunciar a actitude dos poderes públicos e privados que promoven agresións contra o galego e negarme a calquera complicidade coas persoas que as executan.
- Apoiar as asociacións, forzas sindicais e políticas que usan e defenden a lingua e a cultura galegas.
Todos estes compromisos resúmense en dous: apoiar activamente todas as iniciativas cidadás e empresariais comprometidas coa lingua galega; e non ser cómplice de quen a ataca, despreza, ignora e/ou minusvalora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario